martes, 8 de novembro de 2016

Brownie con doce de leite

Poucas veces o título dunha receita soou tan lambón, verdade? Pois non pensedes que leva ao equívoco. Nin moito menos. Encontrámonos perante unha das lambetadas máis doces da traxectoria de Bolboretas no bandullo. Tan tan doce, que si, resulta difícil repetir pois cada porción é unha bomba que nos deixa tremendamente satisfeitos. 
E como xa tiñamos elaborado varios brownie con total éxito, aventurámonos a probar unha nova versión coa seguridade do resultado final pois chocolate e doce de leite deben estar no top 5 de lambetadas. Ademais, como estas últimas semanas están a ser moi estadounidenses por cuestións mediáticas, tiramos do caixón unha das últimas receitas, preparada para un aniversario hai un par de semanas e que versiona a receita orixinal creada por un pasteleiro dos EUA cando esqueceu botar o lévedo a un pastel de chocolate, quedando este biscoito non demasiado elevado e sendo máis ben un bloque substancioso cargadísimo de sabor. Aí vos vai!


Brownie con doce de leite


Ingredientes:

  • 350 g con chocolate con leite
  • 300 g de doce de leite
  • 400 g de azucre moreno
  • 250 g de fariña
  • 230 g de manteiga
  • 60 g de cacao puro
  • 1 cullerada de vainilla
  • 6 ovos

Utensilios: un batedor (eléctrico ou manual), unha fonte apta para microndas, unha espátula e papel vexetal. 


Elaboración:

Para comezarmos temos de derreter o chocolate xunto coa manteiga, no microndas ou ao baño maría. Deixamos atemperar mentres seguimos co resto dos ingredientes. 



Mentres tanto, mesturamos o azucre cos ovos. 



Cando estean totalmente integrados, engadimos o cacao en po e a vainilla. 




E, de seguir, imos integrando, coa axuda da espátula, a fariña. 


A continuación, cubrimos a fonte que imos utilizar co papel vexetal e botamos a metade da masa do brownie. Agregamos a metade do doce de leite e, coa axuda dun garfo ou un coitelo, mesturámolo un pouco. 


Cubrimos co resto da masa e engadimos o resto do doce de leite. A idea era que se vira o doce de leite, mais a nos afundíusenos un pouco.


Enfornamos a 175º, calor arriba e abaixo, durante 1 hora. Despois deixamos que se atempere e desmoldamos o noso pastel. 


Decoramos un pouco máis de doce de leite e xa estaría preparado para comer!! 


Aínda non temos claro con que opción nos quedamos, se coa tradicional ou con esta, que inclúe o noso benquerido doce de leite. Si aseguramos que esta sobremesa serve como peche perfecto a un xantar non demasiado copioso, pois xa de por si ten "peso" no menú. Ademais, cremos que está é parada obrigada para todas aquelas e aqueles que vos considerades moi moi larpeir@s. Ademais, gustaríanos saber que vos parece e se o gozades tanto coma nós. 
Deixámosvos pois, recordando o sorteo dunha caixa de produtos galegos de Lembranza Box que estamos a levar a cabo nas nosas redes sociais (FacebookTwitterInstagram). A por ela! Unha forte aperta :-)

4 comentarios:

  1. Até fico com água na boca só de olhar para esta maravilha!! :)

    Beijinhos Ana
    http://acasinhadasbolachas.blogspot.pt/

    ResponderEliminar
  2. Uummmmmmmmmm como me tientaaaaaaaaaaaas madre con lo lamboreteira que soy y lo poco que me gusta el dulce de leche jajajaja, porque no puedo que si no me llevaba un trozo seguro estara de rexupete.
    Aunque ya te he felicitado en Intagram aprovecho hacerlo por aqui tambien Feliz cumpleeeeeeee.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Este é contundente, haha, mais está moi rico!!
      Mil grazas guapa!!

      Eliminar