martes, 6 de outubro de 2015

Torta de chocolate e framboesas

Canto había que nos pediran esta larpeirada e como nos esquecéramos dela... erro imperdoábel. Mais mellor tarde que nunca, haha. Sobre todo porque nola solicitara unha seguidora ben próxima a nós, miña irmá! Iso si, foi compensada xa que apareceu esta torta precisamente para facer máis doce o seu aniversario. E vaia se se logrou, ñam!!
A verdade é que xa nos ides coñecendo e sabedes canto desfrutamos elaborando tortas, sobre todo se son de chocolate xa que este sempre estivo presente nas primeiras dozuras que aprendimos a elaborar.
E a inclusión de froitos como amorodos ou framboesas entre tanto chocolate sempre acaba por namorar. Con todo, o que cremos que vos sorprenderá desta torta é a masa, feita tamén a base de cacao.
Amantes chocolateir@s! Esta é a vosa!

Torta de chocolate e framboesas


Ingredientes:

Para a masa crebada:
  • 300 gr de azucre
  • 260 gr de fariña
  • 200 gr de manteiga
  • 40 gr de cacao en po
  • 1 ovo
  • 1 cullerada de vainilla
Para o recheo:
  • Crema pasteleira de chocolate (receita aquí)
  • 75 gr de chocolate negro
Para a decoración:
  • 250 gr de framboesas
  • Azucre glas

Utensilios: molde baixo 23cm, espátula, culler, pincel, garavanzos, garfo rolete papel transparente e papel vexetal.


Elaboración:

Para comezarmos temos de facer a masa. Para iso,  mesturamos a fariña co cacao. 


Cortamos a manteiga en anacos e engadímoslla. Mesturamos coas mans até que se integren completamente. 


De seguir, engadimos o azucre. 


Batimos o ovo coa vainilla e engadímolos tamén. 


Mesturamos ben até formar unha bola. Cubrímola con papel transparente e refrixerámola durante 1 hora.


Pasado ese tempo, estirámola coa axuda dun rolete. Se vemos que se pega, podemos engadir unha pouca de fariña.

Colocamos a masa sobre o molde e picámola cun garfo. 


Poñemos un pouco de papel vexetal e botámoslle os garavanzos por enriba. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos. Despois, quitamos os garavanzos e deixámolo 5 minutos máis. 


Deixamos que arrefríe un pouco e fundimos o chocolate, do recheo. 


Colocamos a base da torta na torta en que a imos presentar e pintamos a base con ese chocolate que acabamos de fundir. 

Refrixeramos mentres preparamos a crema pasteleira, da que tedes unha receita aquí. Nós utilizamos as mesmas cantidades. 


Botamos a crema sobre a base e deixamos que arrefríe uns 10 minutos.


E chegou o momento da decoración! Lavamos as framboesas e colocámolas sobre a crema.


Empoamos co azucre glas e refrixeramos durante unha hora para que se asenten os sabores. E xa estaría lista para comer!! 


Resulta agradábel de ver mais moito máis aínda de comer. Unha verdadeira oda ao chocolate da que pouco máis se pode dicir non sendo ánimos para a facerdes canto menos unha vez (isto leva trampa xa que sabemos que se a probades habedes de facela unhas cantas veces máis).
Quedades para sempre cunha grandísima larpeirada!!!

2 comentarios:

  1. Ohhhh se ve impresionante y de chocolate que me encanta! Muchas gracias por compartirla

    Un abrazo

    ResponderEliminar