Amosando publicacións coa etiqueta pescada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pescada. Amosar todas as publicacións

martes, 8 de marzo de 2016

Das nosas receitas preferidas... Parte I

Vaia, pois hoxe imos cambiar a dinámica. Tranquil@s, as receitas non han faltar, de feito veñen en conxunto, nunha selección inmellorábel de Bolboretas no bandullo.
Ter un blogue de cociña é fantástico xa que nos "obriga" a estar continuamente xogando cos ingredientes e, desta forma, probando moitas combinacións e produtos novos. Tamén ten a vantaxe de que non podes aborrecer comendo sempre os mesmos pratos porque debemos variar para ter receitas novas para compartir, aínda que algunhas veces isto é un inconveniente porque algunhas das elaboracións quedan tan saborosas que che gustaría volver a elaboralas cada semana, hahaha. 
Desta forma, hoxe quixemos facer unha recompilación dalgunhas das nosas receitas preferidas; sabemos que quedan moitas no tinteiro (pizza, coca, pastel de carne, galletas salgadas etc.) mais, senón, esta entrada non tería fin ;) 


As receitas salgadas preferidas


Spaguetti de cabaciña con tomate seco


Esta receita foi un total descubrimento, vímola nun programa de cociña e decidimos probala para saber que tal, e ficamos encantad@s co seu sabor. Este prato é perfecto para introducir máis verduras na nosa alimentación e ademais é moi saudábel, algo moi importante. Ademais, admite moitas combinacións e, por iso, recorremos a el os días que non temos moito tempo de cociñar e nos apetece algo moi saboroso. Seguramente unha das mellores formas de degustar cabaciña, especialmente para @s peques.

martes, 17 de novembro de 2015

Faragullas de pescada

Non queremos que pensedes que nos esquecemos do peixe, eh! Que ben bo que está, aínda que talvez o deberiamos aumentar na nosa alimentación. E un dos que sempre temos a man é a pescada, xa que o consideramos superversátil e recorrente.
Mais para que vexades que non todo está planificado na cociña e non todo sae ben, contámosvos como chegamos a esta receita. De seguro que vos teñen pasado cousas parecidas:
Tiñamos pensado aproveitar media pescada que tiñamos no forno para lle sacar uns filetes e facelos á grella. Mais claro, era a nosa primeira vez para dito labor. E fracasamos, haha. Non fomos capaces de lamilas a pescada, a falta de experiencia pagouse desta volta. Mais claro, non iamos desaproveitala, por suposto que non. E o que fixemos foi retirar os anacos que desfixemos na tentativa, para elaborar unha receita con eles. E isto foi ao que chegamos:

Faragullas de pescada



Ingredientes (para 2 persoas):
  • 1/2 pescada
  • 1/2 cogombro
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 presa de pirixel
  • 1 chili
  • 2 culleradas de aceite

sábado, 1 de febreiro de 2014

Pescada en mollo verde

Hoxe toca unha receita ben diferente das que fumos presentando até o de agora. Xa era hora de termos no blogue un prato con peixe, e neste caso optamos polo preferido das galegas e galegos, a pescada (tamén chamada peixota). Un peixe que mesmo adoita gustar aos máis reacios a comer todo aquilo que veña do mar ou río, xa que posúe unha textura e sabor fabulosos. Ademais, como ben sabedes, é un produto típico da nosa zona, concretamente do porto Celeiro, onde se celebra no verán a festa gastronómica dedicada á pescada con moi diferentes versións. Recomendámosvos que vos pasedes un ano porque merece moito a pena. É, sen dúbida, unha das xoias gastronómicas e económicas da Mariña luguesa.
A súa carne tan esponxosa permite moi diferentes preparacións culinarias aínda que nós optamos por un clásico, a pescada en mollo verde, un éxito garantizado.

Pescada en mollo verde

Ingredientes:
  • 6-7 toros de pescada
  • 300 gr de ameixas
  • 200 gr de gambas
  • 1 cebola grande
  • 2-3 allos
  • Unha presa de pirixel
  • 1 vaso e medio de viño branco
  • Auga
  • Fariña
  • Chile picante (opcional), sal, pementa negra