mércores, 7 de xaneiro de 2015

Revolto mar e terra

Comezada oficialmente a época de recuperación dixestiva e de depuración. Xa presentamos aquí moi diversas larpeiradas e pratos contundentes para encher ben o bandullo nestas festas, mais como todos os anos convén comezar a compensar os excesos. Por isto comezamos cunha receita lixeiriña e moi dixestiva que vos serve tamén para aproveitar algún dos mariscos que vos sobrou destes últimos días de enchentas. A nós só nos quedaron unhas gambiñas por aí, mais seguro que moit@ de vós tiñades algún langostino, mexillóns, ameixas ou mesmo se somos moi optimistas, algún cachiño de lumbrigante :-) Pois de seguirdes esta receita, podedes lle dar un bo proveiro e creardes un prato... máis que delicioso.
Conviría non encher moito o prato, porque aínda non sendo pesado, o estómago xa vén de moita carga nestes últimos días. Mais non quededes con fame, haha! A combinación de cogomelos e xamón sempre é do máis exitosa, mais se incorporades un pouco de marisco ou mesmo peixe achégalle un toque a mar que crea unha combinación moi moi interesante. A ver que vos parece.
Ah, e ao rematardes de ler a receita... a desexada resolución do sorteo. Abaixo tedes @s gañadoras/es! 


Revolto mar e terra

Ingredientes (para 2 persoas):
  • 100 gr de cogomelos
  • 100 gr de gambas
  • 50 gr de xamón
  • 5-6 langostinos 
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 chile
  • 1 ovo (opcional)
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 2 culleradas de aceite
  • Sal e pementa moída
Utensilios: táboa, tixola, culler, coitelo.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de rustrir o allo picado no aceite xunto co chile. 


Cando o allo se doure un pouco, engadimos a cebola tamén picadiña. 


Pasados uns minutos, cando a cebola abrande un pouco, botamos o xamón, cortado en anacos e mesturamos ben. 



A continuación, engadimos os cogomelos troceados.


Deixamos que se cociñen un pouco, e botamos o viño. Deixamos que reduza para que se evapore todo o alcol. 


Chegados a este punto, teríamos un salteado, que tamén está delicioso. Porén, para facer o noso revolto, só temos que botar o ovo e rompelo ben coa culler para que se mesture co resto dos ingredientes. 

Deixamos que se cociñe uns minutiños e xa estaría listo para comer!!


Mmmmmm... Que apetito se nos está abrindo de novo. Para nós un prato ideal para estes días de recuperación. Unha pequena porción deste revolto, acompañada por unha pouca de ensalada... ideal para depurar :-) Recoméndovos probalo en calquera momento do ano, mais estes días aínda máis. Que vos aproveite!

E xa lida esta última receita chega o momento de verdes quen gañou o noso sorteo, cuxo premio é ben humilde mais tamén moi saboroso e feito con moito agarimo. As ganadoras son... ÁS VOLTAS COA MODA e ORBALLO!! Os dous packs de galletas, aínda por concretar, van, polo que vemos, para dúas compañeiras de paixón, dúas blogueiras que parabenizamos!!!! Aproveitamos pois, para vos animar a visitar os seus blogues e a seguirdes lendo coa mesma paixón as nosas receitas. Millóns de grazas!

Deixamos nesta imaxe, a captura realizada na páxina web en que realizamos o sorteo para comprobardes o resultado. Entre as 19 persoas participantes, estas foron as dúas escollidas polo simulador. Cando poidedes, poñédevos en contacto con nós a través do correo para nos enviardes os vosos datos.


10 comentarios:

  1. pero que rico! con platos asi me apunto a la recuperación, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahaha! Para recuperarnos temos que facer cousas ricas que así son máis apetitosas :)
      Moitas grazas polo comentario :)

      Eliminar
  2. Ohhhh que sorte! Fáiseme xa a boca auga, mil grazas! Mando agora o correo :)))

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alegrámonos de que che faga tanta ilusión! Moitas grazas por participar e noraboa :-) :-)

      Eliminar
  3. Que sooooooooooooooooooooooooooooorte! Xa se me está a facer a boca auga!!!!!! Agora mando o correo! Un bico grande!!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahaha, esperemos que vos gusten as galletas ;)
      Moitas grazas por participar e noraboa :)

      Eliminar
  4. Tomo nota. Muito apetecível. Pedro.

    ResponderEliminar
  5. Que boa pinta!!! Encántanme estas combinacións de terra e mar!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A min tamén, porque mesturamos os mellores produtos que hai, haha!
      Un bico!

      Eliminar