sábado, 22 de xullo de 2017

Biscoito de plátano e coco

Agora si, aquí ficamos xa definitivamente de vacacións e ademais con moita alegría xa que tivemos moi moi boas novas esta semana. Toca desfrutar do verán e das festas así que hoxe xa vos presentamos unha das sobremesas preparadas para unha destas festas, neste caso nas Pontes, onde fomos como convidad@s esta pasada semana.
Como aínda non tiñamos todo o tempo dispoñíbel para elaborarmos unha torta máis complexa optamos por un biscoito, mais un biscoito diferente, especial en que sobresaen certos sabores como o do coco, esa froita amada por tant@s e dehostada por outr@s moit@s.
Talvez os biscoitos sexan a larpeirada máis feita en Galiza e parte do estranxeiro pois é algo que se fai relativamente rápida, sen complicación e que ademais dá para todas as comidas do día, desde o almorzo até a sobremesa. Así pois, deixamos unha nova opcións á hora de nos enfrontar a esta elaboración. 


Biscoito de plátano e coco



Ingredientes:


  • 6 plátanos
  • 300 g de azucre
  • 250 g de fariña
  • 225 g de manteiga
  • 140 ml de leite
  • 125 g de chocolate con avelás
  • 30 g de coco
  • 16 g de lévedo en po
  • 4 g de bicarbonato
  • 4 ovos
  • O zume de medio limón
  • 2 culleradas de vainilla
  • Un chisco de sal

Utensilios: tres cuncas, un baso, un batedor eléctrico e unha espátula (ou unha culler). 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de machacar os plátanos, por iso deben estar ben maduros. Reservamos.


Despois, temos de mesturar o leite co limón. Isto é o que se coñece como crema aceda. Reservamos. 


De seguir, mesturamos a fariña, co coco, o lévedo, o bicarbonato e o sal. Reservamos tamén.


A continuación, batemos a manteiga co azucre. 


Engadimos os ovos.


Cando estean integrados, a crema aceda e a vainilla. 









Logo, os plátanos triturados.


Tamén, e pouco a pouco, a mestura da fariña co coco. E, por último, o chocolate ben picado. 


Cando estea completamente integrado, engadímolo nun molde, previamente engraxado con manteiga e fariña).


Enfornamos, co forno prequente, a 180º, calor abaixo e ventilador, durante 50-60 minutos, até que piquedes cun escarvadentes e saia limpo. Se vedes que se torra moito o biscoito, podémolo tapar con papel de aluminio.


Pasado ese tempo, deixamos que arrefríe, decoramos cun pouco de coco e xa estaría listo para comer! 


Agardamos que vos guste e que o fagades na casa porque de seguro vos ha sorprender!


Non tiramos foto do corte porque na festa xa non nos lembramos máis que de comer mais ficou altamente substancioso facéndose moi apetitoso e apetecíbel. De todas formas, a mellor forma de o comprobardes sería coa propia elaboración e goce. Recomendamos por ser un biscoito un tanto diferente e que deixa moi bo sabor de boca. 
Pasade unha moi boa fin de semana, amig@s e sede moi felices!! 

2 comentarios:

  1. No me veis pero no dejo de haceros la ola pintaza tiene ese bizcocho y seguro que sabe mejor , os ha quedado de relujo.
    Seguro que fue todo un exito uuummmmmm.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar