sábado, 4 de marzo de 2017

Albóndegas de quinoa con salsa picante

Sabemos que andades agardando para desfrutar deses sábados de receita e vídeo que traemos dúas veces ao mes. Pois estades de sorte pois hoxe toca video-receita, que ha de gustar a tod@s mais especialmente a aquelas persoas que gustan da cociña saudábel e de superalimentos como a quinoa, que conquistou os nosos pratos hai tempo e agora é un dos recursos máis habituais do noso fogar.
Ademais, despois da tempestade chega a calma, e neste caso a primeira está encarnada nos festíns lambóns que nos demos neste pasado entroido. Toca pois recuperar cuns pratos máis lixeiros e menos pesado sen sacrificarmos o sabor. Iso nunca!
As albóndegas sempre son unha delicia, e conforman un dos alimentos máis clásicos da nosa gastronomía adoitando converterse en especialidade tradicional de moitas familias. Con todo, non reparamos ás veces en que o "formato albóndega" permite ir moito máis alá da carne, aproveitándomonos de produtos ben diversos cos que enriquecer e variar a nosa alimentación. Esta é a nosa opción para hoxe, que nos encanta e vos recomendamos totalmente! A ligazón ao vídeo tédela aquí 😜.

Albóndegas de quinoa con salsa picante



Ingredientes: 



  • 200 g de quinoa cocida
  • 1 cenoria
  • 1/2 pemento (vermello, verde)
  • 1/2  cebola
  • 1 cullerada de salsa de soia
  • Pementa moída
  • 1 ovo
  • 8-10 culleradas de pan relado
Para a salsa:
  • 500 g de tomate triturado
  • 8-10 champiñóns
  • 2 culleradas de aceite
  • 2 chiles
  • Pementa moída
  • Sal

Utensilios: unha cunca, unha pota, un coitelo e unha culler.


Elaboración:


Para comezarmos coa salsa, temos de quentar as dúas culleradas de aceite na pota e engadir o tomate triturado. Sazonamos coa pementa moída, o sal e botamos, tamén, os dous chiles. Deixamos cociñar a lume medio mentres preparamos as albóndegas. 


Mentres tanto, mesturamos a quinoa (receita aquí) coas verduras (o pemento,  a cebola e a cenoria). De seguir, sazonamos coa soia e a pementa moída (nós non botamos sal porque a soia é bastante salgada). Tamén, engadimos o ovo e o pan relado. Se vos queda unha mestura moi lixeira, teredes que engadir un pouco máis de pan relado para que quede unha masa compacta.








Dámoslle forma ás albóndegas, procurando que sexan do mesmo tamaño, e engadímolas á salsa de tomate. Cociñamos durante 7 minutos. De cada pouco, movemos a pota para que se impregnen ben as albóndegas de salsa de tomate.


Pasado ese tempo, engadimos os champiñóns laminados e deixamos cociñar 5 minutos máis.








E xa estarían preparadas para comer! Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica. 


Bolboreteir@s, xa estades salibando, verdade? Pois non perdades a video-receita na que poderedes ver máis detalladamente a elaboración e resultado.
Nós tiñamos pensado deixar algunhas no conxelador para a semana que vén mais non nos puidemos resistir. Unha vez probada a primeira, sabiamos que non ían durar moito tempo.
Deixámosvos pois con este prato post-entroido co que lle darmos sabor á fin de semana. Unha fortísima aperta, amig@s!

4 comentarios:

  1. En casa no somos de picante, pero esas albóndigas de quinoa me apeten un montón, tengo que probarlas, biquiños

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Con quitarlle os chiles sería suficiente e así seguro que vos encantan! A verdade é que son aditivas 😂!
      Un bico e grazas por pasarte 😜

      Eliminar
  2. Una pena no poder meter el tenedor por que daba buena cuenta de ellas seguro que estaban de muerte relenta no lo siguiente, eso si con menos picante a mis chicos les encanta pero a mi no.
    Os han quedado de relujo y el video esta genial lo vi el otro dia desde el movil.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O picante sempre se pode eliminar, nós é que somos fanáticos! 😜😜
      Mil grazas polas túas palabras e ánimos 😘😘

      Eliminar