sábado, 5 de agosto de 2017

Cocadas de limón

Nós somos tan lambóns que cando botamos unha semana ou dúas sen receita doce no blogue xa nos angustiamos, hahaha.  Claro, é que, hai que pór dozura á vida e aínda que non podemos estar con lambiscadas todos os días, estas son imprescindíbeis de vez en cando para lle dar unha alegría ao padal.
Así pois, hoxe traémosvos un clásico, as cocadas, que se fan nun abrir e pechar de ollos logrando unha gran efectividade no resultado pois a complexidade é mínima. Aínda que nós non somos grandes amantes do coco, é certo que nalgúns pratos si nos gustan e este é un deles xa que fica cunha textura moi peculiar e cun sabor característico que se desfruta a cada bocado.
De seguro que xa tod@s ou case tod@s os probastes algunha vez mais así que agora é o voso turno: mans á masa e a desfrutar do sabor caseiro destas cocadas de limón.


Cocadas de limón



Ingredientes:

  • 85 g de coco
  • 2 claras de ovo
  • 2 culleradas de azucre moreno
  • A reladura dun limón

Utensilios: unha cunca, unha bandexa de forno e papel vexetal.


Elaboración: 

Para comezarmos, temos de mesturar o coco, co azucre, o limón. 



De seguir, engadimos as claras. 


Mesturamos moi ben e facemos boliñas. 



Enfornamos, co forno prequente, a 180º, calor arriba e abaixo, durante 12 minutos, ou até que estean douradas. 


Deixamos que arrefríen completamente e xa estarían listas para comer! 


Agardamos que vos gusten e que as fagades porque, como vedes, son moi sinxelas. Agora que andan os peques pola casa, esta é unha moi boa opción para pasar un tempiño con eles/elas xa que lles encantará. O feito de amasar e ter que dar forma atrae moitísimo a nenos e nenas e cando vexan canto de saborosa fica a súa creación, aínda quedarán máis satisfeitos.


Pasade unha moi boa fin de semana e xa nos contaredes que tal esta nova delicia. Unha fortísima aperta, amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario