Feliz Día da Patria, galeg@s!!! Hoxe é día de festa en todo o país e moitos xa estaredes en Santiago ou de camiño á capital para festexar. De igual modo, o 25 é día de celebración en moi diversos puntos do territorio (parroquias, vilas, cidades...). Vivimos o verán de festa en festa.
E comendo, claro. Tiñamos unha serie de receitas acumuladas con estes días que contamos con máis tempo e hoxe presentámosvos unha moi recorrente, coa nosa amada quinoa, un superalimento que se tornou imprescindíbel na nosa alimentación e que dá xogo para moi diversos pratos.
Desta volta, para lograr un prato aínda máis completo, integrámola con carne e verduras. Cousa saborosa!!! Talvez non actúe este como o mellor menú de festas mais si para os pratos do día a día en que non contamos con moito tempo.
Aí vai esta nova creación bolboreteira!
Quinoa con brócoli e tenreira
Ingredientes:
- 250 g de tenreira
- 200 g de quinoa
- 200 ml de auga
- 100 ml de viño
- 1/2 brócoli
- 1 cebola
- 2-3 dentes de allo
- 2-3 culleradas de soia
- 2 culleradas de brandy
- 1 cullerada de curry
- 1 cullerada de ourego
- Pementa moída
- Sal
- Aceite
Utensilios: unha tixola, unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos, temos que rustrir a cebola e o allo, cortados finamente, en dúas culleradas de aceite. Botámoslles sal e pementa ao gusto.
Adobamos a carne, cortada en tiras, co curry, o ourego e pementa e engadímoslla á verdura.
Deixamos que se doure un pouco e engadimos o brandy e o viño e deixamos que reduzan un pouco.
De seguido, engadimos o brócoli e a quinoa.
Mesturamos moi ben e agregamos a auga. Deixamos cociñar a lume medio 10 minutos.
Deixamos repousar uns 5 minutos.
E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste 😉
Ben, o do molde da estrela foi para lle dar un aspecto máis lúdico ao prato, haha. Sexa en estrela, cadrado ou triángulo, o certo é que a combinación deu moi bo resultado e na casa conquistou os ambiciosos bandullos dos comensais.
E vós que? Xa probastes a quinoa? Se non o fixestes, vai sendo hora, porque é do melloriño que hai e esta é unha boa opción para a probar.
Unha forte aperta, bolboreteir@s e moi bo día da Galiza!
Ningún comentario:
Publicar un comentario