martes, 28 de febreiro de 2017

Bolboreteando con... Xiana Lastra

Bolboreteir@s, vaia agasallo traemos para o martes de Entroido, nada máis e nada menos que unha nova entrega do Bolboreteando, a primeira desde 2017. Por tanto, tiña que ser especial. E éo, e moito. Hoxe temos en Bolboretas no bandullo a que para nós é a mellor voz da música galega. Un dos grandes descubrimentos do pasado ano, que nos deixou abraiados co seu Puntada sen Fío (moit@s xa tedes preguntado polos fermosos temas das nosas video-receitas; aquí a tedes). Desde aquela vimos seguindo de preto o seu percorrido pois alén de grande artista é unha persoa marabillosa e implicada fondamentecoa nosa cultura. 
O pasado venres 17 de febreiro presentou, na homenaxe ao benquerido Agustín  Fernández Paz en Ferrol, o último no que anda, A Banda da Loba, que vai chegar para arrasar. Aproveitamos pois, para falarmos un pouco deste novo proxecto, de gastronomía e moito máis con Xiana Lastra. E para que saibades algo máis dela, isto é o que nos di:
"Nacín o 12 de novembro de 1983 en Ferrol, se ben estou inscrita nas Pontes porque miña nai era de alí e facíalle ilusión. Ao final foi medio certo, pois crieime a cabalo entre Ferrol, As Pontes e Ortigueira, de onde era miña avoa. Sempre tiven (e sigo tendo) moit@s amizades en calquera dos dous sitios.
Desde nena sempre me gustaron dúas cousas especialmente: cantar e escribir. Foi por iso que cando puiden escoller que estudar decidín facer xornalismo en Compostela. Cando rematei, algo desencantada, marchei á Coruña estudar Comunicación Audiovisual e non foi ata pasado todo isto cando me plantexei dedicarme "un pouco máis en serio" a isto de cantar. Case recén chegada a Compostela con 17 anos coñecín a Juan Collazo nun grupo no que os dous colaboramos. Perdinlle a pista varios anos e nun Festival de Ortigueira atopeino de novo porque estaba tocando alí co seu grupo, Odaiko. Ao pouco tempo plantexoume a posibilidade de cantar con eles algúns temas, ofrecemento q por suposto aceptei, e foi aí onde din o "salto" do puramente amateur a ter que enfrontarme a un público de maneira máis seria. Con eles estiven varios anos, mentres durou o Galician on board, que foi o espectàculo no que eu participaba, e actuamos nun montón de sitios como Tenerife, o Festival de Jazz de Donosti, o Boomfest de Eslovenia... e fixeron que xa non me fose posible parar de cantar. Tras esa etapa foi cando decidín montar Puntada sen fío e agora, A banda da Loba .
E en paralelo ao musical, foi o audiovisual, aínda que remataron xuntándose. Tras varios anos traballando primeiro na TVE e despois na TVG, montei xunto aos meus compañeiros Seispés Producións Creativas, unha produtora de comunicación, audiovisual, deseño gráfico e produción musical, desde a que hoxe en día me empapo de todo o que ten que ver coa parte máis "técnica" da música e que tanto me gusta tamén."

Antes pois de nos adentrar nesta saborosa conversa queremos dar mil grazas, Xiana, por nos dedicares un pouco do teu tempo para este Bolboreteando nuns momentos de moito traballo para ti e ao tempo aproveitamos tamén para che agradecer a amabilidade que sempre mostraches con nós. Estamos encantados e con moitísimas ganas de saber das túas respostas.
  • Antes de nada, sabemos que Xiana é unha persoa activa e moi traballadora e polo que parece, algo anda argallando en novos proxectos. Pódesnos contar algo do que nos vai traer este 2017?
    • Antes de nada, darvos as grazas eu a vós, polas palabras e xestos fermosos que sempre me adicades. É imposible non querervos! ;) Ando argallando coma sempre, si... comezamos o ano cunha gala-homenaxe a Agustín Fernández Paz que fixemos en Ferrol o pasado día 17. Ese día, ademais de encargarme da produción da propia gala e da elaboración dun documental, actuou por primeira vez “A banda da Loba”, un novo proxecto no que ando metida e co que temos pensado sacar disco a finais de ano baixo o título “Bailando as rúas”. Foi unha estrea moi emocionante polo lugar, o momento e a gran acollida que nos deu a xente. Ademais, ando a voltas cun cd de música infantil que en principio tamén sairá a finais de ano da man de Xerais e que estamos compoñendo, arranxando e demais entre Adrián Saavedra, Andrea Porto e máis eu.
  • A traxectoria musical de Xiana caracterízase polo apego ao pobo, á cultura e en boa medida á literatura, musicando en diferentes proxectos textos de autores e autoras como Celso Emilio, Goytisolo ou Rosalía. Para Xiana, que supón ou pode supor a literatura para a nosa sociedade?
    • Creo que moi habitualmente o que se escribe é un reflexo da sociedade ou do momento vital que vivimos. É unha boa fórmula para expresar, para reinvindicar, ou simplemente para contar o que as persoas sinten, as súas emocións, as súas sensacións... e por iso creo que a palabra crea un tándem perfecto coa música, que dalgún xeito o que fai unida á parte escrita é potenciar todo iso que se di coa palabra, logrando chegar dun xeito moito máis completo e intenso ás persoas. No meu caso concreto, sempre me fixei moito nas letras das pezas que canto. Non me gusta non dicir nada. Tento que sexan mensaxes de calado e que fagan reflexionar sobre algún aspecto, sexa persoal ou ideolóxico.
  • Ademais da literatura, tense considerado a gastronomía como un dos grandes sinais de identidade galego. Cal é o teu poema galego preferido e de que manxar o acompañarías para unha lectura totalmente gorentosa?
    • Teño moitos poemas galegos preferidos e moitos manxares tamén, porque son de moi bo dente! Haha. De escoller un ao mellor quedaríame con “A xustiza pola man” de Rosalía pola súa forza e acompañaríao dun cocido e unha cunca de viño tinto, por iso de que xa está preto o Entroido. De todos xeitos non quero deixar de nomear o traballo de Rosalía Fernández Rial, a nosa Rosalía do século XXI, que é unha das nosas poetas actuais que máis me inspira e máis musico a día de hoxe. Acaba de sacar un libro de poesía reunida titulado “Sacar a bailar” altamente recomendable.
  • Que beneficio podemos tirar da gastronomía a nivel social e cultural?
    • Os beneficios son todos, non lle atoparía nada contrario! :) A gastronomía na vida sociocultural galega sempre tivo un papel fundamental que continúa a ter a día de hoxe. As nosas relacións sociais articúlanse en gran parte dos casos en torno ás mesas, con celebracións arredor de inxentes cantidades de comida onde se segue cantando ou contando contos..., ou ben nos bares e nas tascas, a través do tapeo. É unha fórmula perfecta de interacción entre as persoas. A miña preferida, de feito :)
  • Se puideses escoller unha voz, un ou unha persoa do campo musical co que compartir unha cea destas que se alongan durante horas, quen sería?
    • Que difícil! Por admiración artística a día de hoxe podería dicir que con Silvia Pérez Cruz, porque é unha persoa que ademais de parecerme unha gran cantante e unha gran música transmíteme unha sensibilidade e un compromiso que boto moito en falta nos tempos que corren.
  • Non sabemos moito da relación de Xiana coa cociña. Para ti é un espazo de tranquilidade e relax ou de tensión que prefires deixar a outr@s?
    • Pois depende do momento... Normalmente sempre vivo a todo correr, e cociñar nesas circunstancias non é moi agradable. Se ben é certo que cando teño tempo si me gusta a cociña e incluso me relaxa. Cociño tódolos días, mais non coa calma e dedicación coa que me gustaría facelo.
  • Cando decidimos dar o salto ao Youtube tiñamos claro que Puntada sen fío e a voz de Xiana era o fondo musical perfecto idóneo para acompañar as video-receitas pola súa sonoridade e dozura. Curiosamente, a nós fánsenos máis apetitosas así as creacións. Que prato te inspira a ti, cal impulsaría a Xiana a crear?
    • Ultimamente son moi fan da comida vexetariana e vegana, se ben como de todo. O Hummus, o Guacamole, o falafel, as hamburguesas de cereais... calquera desas opcións inspiraríame! Teño sorte e como vos dixen son de bo dente, penso que non hai absolutamente nada que non me guste.
  • A túa infancia sucedeu na Ferrolterra, da que seguro quedou algunha lambetada no maxín. Cal é a magdalena de Proust da Xiana?
    • Vivín toda a vida en Ferrol, desde nena, e a miña infancia está dividida entre Ferrol e Ortigueira, de onde era miña avoa e onde pasei tódolos veráns e periodos vacacionais dende que era pequena. Unha parte moi grande das miñas amizades están alí e continúo indo sempre que me é posible. De aí que sexa de Ortigueira de onde teño as mellores lembranzas culinarias: as tostas de pan con nocilla cando voltabamos da praia, as papas de millo que tanto lle gustan a miña nai (cousa que herdei entre outras moitas), os churros, buñuelos, filloas... que podías atopar recén feitos na cociña practicamente calquera día ao erguerte.... Era un luxo! Miña nai sempre foi unha gran cociñeira.
  • Voltándomos á musica. Cando xorde e de onde provén esta paixón?
    • Xorde de maneira natural e desde moi nena. Na miña casa sempre se cantou. Meu pai e miña nai son amantes da música, incluso estiveron nalgunha formación cando eran novos. Ademais, tiñan amizades moi vencelladas a ese eido como son María Manuela, Mini, Mero... dos que tanto aprendín despois co paso dos anos. No meu caso en particular e influenciada por todo iso, comecei a cantar nun grupo de música que había no meu colexio e que dirixía Miguel Varela (daquela marido de María Manuela e hoxe falecido) cando tiña catro anos. O grupo chamábase “Ledicia” e actuamos en moitísimos lugares ao longo do tempo, desde en “Cantareliña”, un festival infantil que se celebraba en San Sadurniño e de onde saíron grandes artistas como Abe Rábade, ata en Holanda, Bélxica, Suíza, Madrid, Barcelona... e por suposto por toda Galicia. Hai un par de discos editados incluso. Nesa formación estiven ata os 20 anos! En paralelo a iso fun ao conservatorio onde estudei piano e un par de anos a clase de canto. Creo que o paso final que fixo que me seguise dedicando a isto foi entrar como cantante no grupo Odaiko, onde aprendín moito e rematei de comprender que, dalgún xeito, sempre estarei vinculada á música porque é algo necesario para min.
  • A tradición está tremendamente presente tanto na música como na gastronomía galega. É histórico o debate entre o salto cara a adiante, á innovación, e a ollada ao pasado, con estruturas e bases consolidadas. Que opinas ao respecto?
    • Creo que é necesario facer as dúas cousas. A nosa música tradicional é moi rica e fermosísima. Debemos coidala e conseguir que siga presente e non desapareza nunca. Mais tamén é preciso que a xente faga cousas novas, que cree, que experimente... Para min non son en absoluto cousas incompatibles.
  • Cal é o concerto que che deixou mellor sabor de boca até o momento?
    • Meu ou como espectadora? Dos que din eu habería moitos que me marcaron, pero destacaría o que dimos no CGAC para presentar o disco de “Puntada sen fío”. Estaba moi nerviosa, como cando vas ter un exame, pero creo que se conseguiu crear co público unha atmósfera de complicidade e emoción moi fermosa e especial. E tamén o da gala- homenaxe do outro día a Agustín Fernández Paz coa Banda da Loba. Foi un chute tremendo de adrenalina debutar ante 800 persoas que nos trataron con tanto agarimo. Concerto ao que fun como espectadora... calquera dos que vin de Silvia Pérez Cruz ou ultimamente o que deu Guadi en Cedeira, onde presentou “O mundo está parado” con toda a banda. Paréceme unha muller moi sensible e moi valente.
  • Para irmos rematando e dándomosche un millón de grazas de novo, poñemos enriba da mesa unha última cuestión. Nuns tempos de dificultades para a cultura por todos os paus postos nas rodas desde diferentes puntos, que mensaxe lanzas de optimismo de cara ao futuro?
    • Creo que temos que estar moi orgullosas porque, pese a tódolos paus nas rodas, a creación non cesa e temos un sector cultural máis forte ca nunca, tanto na escrita como na música, no cine, no teatro... Hai moito talento en Galicia e está claro que ninguén foi quen de rematar con el malia os esforzos que fan desde as administracións.

Receita de Xiana: Tortiñas de plátano


Ingredentes para unhas 4-5 tortiñas:

  • 1 plátano
  • 2 ovos
  • 1 culleradiña de fariña
  • Canela, vainilla, zucre... son alternativas opcionais, segundo o lambóns que sexamos
  • Chiculate


É tan doado como ligar todo coa batedora e despois ilas cociñando na tixola ou nunha prancha. Se vos gusta o plátano alucinaravos o sabor. Están deliciosas. E, para darlles o toque final, un pouco de chiculate por riba e a comer! Son perfectas tanto para os almorzos como para merendar, e moi sanas!


Pois resulta que Xiana Lastra, alén de nos conquistar pola voz e forma de ser, agora tamén nos vai conquistar polo bandullo. Mimá, que lambetada tan gorentosa! Vaia bolboreteando tan fermoso quedou. Agardamos que o desfrutárades tanto coma nós e agora que xa sabedes algo máis de Xiana, animámosvos a non vos perder o seu traballo. Aquí vos deixamos a ligazón do último, coa Banda da Loba, que tamén podedes seguir polas redes sociais: Ti e eu - A Banda da Loba
Grazas Xiana, por esta marabilla de entrevista e receita que nos deixas e grazas a tod@s @s que estades aí día a día con lecturas e agarimo. Unha fortísima aperta!

4 comentarios:

  1. Como siempre un post fantastico ,no conocia a Xiana Lastra y gracias a vosotros ya tiene una nueva seguidora desde ahora no me voy a perder su trabajo.
    Las tortitas de platano las hago desde hace un par de años ,doy fe que estan de rexupete ,le han quedado divinsimaas y con el chocolate son de lo mas tentadoras.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O traballo de Xiana é espectacular, así que seguro desfrutas moitísimo con ela!
      Grazas por comentar, Chus!! 😍

      Eliminar