martes, 4 de outubro de 2016

Bolboreteando con... Ledicia Costas

Retomamos a nosa sección favorita, o Bolboreteando, e podemos sentirnos moi afortunados pois todas as persoas coas que estamos contando para este apartado son figuras que admiramos moitísimo dentro de ámbitos ben diversos da cultura galega. E dentro da nosa cultura, a xoia está nas letras, na literatura que tanto adoramos. 
Nela hai unha autora que vén conquistando lectores/as desde xa hai case dúas décadas e á que o último ano lle está traendo diversos recoñecementos grazas a unha obra clave na súa traxectoria e que nós consideramos xa fundamental para a literatura infanto-xuvenil galega: “Escarlatina, a cociñeira defunta”. Que sorte poder contar con Ledicia Costas en Bolboretas no bandullo.
Ledicia nace en Vigo no setembro do 79. Considérase herdeira de inventores e creadores de soños, talvez por iso desde ben nova se achegase á escrita. De feito, non lembra vivir sen esta paixón. Na adolescencia xa escribía novelas e desta etapa publica “Unha estrela no vento” (Xerais 1999) na colección Fóra de Xogo. 
A pesar de ser avogada de profesión, o seu percorrido vital e profesional fica ligado ás letras “a tempo completo” como ela mesmo di. Considérase tamén poeta e de feito deixa publicado versos en varias coleccións ademais do poemario “Xardín de inverno”. 
Fotografía tomada de "La Voz de Galicia"
Esta última década está a ser moi produtiva para Ledicia deixándonos numerosas obras como “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012), “Recinto Gris” (Xerais 2014), a dita Escarlatina (Xerais 2014) e a súa recente precuela “Esmeraldina, a pequena defunta” (Xerais 2016), “Un animal chamado néboa” (Xerais 2015) e a actual “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” (2016 Xerais).
Este corpus de soños, fantasías e historias nas que nos perder deron lugar moi diferentes recoñecementos literarios como o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro infantil e xuvenil do 2012, por O corazón de Xúpiter; Premio Martín Sarmiento para 1º e 2º de ESO no 2013, por Mortos de ningures, xunto a Pere Tobaruela; Premio Lazarillo de Creación Literaria en 2015, por Jules Verne e a vida secreta das Mulleres Planta; o Premio Antón Losada Diéguez de Creación literaria en 2016, por Un animal chamado néboa ou Premio dos Clubs de Lectura de Galicia de 2016. Con todo, foi “Escarlatina, a cociñeira” a que a levou a conseguir a maior das honras, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2015, dato ben significativo para as nosas letras e para mostrar as posibilidade da literatura en galego. Con Escarlatina chegou tamén o XXIX Premio Merlín de Literatura Infantil, o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de literatura infantil de 2014 ou o Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro infantil e xuvenil de 2014.
Hoxe en día xa resulta complicado falarmos de literatura galega sen pensar en Ledicia Costas. As súas obras están a deixar centos de lectores e lectoras por toda Galiza e vemos como, da súa man, @s pequen@s desfrutan acompañados dun libro. 
E antes de pasar ao que máis nos interesa, lermos a Ledicia, cómpre darlle millóns de grazas pola súa amabilidade e por se prestar desde o primeiro momento a realizar esta colaboración que tanta ilusión nos fai e que sabemos que tanto vos vai gustar. 

Que ganas de conversar con Ledicia, comezamos pois!

  • Benquerida Ledicia, benvida a esta bitácora dixital que agardamos sintas como o teu propio fogar na rede. Temos mil e unha cuestións para che preguntar, mais a primeira tiña que ser esta. Como xorde a idea de combinar dous campos, aparentemente distantes, como o da morte e a gastronomía en “Escarlatina, a cociñeira defunta” e “Esmeraldina, a pequena defunta”? 
    • Teño que recoñecer que cando escribo hai pouco de premeditación e moito de espontaneidade. Creo máis no instinto de escritora que na planificación. No caso de Escarlatina, o único que tiña claro era que quería escribir un libro onde a protagonista fose unha cociñeira morta. E que houbese receitas de cociña. Sempre fascinou todo o relacionado co universo do macabro e pensei que podía funcionar mesturado co gastronómico. Era unha idea arriscada pero atractiva. A medida que escribía fíxome graza combinar pratos do Alén, noxentos e nada apetecibles, con pratos do Aquén, eses que comemos a diario. En Esmeraldina xa me viñan dadas e entrei deliberadamente na gastronomía francesa. 
  • Notamos tanto en Escarlatina como en Esmeraldina, unha evidente influencia francesa que se confirma nos recetarios de Román e da Tremenda. Sentes especial atracción pola cultura gala? 
    • Esa decisión de que estivese tan presente Francia foi unha cuestión práctica. A cociña con máis sona a nivel internacional é a francesa. E tamén por iso pensei que tiña que haber un personaxe francés. Así naceu Lady Horreur, a araña gabacha. 
  • Despois da creación destas dúas pezas literario-gastronómicas, ten mudado a túa relación coa cociña? 
    • Sempre tiven unha magnífica relación coa cociña, no papel de comensal. Moitas das receitas que aparecen nestes libros son pratos que me encantan. Achegarllos ás cativas e cativos era un reto. Se o penso ben, é certo que hai algo que mudou a raíz da escrita destes libros. Logo de visitar ducias e ducias de escolas galegas, percibín que se estaba creando unha auténtica comunidade gastronómica arredor de Escarlatina. Vinme moitas veces no papel de xulgar os pratos dos cativos, que me agasallaban con sobremesas que facían nas súas casas con moito agarimo, no seu tempo libre, traballando en equipo coas súas familias. Isto supuxo para min un punto de inflexión. Caín na conta de que é das poucas cousas que sobreviven ás novas tecnoloxías, á televisión, videoxogos... os pequenos da casa gozan de verdade cociñando coas súas nais e cos seus pais. A cociña proporciona momentos moi especiais. Eu non era consciente ata que punto. 
  • Nós escachamos coa risa coa elaboración dos famosos pratos para mortos que preparaban Escarlatina, Román, Lady Horreur e o Avó. Agora que está tan na moda a deconstrución de receitas, a alta cociña e a apariencia, como verías unha carta con opcións comestíbeis mais con designacións escarlatianas como “Pastel de follas de col con lesmas maceradas” ou “Filete de cu de avestruz empanado con crocante de cascuda regado con mexo de burra”? 
    • Pois estou agardando ofertas de restaurantes de alta cociña. Non sei a que esperan para meter estas receitas nas súas cartas! Falando en serio, establecer sinerxías, nos tempos que corren, paréceme unha opción moi intelixente. Sería tan emocionante coma divertido que algún restaurante se animase cos nomes das receitas do Alén Mundo. 
  • A empanada de pelos, con crías de lesma, escuma de mofo e prebe de páncreas é toda unha oda de sabor e náuseas que conquistou a mortos e “vivos”. Imaxinas a cara do xurado nun destes talent-show culinarios ao presentares un prato así?
    • Pois ben lles viría relaxarse un pouco, que ás veces semella que tragaron o pau dunha fregona, os pobres. Non me gustan eses programas porque fomentan a falta de compañeirismo e a competitividade máis feroz. Canto me gustaría que algún concursante os descolocase cun prato de nome nauseabundo... 
  • Estes dous libros supoñen unha caixa de recursos culinarios e ademais unha fonte inesgotábel de aprendizaxe de termos na nosa lingua. En que medida cres que é relevante normalizar o noso idioma no ámbito gastronómico? 
    • É decisivo. A gastronomía forma parte das nosas vidas. Adoitas compartir mesa con persoas coas que estás cómoda, xente da túa familia, amizades... as cousas importantes fanse coas persoas que máis queres. Paréceme indispensable ese exercicio de normalización lingüística nun ámbito de tanto peso coma o gastronómico. Sobre todo, pola longa tradición culinaria que existe en Galicia. O polbo á feira, o arroz con chícharos, o cocido, as centolas, as flores de entroido, as filloas... saben moito mellor en galego. 
  • Unha das nosas preguntas sempre favoritas. A madalena de Proust da Ledicia Costas… 
    • Adoito ver na lúa crecente o sorriso do Gato de Cheshire. Esa imaxe trasládame a cotío á miña infancia. Algo similar sucédeme cando como flan de ovo. Sempre lembro os que me facía a miña nai sendo eu unha nena. Tiña un molde especial con forma de estrela e outro con forma de lúa. Eu adoitaba imaxinar que estaba comendo un anaco de ceo. 
  • Consideramos fundamental o logro de recoñecementos para a nosa literatura como o Premio Nacional de Literatura Infantil 2015 polo teu “Escarlatina, a cociñeira defunta”. Como recibiches a nova? 
    • Con moita emoción. Non só polo premio en si mesmo, senón polo que implica recibir un recoñecemento cunha obra escrita en galego que competía con obras escritas no resto das linguas do Estado. Cando me foi concedido o Premio Nacional, o libro non estaba aínda traducido. Ese feito vivino con responsabilidade. En galego é posible. Esa frase funciona para min coma unha especie de motor que me obriga a estar sempre en marcha. 
  • É a recompensa a un traballo fabuloso e enorme porque aquí hai novela e recetario. De onde xurdiu ese corpus gastronómico que acompaña estas lecturas? Foron postas en práctica algunhas durante o proceso creador? 
    • Todas foron elaboradas durante o proceso de escrita. Teño boas cociñeiras na familia. Para confeccionar o receitario, a miña irmá e máis eu traballamos en equipo. Ela propoñía posibles receitas e poñíaas en práctica. E eu dedicábame a probalas. Sorprendeume cunha chea de pratos. Os que máis me gustaron pasaron a formar parte dos libros. 
  • Que menú prepararía Ledicia Costas para unha cea con Román, Escarlatina, Lady Horreur, Nicotina ou o Avó se estas puidesen retornar á vida? 
    • Unha empanada de mexillóns ao estilo do Alén Mundo. Xa sabedes: pelos con crías de lesma, escuma de mofo e prebe de páncreas. Unha delicia mortal! 
  • Xa para ir rematando… nós cremos que Escarlatina e Esmeraldina son xoias potenciais para seren levadas á gran pantalla. Pensamos que para o cinema galego sería unha fortuna contar cun filme infantil deste estilo e estamos segurísimos que o éxito había de ser o correspondente ao dos libros. 
    • E a quen temos que chamar para que isto suceda? Fóra bromas, agradezo de corazón que vexades en Escarlatina e Esmeraldina ese potencial. Oxalá se cumpran os vosos presaxios!  
  •  Agora si… a última antes de nos deixar coa túa apetitosa creación. Que prato cres que sería o capaz de levantar a un morto, como popularmente se di?
    • Unha boa enchilada con extra de picante. A cociña mexicana é un reto pendente.

MADALENAS MODERNAS DE FERRERO ROCHER
(no Alén o nome da receita sería: “madalenas de excremento de dromedario coroadas con bóla de escaravello peloteiro”)




Para o biscoito das madalenas:

  • 100ml de aceite suave de oliva 
  • 150g de azúcar moreno 
  • 120g de fariña 
  • 2 ovos 
  • 120ml de nata líquida 
  • 30g de cacao en po sen azucre 
  • 1 cullerada e media de fermento químico tipo Royal 
  • Media cullerada de bicarbonato sódico 
  • 40g de abelás tostadas peladas 
  • 12 bombóns Ferrero Rocher 
  •  E, por suposto, sombreiriños brancos de papel, os que se usan desde sempre para facer as madalenas. 

Para a crema de chocolate e abelás:

  • 200g de manteiga con textura de pomada. 
  • 200g de azucre en po 
  • 150g de chocolate negro derretido (que non estea moi quente, deixalo arrefriar un chisco) 
  • 2 culleradas de abelá en pasta (véndese así) 

Mans á obra!

O primeiro é poñer o forno a 180º para que vaia collendo temperatura. Hai que triturar as abelás ata que teñan textura de po. Logo debes mesturar o aceite, os ovos, o azucre moreno e mais a nata líquída. Reservar.
Nunha cunca grande peneiramos a fariña co cacao, o fermento e o bicarbonato. Incorporamos esta mestura á que temos reservada e engadimos as abelás moídas. 
A continuación botamos nos sombreiriños brancos media cullerada da nosa masa. Colocamos no medio un Ferrero Rocher e botamos outra media cullerada de masa.
Chegou o momento de meter as madalenas no forno durante 20-22 minutos ou ata que ao picalas cun escarvadentes saia case limpo. Agora temos que preparar a crema. Debemos fundir o chocolate a baño maría e deixalo nunha cunca ata que arrefríe un chisco. Peneiramos o azucre en po e o batemos coa manteiga ata conseguir unha mestura con textura de esponxa. Incorporamos devagar o chocolate fundido e batemos ata obter unha crema homoxénea. Engadimos a abelá en pasta e continuamos batendo un chisco máis. Xa está lista a crema! Agora só falta decorar as nosas madalenas coa manga pasteleira e... listas para papar! 

Xenial ilustración de Víctor Rivas

Con esta fabulosa receita, xa anda a Esmeraldina pululando por aquí... E como non imos estar orgullosos do que aquí nos deixa a nosa admirada Ledicia! Que marabillosa entrevista e vaia receita gorentosa, mesmo co nome do Alén Mundo, haha!
Estamos inmensamente agradecidos pola túa colaboración Ledicia e por toda a amabilidade con que sempre nos atendiches. Cómpre agradecer inmensamente o esforzo realizado para sacar tempo para Bolboretas no bandullo e dar os parabéns por todas as achegas que vés facendo desde xa hai ben anos á nosa literatura e cultura. Xa es imprescindíbel! 
Igualmente dámosvos as grazas a vós por estardes sempre aí e facerdes que todo traballo teña recompensa en modo de lectura e interacción. Aproveitamos, sabéndovos amantes das nosas letras, que non perdades ocasión de desfrutar da obra de Ledicia Costas e que vos animedes con algunha novela como a de Escarlatina-Esmeraldina ou coa última, cun título tan suxestivo como “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”. Adiante coa literatura galega! Unha forte aperta, bolboreteir@s!

6 comentarios:

  1. Essas madalenas estão com um aspecto maravilhoso! Adoro chocolate!

    Beijinhos Ana
    http://acasinhadasbolachas.blogspot.pt/

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Nós tamén, que ben que che gusten, alegrámonos moito!
      Un bico e grazas por pasarte!!

      Eliminar
  2. Como siempre me ha encantado la entrevista que habeis echo a Ledicia ,la cual no conocia y mañana cuando salga ire a la libreria a encargar su libro me muero por leerlo ,ojala algun restaurante se anime y tenga los platos del libro con sus nombres que algunos son bien simpaticos en su carta.
    Las magadalenas modernas de Ferreo rocher divinisimaaaaaas no lo siguiente ,solo siento no haber podido meter la mano y dar cuenta de una mientras leia la entrevista jis jis.
    Muchas gracias por darme a conocer una vez mas la literatura galega el año que viene uno de mis propositos sera hablar y leer en gallego en casa.
    Ojala haya suerte y podamos vermos el dia 22 en Lugo ,os aseguro que os encantara disfrutar de todo lo que nos tendran preparado los organizadores de la xuntanza.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ohh! O noso artigo cumpriu o propósito, que ben que vaias ler os libros, a verdade é que son fantásticos os dous! Este ano non vai poder ser o de Lugo, que temos un evento toda a fin de semana en Carballo, mais temos que organizar algo para vernos!!
      Un bico e mil grazas por estar sempre por aquí!!

      Eliminar
  3. Parabéns por tan magnífica entrada, cada vez me gustan máis estas bolboretas. Bks.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ohh moitísimas grazas!! Para nós son unha alegría as túas palabras!!
      Un aperta enorme!

      Eliminar