sábado, 1 de abril de 2017

O sabor da arte: Maruja Mallo

Bolboreteir@s, hoxe chegamos con ganas de vos sorprender e de festexarmos o Día das Artes Galegas, unha celebración cun percorrido moi breve mais moi necesario para enxalzarmos un campo no que somos moi fecundos cuantitativa mais sobre todo cualitativamente, a arte. Porén, por que un artigo este ano, despois de dúas edicións. Temos varios motivos mais un é o que nos move principalmente: a artista honrada é Maruja Mallo, quen sempre admiramos e consideramos infravalorada, aínda que ben é certo que nos últimos anos se ten avanzado moito no coñecemento e difusión da súa obra.
Sexa como for, estivemos sempre ben orgullosos de Viveiro ter unha representante no mundo como Maruja Mallo e o seu legado artístico, imborrábel. Así pois, hoxe imos presentar un pequeno xogo a través de varias das obras da artista vangardista. Antes de nada, gustaríanos deixar claro que este percorrido parte da paixón de dous admiradores de Maruja Mallo mais non especialistas nin críticos de arte. O que encontraredes aquí si ten un afán lúdico cunha aproximación a cadros de Maruja Mallo e unha interpretación gastronómica dos mesmos. É dicir, tentamos facer a nosa humilde achega á difusión da obra da artista a través dun ámbito que nós cremos con moitas posibilidades.
Maruja Mallo (Ana María Gómez González) nace en Viveiro no 1902. Apenas pasa tres anos na cidade do Landro, residindo en diferentes localidades até instalarse en 1922 en Madrid onde ingresa na Academia de Belas Artes e coñece a diferentes membros da Xeración do 27.
Alí xa se mostra como unha muller moderna, libre e integrada nas actividades frecuentadas habitualmente por homes como cafés literarios ou deportes. Durante esta primeira década en Madrid xa traballa para diferentes publicacións como La Gaceta Literaria, El Almanaque Literario ou Revista de Occidente, realiza portadas de libros e comeza a recibir críticas positivas de figuras tan relevantes como Ortega y Gasset. Así mesmo, presenta os seus primeiros traballos.
No 31 viaxa a París varios meses nunha etapa de aprendizaxe e exposicións nas que interactúa con figuras como André Bretón, Magritte, Miró ou Pablo Picasso. Insérese completamente no surrealismo, causando expectación e admiración a súa obra nun contexto de fulgor vangardístico. Co estoupido da Guerra Civil, e coñecida a súa implicación republicana, foxe a Buenos Aires, sendo recibida xa como unha grande artista. A pesar da ocultación do franquismo, os seus cadros encerran o valor da arte insurxente, atrevida, fresca, sen fronteiras, e que mostra unha evolución que reflicte o seu percorrido vital nun contexto permanentemente cultural.
O retorno a España veu ligado a unha etapa de maior esquecemento que non provocou nela a interrupción artística nin o ocaso, recibindo a partir dos 80 diferentes recoñecementos como a Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes ou a Medalla de Galicia. Falece en Madrid no 95, con 93 anos. Porén, a pesar dunha vida chea de éxito e recoñecemento dos seus contemporáneos, a sensación que fica para moit@s, entre os que nós encontramos é a de ser infravalorada na Galiza e tamén en España entanto supón unha das mellores e máis transgersoras artistas do século XX e unha das grandes representantes do surrealismo pictórico. (Para saber máis podedes visitar a biobibliografía de María Luisa Sobrino Manzanares no CCG
Ben, índomos xa á obra, convén mencionar que a terra e o mar foron dous eixos vertebradores da súa concepción artística e que teñen moito a ver coa pegada que Galiza deixa nela.

"La sorpresa del trigo" seguramente sexa a súa obra máis coñecida e non iamos deixar nós fóra desta escolma. O protagonismo feminino é evidente nesta mostra enigmática en que chama a atención o tamaño das mans, que poden representar a forza de traballo feminino e o papel que esta ocupa na sociedade. Desa forza xorde un dos produtos bases da sociedade occidental, o trigo, situado na Galiza nos milleiros de muíños que hoxe resisten, cheos de soidade e faltos de presenza. Énos imposíbel non recordarmos con este cadro un alimento central, resultado final dun traballo de muíño, amasado e cocción e que nos presentamos hai tempo nesta receita de Pan de trigo.

