sábado, 12 de agosto de 2017

Unha visita a Yakitoro by Chicote

Bolboreteir@s!!
Como vai todo? Nós xa retornamos das nosas vacacións polas Baleares mais antes quixemos facer unha parada en Madrid, entre outras cousas, para probar o famoso Yakitoro by Chicote, neste caso o da rúa Reina.
Como hai moita curiosidade arredor deste tipo de restaurantes, quixemos facer un artigo diferente arredor desta visita gastronómica, deixando a receita para o próximo martes.



Ben, antes de nada, cómpre dicir que iamos ao Yakitoro sabendo a través doutras persoas que os prezos eran accesíbeis. Por se acaso, botamos unha ollada á carta antes de entrar e efectivamente, as tarifas cumpren co que esperabamos.
Este local amplo, ten unha decoración modernista en que todo está á nosa vista, as dúas cociñas, o exterior, todas as mesas... 
Botamos un bo anaco para decidirmos a nosa escolla pois as opcións son múltiplas. O camareiro explicounos un pouco a carta facéndonos algunha recomendación. Hai que dicir que o que dá sentido e nome a este local son os “yakitoros”, é dicir, as brochetas feitas á brasa con toques de cociña asiática. O propio camareiro aconsellounos pedir tres ou catro destas e un entrante. Estes “yakitoros” teñen un prezo entre os 3 e 6 € e veñen dous.
Como entrante degustamos un sorprendente Yakiramen de polo en pepitoria con E Chang noodles. Estes Yakiramen fusionan os cocidos xaponeses con pratos típicos da gastronomía madrileña e a verdade é que o fan de forma maxestuosa. Unha marabilla!


Continuamos coas brochetas. Había varias categorías, "da terra", "da auga", "da finca" e "da granxa". Pedimos unha de pequenas patacas asadas con salsa brava. Esta era a máis normaliña. As patacas no seu punto e a salsa saborosa, aínda que non era moi brava, haha.


De seguir, unha de polo lacado con salsa barbacoa china e guacamole. A carne estaba moi ben preparada e a dozura do mollo lograba un interesante contraste co guacamole. Moi ben.


A terceira brocheta, tamén con carne, era secreto de porco ibérico á brasa con vinagreta de mostaza doce. Ao igual que a anterior, a clave do éxito e sabor está nos contrastes, neste caso sobresaíndo o toque agridoce. 


Nós pensabamos que o punto forte do restaurante de Chicote sería o salgado, as carnes e pescados, mais a grande sorpresa do Yakitoro veu coa sobremesa. Tamén presenta varias opcións, aínda que nós optamos polas máis arriscadas.
Por un lado, degustamos un Yakitoro de algodón de azucre e toques cítricos que se basea nesta tradicional lambetada de feira mais suavizada a súa dozura con ese toque acedo que achegan os cítricos. Ben, aínda que non foi o máis sorprendente.



A outra sobremesa, Yakitoro de Mashmallow. Impresionante! A xoia da coroa ao noso ver. Era, cremos, a única sobremesa feita á brasa e probámola con moitísima intriga. A sensación é de sorpresa maiúscula pois fica tensa por fóra e dentro derrétese simulando un queixo quente. Desde logo, poñeremos esta larpeirada en práctica pois deixounos abraiados e conquistou o noso bandullo.


Así pois, de facerdes unha visita a Madrid, recomendámosvos achegarvos ao Yakitoro pois alén da intriga mediática poderedes degustar un restaurante de fusión por uns prezos asequíbeis en pleno centro de Madrid e no que destacan verdadeiras pratos do máis sorprendentes e un trato exquisito. O único "pero" está no prezo das bebidas. Non sorprende tanto que en Madrid nos cobraran 4,25 por unha Cocacola, senón que o prezo destas superara o dalgúns dos seus saborosísimos yakitoros. 
Ben finalmente por Yakitoro e ben por estas opcións de fusión gastronómica que garante o éxito.
Agardamos que vos poda resultar de interese o artigo de hoxe, un tanto diferente, mais que nos apetecía escribir para vós. Unha fortísima aperta, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario