sábado, 8 de marzo de 2014

Spaguetti picantes con xamón

Co que nos gusta Italia e a súa cociña non sei como aínda non tiñamos subido ningunha receita de pasta... Hoxe presentámosvos unha das nosas receitas sinxeliñas preferidas, que xa vimos facendo desde hai moitos anos; claro, a pasta é do primeiro que se aprende a facer... Un dos mellores recursos gastronómicos para o estudantado 
Os spaguetti son moi económicos e podemos elaboralos de moi diversas formas, escolléndomos nós acompañalos dun produto estrela, o xamón. É por tanto unha receita ao alcance de principiantes da cociña e  pensada para @s que gustades do picante. Aquí vos traemos uns especiais spaguetti picantes con xamón:

 Spaguetti picantes con xamón

Ingredientes:
  • 300 gr de spaguetti
  • 100 gr de xamón
  • 2 dentes de allo
  • 2 chiles
  • Queixo relado
  • Pementa
  • Ourego
  • Alfábega
  • Aceite de oliva
  • Sal

Elaboración:

Para comezarmos temos de cocer os spaguetti en abundante auga fervendo cunha cullerada de aceite de oliva e sal. Para sabermos se están cocidos probamos un (outro truco é tirar un contra un azulexo e se se queda pegado é que está perfecto). Escoámolos e reservamos.
 



 A continuación, botamos nunha tixola dúas culleradas de aceite e rustrimos os dentes de allo picados co chile e un pouquiño de xamón, para que estean máis saborosos.




De seguir, engadimos os spaguetti e o resto do xamón. Mesturamos ben e fritimos durante 5 minutos.




Botamos o queixo relado, a pementa, a alfábega e o ourego e, de novo, mesturamos. Deixamos se que fagan ben na tixola e xa estarían preparados!! Podédelos comer así ou engadíndolles salsa de tomate, mellor se é caseira, que tamén lles dará un toque moi especial.  






Como vedes, realmente fáciles de facer. Un prato de moito sabor, que nos achega os hidratos de carbono e proteínas necesarias para un bo xantar. E se tedes pensado facer deporte pola tarde, aínda máis recomendábel comer antes este pratiño de pasta. Desfrutádeo;-)



Ningún comentario:

Publicar un comentario