 
Desculpade pór as nosas humildes creacións a carón destas xoias artísticas mais tiñamos ganas de realizar este xogo sensorial. A dozura deste "Aigaru" lévanos a lembrar o sabor e cromatismo dos  merengues de cores, ben gorentesosos. Con todo, nós intuímos neste cadro moita máis potencia da que pode parecer nun primeiro momento. A delimitación xeométrica é perfecta e o peso dun corpo decontruído cae curiosamente sobre dúas pernas de apariencia feminina. Hai ademais unha suavidade e variedade cromática que leva consigo un contraste formal moi chamativo.


En "Figuras" vénnos rapidamente á mente "As mariscadoras" de Luís Seoane aínda que aquí hai unha maior rixidez física por parte destas figuras femininas, redeiras, mariscadoras, traballadoras, símbolo da Galiza do XX. O mar, elemento transcendental e case espiritual preséntase en diferentes momentos da obra de Maruja Mallo. O principal produto que del recibimos é aquel que nos sitúa como potencia gastronómica, cunha calidade prima envexábel no mundo, o peixe. Entre estes nós resaltamos a pescada, orgullo do norte e ligada precisamente ao Viveiro natal de Maruja Mallo, concretamente ao Porto de Celeiro. Aquí vos deixamos a receita.











"La verbena" é un canto á diversidade, ás sensacións, á festa e como non, ao surrealismo. Os diferentes planos esconden moi diferentes sorpresas con personaxes do máis curiosos, desde cabezas cun só ollo, mans xigantes, leóns grisallentos ou un automóbil. Hai unha evidente centralidade do orgullo étnico, nun triángulo central de homenaxe. É pois para nós unha aglutinación de emocións que nos recorda a esas frescas ensaladas nas que tamén predomina cada vez máis o horror vacui e a multitude de elementos tal e como nesta ensalada de salmón.














Pechamos cun dos traballo para nós máis fermoso de Maruja Mallo, "Naturaleza viva". Hai unha maior formalidade clásica mais o surrealismo segue presente nesta pintura chea dunha cor cálida que recorda ao luscofusco máis fermoso nesa difuminación cromática na que se fusionan dous elementos de gran rendibilidade artística mais de relación previsibelmente inviábel, a rosa e a estrela de mar. Lógrase na sorpresa, na conexión inverosímil o equilibrio atrevido mais harmonioso. Parece ser que xa hai moito da pegada da súa estancia en Arxentina nesta creación, facéndose pertinente un clima máis seco. O mar e a terra, iso si, seguén a se combinar. E precisamente co noso Revolto mar e terra ligamos esta obra. Até o de agora non cociñamos con rosas e estrelas, mais terra e mar son para nós e para a gastronomía galega en completo, dous núcleos dos que tirarmos rendemento eternamente de mil e unha formas.

Agardamos pois axurdarmos a coñecerdes algo máis da nosa pintora máis relevante dunha forma moi diferente, chea de sabor e ao servizo das lembranzas que evoca en nós o goce destas cinco obras seleccionadas de Maruja Mallo. Animámosvos a afondardes un pouco máis na súa obra, a de valorardes a súa presenza histórica como corresponde e a saboreardes a arte eternamente, porque xa sabedes, o padal estimúlase tamén desde os ollos e a gastronomía acompañada e inserida nunha cultura rica e valorada será un elemento do máis exquisito.
Deixámosvos cunha sentenza da ensaísta María Zambrano que recolle perfectamente o que foi a artista viveirense, no plano vital mais tamén artístico: "cometeu un dos erros destrutivos e imperdonábeis: ser libre". Liberdade. A nosa herdanza está nunha obra e vida chea de liberdade.

8 comentarios:

  1. Encantoume!Pola creatividade e a interconexión de mundos aparentemente arredados, mais como acontece con todas as cousas boas desta vida, a arte non entende de barreiras e termina sempre dándose a man. A cociña hoxe, convosco, máis que nunca, é arte! PARABÉEENNSSS!!!:-)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas! Alegrámonos moito de que gustaras do noso artigo! Estamos totalmente de acordo de que a arte non entende de barreiras e podémola interconectar con todos os ámbitos da vida 😉
      Mil grazas de novo e unha aperta! 😘

      Eliminar
  2. Unha idea extraordinaria, moitas grazas email parabéns

    ResponderEliminar
  3. Me ha encantado el post,vaya que si me habeis sorprendido habeis demostrado que el arte no tiene barreras ,vuestra cocina es una gran obra de arte ,no os imaginais lo que he disfrutado con el post asi como conociendo el trabajo de Maruja Mallo el cual no conocia.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ohhh 😍, moitísimas grazas polas túas palabras!!!
      Unha aperta moi forte!!

      Eliminar