martes, 1 de agosto de 2017

Garavanzos con mexillóns

Bo martes, bolboreteir@s! Benvid@s a agosto, un dos meses máis interesantes do ano, sen dúbida, aínda que sexa só pola cantidade de festas que temos polo país adiante.
Aínda que nós estamos a uns cantos quilómetros de distancia, non nos esquecemos da nosa terra, e nela precisamente o clima permite degustar, aínda no verán, pratos como o que hoxe vos traemos. Algún/nha estará a tratarnos de tolos ao ver este prato para comezar agosto mais a verdade é que a nós, canto menos na Mariña, co clima tan suave que temos (como estamos a comprobar este verán), préstanos un prato contundente coma este sexa a época que for.
Xa tiñamos en mente desde hai tempo probar esta combinación de mexillóns e garavanzos e, aínda que nun principio iamos optar por facelo en modo ensalada, o día de néboa levounos a optar por algo máis potente e tamén máis intenso.
Evidentemente, para @s da zona de Ourense e Vigo, seguirá sen apetecer aínda moito mais deixamos este novo recurso gastronómico para anotardes e levardes á práctica sempre que vós quixerdes. Aquí fica!


Garavanzos con mexillóns




Ingredientes:


  • 2 tazas de garavanzos 
  • 300 g de mexillóns 
  • 1 pemento vermello 
  • 1 pemento verde 
  • 1 tomate 
  • 1 cebola 
  • 2 dentes de allo 
  • Pemento doce 
  • Pemento picante 
  • Pementa moída 
  • 1 folla de loureiro 
  • 1 chile
  • Sal 
  • 100 ml de viño 
  • Aceite 
  • Auga 
Utensilios: dúas potas, un coitelo e unha táboa e un batedor eléctrico (opcional).

Elaboración:


Para comezarmos, temos de deixar os garavanzos en remollo a noite anterior. Ao día seguinte, cocémolos en abundante auga con sal e a folla do loureiro.  Cando estean listos, reservamos.


Nunha pota, rustrimos en dúas culleradas de aceite o allo, o chile, a cebola, os pementos e os tomates. Salpementamos.

 








Cando abranden un pouco engadimos o viño e o pemento doce e o picante  e deixamos cociñar 10 minutos máis.

 








Pasado ese tempo, se queremos, podemos triturar a salsa.


Engadimos os mexillóns e cociñamos 5 minutos.


Agregamos os garavanzos cocidos e fervemos todo xunto durante 5-7 minutos.










Reservamos durante 10-15 minutos para que se asenten os sabores e sexa aínda máis delicioso!


E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que probedes a facelo porque vos encantará 😉😉

Nas fotos xa podedes comprobar o apetecíbel deste prato mais resulta especialmente interesante esa combinación mar/terra encarnada nos mexillóns e garavanzos. Agardamos impacientes que nos contedes dos vosos resultados aínda que serán tan exitosos coma este, de seguro.
Unha fortísima aperta e tede boa entrada de mes!

2 comentarios:

  1. Ten unha pintaza.
    Duas puntualizacions:
    -o viño suponse q é branco
    -os mexillons xa están cocidos (para despistados)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, viño branco e os mexillóns en cru, estes son conxelados ☺️☺️

      Eliminar