As nosas vacacións polas Illas Baleares chegan á súa fin mais as receitas continúan. Entanto imos acumulando unha chea de pratos coñecidos e degustados en Mallorca que levaremos á práctica proximamente, traémosvos un recurso para o día a día dos que non dan traballo ningún e dos que alimentan ben.
O arroz así como outros cereais tórnanse fundamentais na nosa alimentación polos hidratos que nos achegan. Con todo, de degustarmos acotío arroz branco con salsa de tomate acabaremos aborrecidos del e obviamente non terá grandes beneficios. Así pois, o ideal é, comermos arroz unha ou dúas veces á semana e facérmolo de diversas formas xa que este ofrece mil e unha posibilidades de combinación permitíndonos integralo con verduras, carnes, peixes...
É clave contarmos cun bo arroz mais tamén cuns bos acompañantes así que nós sempre procuramos aqueles que máis nos gustan. Os arroces son uns dos pratos máis personalizábeis que hai e unha boa oportunidade para dar un "toque de chef importante". Aquí a nosa opción de hoxe :-)
Arroz picante con champiñóns
Ingredientes:
- 1 vaso de arroz
- 8 champiñóns
- 1 cebola
- 1/2 pemento vermello
- 2-3 dentes de allo
- 50 g de queixo
- 1 chile
- Aceite
- Auga
- Pementa moída
- Sal
Utensilios: unha tixola, unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Empezamos, rustrindo en dúas culleradas de aceite os dentes de allo ben picadiños e o chile.
·
Agregamos a cebola e o pemento, tamén ben picada.
E os champis. Salpementamos ao noso gusto.
Engadimos o arroz e mesturamos moi ben.
Botamos o dobre de auga que de arroz e
deixamos que se cociñe até que estea no seu punto, aproximadamente 15 minutos.
Cando pase ese tempo, engadimos o queixo,
mesturamos ben e deixamos repousar 5 minutos.
Listo para comer! Tod@s á mesa! Probádeo,
seguro que vos encanta e vos saca dalgún apuro!!
Como podedes comprobar, dificultade 0. Pola contra, sabor 10! Non hai porque seguir ingrediente por ingrediente mais a verdade é que esta receita garántevos o éxito culinario. Se xa andades procurando novos recursos para os vosos menús semanais, aquí un candidato interesante.
Xa nos contaredes ou mostraredes que tal a vosa posta en práctica. Unha fortísima aperta, bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario