domingo, 5 de xaneiro de 2014

Roscón de Reis

Ola de novo!! Nun día como hoxe é case obrigado subir a receita do Roscón de Reis, tamén coñecido como Pan de ovo. Vén sendo unha tradición xa mercar esta sobremesa típica, mais recoméndovos encarecidamente que se tedes un pouquiño de tempo probedes a facela. Aforraredes cartos e podédelos elaborar o máis personalizados que quixerdes. Seguramente na vosa casa non o volvades mercar debido ao éxito que suporá!

Roscón de Reis

Ingredientes:
  • 600 gr de fariña (igual vos fai falla algo máis)
  • 100 gr de manteiga
  • 100 gr de azucre
  • 2 ovos
  • Raiadura de laranxa e limón
  • 1 culleriña de ron (opcional)
  • 1 culleriña de azahar
  • 200 ml de leite
  • 20 gr de levadura de panadeiro
  • Un chisco de sal
  • Para a decoración: froita cristalizada, azucre. abelás e améndoas
  • Para o recheo: crema pasteleira, crema de chocolate, nata... 
Elaboración:
Nunha cunca mesturamos a manteiga fundida, o azucre, os ovos, a raiadura de laranxa, as culleriñas de ron e azahar, o leite, a levadura desmenuzada e o sal. Cando se integren, botamos a fariña pouco a pouco. O obxectivo é unha masa elástica e húmida. Agora debemos deixar reposar nun lugar cálido, o tempo variará de entre 1h 30 min a 3 h. 


Despois dese tempo, dámoslle a forma de rosca e xa o colocamos na bandexa do forno. É o momento de pintalo con ovo e decorar coa froita, a améndoa e o azucre (Se mollamos o azucre cunhas gotiñas de auga conseguiremos o azucre cristalizado tan típico deste doce), tamén é o momento de introducir as sorpresiñas nel. Debemos deixar que fermente, de novo, até que duplique o seu tamaño. De seguir, enfornamos a 170º (calor arriba e abaixo e colocado no medio do forno) durante 15 min, aproximadamente. 

















Deixamos que arrefrie, cortámolo cun coitelo de serra e reenchemos coa nosa crema preferida, ou mesmo podemos  botar a metade dun sabor e a outra doutro. 



A grande graza desta pan de ovo, alén do sabor, está nesa tradición de lle inserir unha serie de sorpresas. O obrigado vén sendo a faba que designa a quen debería ser o pagador do roscón, aínda que serviría un garavanzo ou outra legume pequena. Mais tamén cómpre meter algunha moeda ou  pequeno obxecto (coellos, sapos, meigas, curuxas etc.) que designará o afortunado da mesa. Como ides ser vós que elaborades este doce podedes xogar un pouco cos comensais e introducirlles algún billete falso. O caso é sorprender e sobre todo que estea bo.


 Non esquezades mandarnos a foto do voso roscón (bolboretasnobandullo@gmail.com) e pasade unha moi boa noite de Reis!

7 comentarios:

  1. Hoxe o día do Roscon de Reis !! non pode faltar, ten unha pinta fantastica, biquiños

    ResponderEliminar
  2. Esta receita tivo moito éxito na miña casa ;-)

    Rosalía

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Parabéns! Espero que teñas a foto para mandarma e poder poñela no blogue!
      Moitas grazas polo teu comentario

      Eliminar
  3. Ímolo facer hoxe... xa vos contarei.

    ResponderEliminar
  4. Xenial a receita! Etiquétovos en Facebook na foto para que vexades! 😁
    Para o ano repetiremos seguro 🙌

    ResponderEliminar