sábado, 10 de outubro de 2015

Mexillóns tigres rabiosos

Bo sábado de ponte! Veñen uns días para aproveitar e descansar, e tamén para facer algunhas receitas que tiñamos pendentes, non si? Hoxe achegamos outra para a listaxe que seguro que tod@s coñecedes mais non sabemos se a preparastes algunha vez. Nós até o de agora non, así que xa era hora.
Os mexillóns son un dos mariscos máis económicos así que nos permiten de vez en cando permitirnos un pequeno luxo coma este. Aínda que si, desta volta nunha versión picante só apta para valentes.
Este prato adoita encontrarse en moitas baiucas galegas xa que é tradicional da nosa terra aínda que na actualidade xa se asentou como tapa en moitísimos bares do estado español. Na Coruña, iso si, parece que aínda ten maior éxito e mesmo sabemos dalgún local que dedica o nome a este manxar.
Certo é tamén, que existen diferentes versións para os elaborar, como pode ser cunha salsa similar á bechamel despois pasada pola tixola ou gratinada ao forno. Porén, nós consideramos que esta mantén a tradición e a orixe do nome, coa presenza dese picante que o converte nunha delicia saborosa mais tamén ameazante, haha. Todo vai tamén en canto vos guste o picante. Nós botamos bastante logrando o efecto desexado. Con todo, non é un picor deste que fica na boca durante minutos senón que vén e vai rapidamente. A ver que vos parece!

Mexillóns tigres rabiosos


Ingredientes:
  • 1 kg de mexillóns
  • 1 tomate grande (350 gr)
  • 1 cebola
  • 3 dentes de allo
  • 4 chiles
  • 1 culleriña de pemento picante
  • 1 folla de loureiro
  • 1/4 de vaso de viño branco
  • 2 culleradas de aceite
Utensilios: pota, tixola, culler de pau, batedor eléctrico.

Elaboración:

Para comezar, temos de limpar os mexillóns (quitarlles os pelos) e abrilos nunha pota cun chisco de auga. Reservamos. 


 De seguir, temos de rustrir a cebola e os dentes de allo, picados finamente, en dúas culleradas de aceite. 


Cando abrande un pouco a cebola, engadimos o tomate cortado en anacos, o viño branco e a folla de loureiro. Tamén, os chiles e o pemento picante.



 Deixamos cocer durante 20 minutos e trituramos co batedor eléctrico. 


Quitámoslles unha cuncha aos mexillóns e colocámolos no prato/fonte en que imos servir.


Botamos un pouco de salsa por enriba dos mexillóns e xa estarían preparados para comer!! 


Agardamos que vos guste...

Non podedes imaxinar o contentos que quedamos cos nosos mexillóns trigres. Ás veces xa sabedes que resulta complexo dar co punto concreto de picante para non ficar no escaso ou no exceso. Porén, desta volta, saíu segundo o desexado.
Vós xa decidiredes se os pór de petisco ou como prato principal. Dependerá tamén da cantidade, mais aínda que normalmente estes moluscos non son máis que un "lambe-lambe", deste xeito hannos deixar máis satisfeit@s o bandullo. E máis resistente, tamén, haha.
Agardamos que desfrutedes da receita de hoxe e que aproveitedes a ponte para a degustar na casiña. Unha fortísima aperta bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. se ven de lo mas apetecible y eso que no soy mucho de picantes, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Seguro que sen os chiles e con pemento doce en lugar de picante tamén estarían bos :-) :-)
      Bicos

      Eliminar