Hoxe toca unha receita ben diferente das que fumos presentando até o de agora. Xa era hora de termos no blogue un prato con peixe, e neste caso optamos polo preferido das galegas e galegos, a pescada (tamén chamada peixota). Un peixe que mesmo adoita gustar aos máis reacios a comer todo aquilo que veña do mar ou río, xa que posúe unha textura e sabor fabulosos. Ademais, como ben sabedes, é un produto típico da nosa zona, concretamente do porto Celeiro, onde se celebra no verán a festa gastronómica dedicada á pescada con moi diferentes versións. Recomendámosvos que vos pasedes un ano porque merece moito a pena. É, sen dúbida, unha das xoias gastronómicas e económicas da Mariña luguesa.
A súa carne tan esponxosa permite moi diferentes preparacións culinarias aínda que nós optamos por un clásico, a pescada en mollo verde, un éxito garantizado.
Pescada en mollo verde
Ingredientes:- 6-7 toros de pescada
- 300 gr de ameixas
- 200 gr de gambas
- 1 cebola grande
- 2-3 allos
- Unha presa de pirixel
- 1 vaso e medio de viño branco
- Auga
- Fariña
- Chile picante (opcional), sal, pementa negra moída e pementa picante ou doce.
Elaboración:
Para comezarmos, picamos a cebola, o allo e o pirixel finamente, e botámolos nunha pota. Reservamos.
A continuación, enfariñamos os toros da pescada e dourámola nunha tixola cun pouco aceite para engadila posteriormente na pota sobre os elementos antes picados, xunto co chisco de sal, a pementa moída e o chile.
Botamos o viño e agregamos auga até case cubrir a pescada. Cocemos a lume medio durante 20 minutos e a metade da cocción engadimos as ameixas e as gambas.
Despois dese tempo, retiramos da pota a pescada, as ameixas e as gambas e trituramos o mollo; se vemos que está moi líquida podemos engadir unha cullerada de fariña para a espesar. Neste momento, ademais, botamos a pementa doce ou picante para dar máis sabor e intensificar a cor do mollo. E devolvemos á pota a pescada, as ameixas e as gambas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario