Amosando publicacións coa etiqueta verduras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta verduras. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de setembro de 2026

Ensalada de quinoa

Bo día, bolboreteir@s! Que tal levades o inicio Outono? Xa vos apetece un tempo máis fresco? Nós estivemos o sábado comendo castañas asadas na praia 😂. Mais, mentres esperamos a que baixen as temperaturas, deixámosvos esta ensalada morna, cun toque thai, que, desde que a probamos, é un indispensábel todas as semanas na nosa casa. 
Ademais de estar boísima, dános xogo para reaproveitar eses ingredientes que nos quedan abandonados no frigorífico. De todas formas, aquí vos deixamos a nosa versión por se vos apetece probala. 



Ensalada de quinoa


Ingredientes:


  • 300 g de quinoa
  • Heura/polo
  • 2 cenorias reladas
  • 1 cogombro
  • 1 cebola morada
  • Millo ao gusto
  • Coantro fresco
Para sazonar a quinoa:
  • 1 cullerada de allo en po
  • 1 cullerada de cebola en po
  • 1 culleriña de comiño
  • AOVE
Para a salsa:
  • 50 g de leite de coco
  • 1 cullerada de crema de cacahuete
  • 1 cullerada de de salsa de soia
  • 1 culleriña de mel

xoves, 3 de outubro de 2024

Tacoburguesa

Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Xa estamos en outubro, como pasa o tempo! Xa coas receitas de castañas, cabaza e Samaín, que delicia os ingredientes desta época, verdade? 
Hoxe traémosvos unha receita que xa foi viral hai un tempo mais que nós aínda non fixeramos, mais farémola máis veces tanto pola súa versatilidade, como porque é rapidísima en 10/15 minutos temos unha comida resolta. 
Imos facer unha mestura dun taco e dunha hamburguesa, xa que, en lugar de pan de hamburguesa, imos usar as tortillas das "fajitas". Nós dámosvos a nosa versión desta receita mais podedes xogar cos ingredientes que teñades pola cociña. Esperamos que vos guste! 


Tacoburguesa


Ingredientes (para 1 tacoburguesa):


  • 1 tortilla de "fajita" de trigo ou millo
  • 100 g de carne picada
  • Queixo ao gusto    
  • 1/2 aguacate
  • 1/2 tomate
  • 1/2 cebola pequena
  • Cogombriños

domingo, 2 de abril de 2023

Boniapizza e Berenxepizza

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Xa preparados para Semana Santa? Nós desexando ter uns días de descanso e aproveitar para cociñarmos un montón. 
Hoxe traémosvos unha receita con base vexetal á que lles podemos engadir os ingredientes que máis nos gusten. Estas opcións parécennos interesantísimas para os adultos mais sobre todo para os peques ampliaren e variaren a súa alimentación a través dun formato que sempre encanta, o da pizza. 
Tempo atrás xa temos elaborado bases con diferentes verduras trituradas como o brócoli mais desta volta collemos a materia prima directamente e xogamos por riba. Aquí tedes as nosas últimas creacións. 



Boniapizza e berenxepizza



Ingredientes:

  • 1 bataca  
  • 1 berenxena              

Recheos:
  • Salsa de tomate 
  • Cebola 
  • Tomate 
  • Champiñóns 

sábado, 29 de xaneiro de 2022

Arroz negro de lagostinos

Bo día, bolboreteir@s!! Como estamos? Agardamos que resistindo e levando con optimismo este 2022. E para tal optimismo traemos unha receita das que namoran, ou canto menos a nós que somos fans absolutos do arroz negro. 

Este prato xa é un clásico para nós que adoitamos pedir nas diferentes arrocerías que hai na Coruña, sendo a cada cal, mellor. Porén, é certo que como non temos unha grande experiencia en paellas, nunca nos atreveramos a o realizar na casa. E aproveitando o confinamento co que comezamos o ano, chegou a hora. Houbo algún erro de principiante, tamén por non saír mercar algún produto máis axeitado como o arroz en si pero a verdade é que o resultado foi un prato ben saboroso.

Témolo que seguir traballando tanto para nós como para os xantares cos amigos pois para eles tamén é prato simbólico. Todo deriva dunha fantástica viaxe realizada a Barcelona hai uns anos onde degustamos, en grupo, un arroz negro... memorábel! Mais xa sabedes que no Mediterráneo teñen don para isto. Nós entretanto imos aprendendo pouco a pouco.


Arroz negro de lagostinos 


Ingredientes: 

  • 800 ml de fumé de lagostinos, proximamente ;)
  • 300 g de arroz
  • 250-300 g de lagostinos          
  • 200 ml de viño branco       
  • 1 cebola                                  
  • 1 pemento verde 
  • 1 tomate 
  • 2-3 dentes de allo

domingo, 21 de novembro de 2021

Milfollas de verduras

Bo día, bolboreteir@s! Como estamos? Aquí procurando o equilibrio entre a alimentación saudábel e as festas, celebracións e comidas que van xurdindo e que nos traen bombas lambonas imposíbeis de rexeitas. Hoxe toca traervos un prato do primeiro apartado. As nosas compras da semana agora caracterízanse por verdura, moita verdura e adoramos ideas coma estas que dan cabida a varias delas.

Cómpre dicir, que esta idea parte dun xantar de hai unhas semanas en Lugo, no marabilloso restaurante Cachivaches, ubicado na zona universitaria. Probamos este prato, namoramos e recreamos na casa. Agora, transmitimos a receita para que aproveitedes a saborear esta delicia.

Ollade, sinxelo, saborosa e enche moito máis do que podades pensar nun principio!



Milfollas de verduras 


Ingredientes:

  • Tomate
  • Berenxena
  • Cabaciña        
  • Setas
  • Queixo Enmental
  • Allo en po
  • Ourego

luns, 18 de outubro de 2021

Poke bowls

Bolboreteir@s!! Como estades? Nós de cine pois vimos dunha finde moi intensa polo noso amado Lugo, con voda o sábado en Sarria. Maneira de papar, amig@s! Aínda temos gravada na retina a cara dos convidad@s que viñan de fóra ante tal exhibición culinaria, haha.

Pero nós hoxe imos healthy, moi healthy. Como prometemos xa hai unhas semanas, traemos o que foi para nós a descuberta da tempada, os poke bowls. Xa hai uns poucos anos que abriron negocios de comida hawaiana na Coruña mais a verdade é que até este outono non nos dera por probar. E sorprendeunos moitísimo xa que percibimos certos toques da comida xaponesa como os propios arroces pero nun prato moi ambicioso no que se poden incorporar elementos moi diversos. 

A orixe está en Hawai e a palabra "poke" ou "pok-ei" viña a significar cortado en anacos pequenos, referíndose principalmente ao peixe capturado no día, de maneira crúa. A partir de aí sabemos que o paradisíaco destino ten recibido frecuentes chegadas de navegantes polinésicos, xaponeses, estadounidenses o que se mostra en influencias varias que tamén afectan a este prato. E sabe, vaia se sabe o poke bowl. 



Poke bowls


Ingredientes:

Para a base:
  • Arroz para sushi
  • Auga
  • Maionesa
  • Salsa sriracha       
  • Limón
  • Allo en po
  • Sal
Para a opción 1:
  • Seitán

domingo, 12 de setembro de 2021

Pizza saudábel (masa con só 2 ingredientes)

Ola, ola!!! Despois dos exitosos vasiños de crema de cacahuete e chocolate do outro día, abrimos agora unha nova xeira de receitas saudábeis. A verdade é que o verán foi unha acumulación de excesos gastronómicos derivados das experiencias e as viaxes así que agora que vai dar comezo o novo curso xa vai sendo hora de reaxustar un pouco. 

Pois ben, a pesar de que ao principio había nesta casa quen tiña dúbidas sobre a presenza do iogur na masa dunha pizza, finalmente tivo que renderse ante a evidencia pois logramos crear unha base con sabor e boa textura (isto é clave unha vez eliminas produtos claves como a auga ou o trigo). O recheo xa sabedes, ten mil e unha opcións e nós optamos desta volta por seguir a liña saudábel da base e dar todo o protagonismo ás verduras. Pois vaia pizza, vaia pizza!!!

A idea recollémola do Instagram de Ohmamiblue e que ben que foi descubrila. Ademais, andabamos xa con moitas ganas de cociñar algo con espelta, que adoramos e agora había tempo que tiñamos aparcada na alacena. A amasar e ao forno con ela! 




Pizza saudábel (masa con só 2 ingredientes)


Ingredientes:

Para a masa:
  • 300 g de fariña de espelta    
  • 300 g de iogur natural
  • Sal (opcional)

Para o recheo:
  • Queixo mozzarella
  • Queixo de cabra

domingo, 7 de febreiro de 2021

Caracolas de carne

Bo día, bolboreteir@s. Auga por Oleiros e supoñemos que por boa parte do país. Nós repetiremos plan de domingo: receita, xogos co peque e algo de traballo. Pouco. E si, por aquí hoxe repetiremos cos freixós. Recordade que tedes a receita na osa canle de youtube. 
Pero non ha de ser todo larpeira, claro. Hoxe traémosvos un aperitivo (ou prato principal) orixinal e ben sabedeiro. Xa sabedes que nós somos de traervos receitas con produtos habituais no frigo e nas lacenas e cremos que esta que hoxe presentamos é común canto a ingredientes e cunha elaboración moi sinxela. 
Imos alá!





Caracolas de carne


Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • 300 g de carne picada 
  • 1/2 pemento vermello         
  • 1/2 pemento verde
  • 1/2 cebola
  • 1 ovo batido

sábado, 23 de xaneiro de 2021

Galette de verduras

Bo día, bolboreteir@s! Esperemos que esteades todos e todas ben porque cada vez vemos isto en lugares e persoas máis próximas así que casiña, casiña e máis casiña. E claro, aí entra a cociña como pasatempo indispensábel. Ollo, pasatempo de proveito evidente, claro.
Hoxe, xa que andamos algo máis sans ultimamente no gastronómico, traémosvos unha recurso de protagonismo para as verduras que nos gustou moito. As galette son unha especie de galletas típicas da zona da Bretaña francesa con moitísimas variantes e recheas de ingredientes tamén varios, habitualmente salgados. 
Nós creamos esta versión mais podedemos adaptala ao gusto de cadaquén. Et voilá!




Galette de verduras 


Ingredientes: 

  • 1 lámina de masa quebrada
  • 1 tomate
  • 1/2 cabaciña 
  • 1/2 bataca      
  • Queixo feta

domingo, 17 de xaneiro de 2021

Pasta con brócoli

Bo día, bolboreteir@s! Despois deses berberechiños saborosos desta semana, metémonos na rutina blogueira para vos traer un recurso para o día a día. En todas as casas temos a pasta preparada para tirar dela unha ou dúas veces á semana así que, como dicimos sempre para este tipo de recursos frecuentes, nós recomendamos varias posibilidades a ter en conta. 
E pasta hai moitas formas de a papar para nos quedar unicamente coa pasta con tomate ou pasta bolognesa. A de hoxe havos de interesar moito, especialmente ás persoas amantes das verduras ou tamén ás que queredes integralas na vosa alimentación ou na dos peques. 
Fixádevos pois en como aquí entra o brócoli facendo atractivo, colorido e sobre todo moi saboroso o prato. 


Pasta con brócoli 


Ingredientes:

  • 400 g da pasta que vos guste 
  • 1 brócoli
  • O zume dun limón 
  • 2-3 champiñóns       
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 chile 

martes, 12 de xaneiro de 2021

Berberechos en salsa

Di a cantiga: onde vas, meu queridiño? / Onde vas, meu caravel? / Vou buscar berberechiños / para darlle ó meu querer." Pois claro, tremenda ofrenda amorosa. A quen non has de conquistar cunha boa presada de berberechos?

Nós tivemos a sorte de contar cunha boa cantidade deles nesta semana pasada e logo aproveitamos para lles facer festa. Procuramos unha salsa para lles intensificar o sabor et... voilá! Tremenda gozada de receita. Ademais, nesta casa, sempre que hai marisco en salsa, sabemos que despois toca sopa derivada da mesma. E xa non sabemos que é mellor, se un se outro.

Por certo, despois desta receita, recuperaremos a rutina de publicacións. Neste Nadal xa aproveitamos para adiantar cousiñas que vos iremos traendo progresivamente. Aquí vai a primeira do ano!



Berberechos en salsa


Ingredientes:

  • 2 kg de berberechos 
  • 1 l de caldo de peixe
  • 400 ml de viño branco
  • 2 cebolas     
  • 3-4 dentes de allo
  • Pirixel
  • 2 culleradas de fariña 

domingo, 20 de decembro de 2020

Coroa de verduras

Boa tarde, bolboreteir@s! Que tal todo? Imaxino que xa con ganas de que cheguen os días de Nadal para darvos unhas boas homenaxes gastronómicas. Xuntar non nos xuntaremos mais papar habemos de papar ben.

Ben, pois alén dos pratos clásicos, mariscos e demais, nós queremos traervos algunha idea diferente, para aqueles que gusten das probas e os experimentos culinarios. Este ano, como non imos ter tantos comensais, talvez sexa o momento de facer un menú totalmente ao noso gusto.

Pois presentámosvos unha coroa na que destacan as verduras e que poden supor un entrante ben lixeiro antes dos atracóns que nos daremos. Nós probámolo na fin de semana e deixounos un moi bo sabor de boca.  Aí vai!




Coroa de verduras


Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • 1/2 cabaciña
  • 1/2 pemento vermello 
  • 1/2 pemento amarelo
  • 2 champiñóns
  • Tomatiños
  • Queixo feta

domingo, 15 de novembro de 2020

Risotto de cabaza

 Boa tarde, bolboreteir@s!! Como vai a finde? Supoñemos que metidiños todos na casa ante este domingo de choiva e procurando ideas para pasar a tarde.

Nós pasarémola con xogos co peque porque pola mañá xa tocou aproveitar para crear para o blogue unha nova receita, aproveitando o excedente que tiñamos de cabaza pola casa. Algunha que nos trouxeran da horta, que se sumara a algunha que tiñamos mercada... tiñamos que darlle saída. Como esta semana fixo bastante calor non andabamos con moita gana de crema así que xa tiñamos en mente outro tipo de creación máis contundente, un risotto, que aquí sempre arrasan. Sinxelo e efectivo. Imos ver!



Risotto de cabaza


Ingredientes:

  • 1,5 vaso de arroz
  • 1,5l de caldo de verduras
  • Dúas lascas de cabaza
  • 3-4 champiñóns

domingo, 11 de outubro de 2020

Mini quiches variados

Boas, amig@s! Que tal estades? Supoño que con paciencia e aproveitando os momentos de relax na casiña, que é onde mellor se está esta tempada. 

Nós aproveitamos esta ponte para limpar e organizar, e tamén para preparar algunha cousiña nova para vós. E desta volta tiramos por un dos estilos que máis nos gusta, o do reaproveitamento. Ollamos o frigorífico e co que quedaba, optamos por unha receita que lle dese cabida a varios destes produtos, chegándomos así a estes mini quiches que non teñen dificultade ningunha e nos dan un prato diferente e ben sabedeiro. Fixémolos, iso si, en versión peque porque era a maneira de crear varias opcións. Se gustades dunha versión en especial, xa sabades, facede unha quiche ben grande e a gozar. Aí vai!



Mini quiches variados

Ingredientes:

  • 2 lascas de masa brisa
  • 200 ml de nata para cociñar
  • 3 ovos
  • Queixo relado
  • Pementa moída
  • Sal
Para os mini quiches de carne:
  • Carne picada
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 cebola
  • Curry

luns, 10 de agosto de 2020

Pastel de carne

Boa tarde, bolboreteir@s! Aquí estamos acabados de comer, ben satisfeitos e coa receita acabada de saír do forno. Nunca mellor dito. Probando novas ideas para comer e tamén para ir incorporando á alimentación de Xiao pensamos nun prato de carne moi sinxelo e un pouco diferente a outros que preparamos máis aproximados á rutina. 

Un dos aspectos que favorecen a elaboración desta prato é a acumulación de propiedades e vitaminas pois estamos a integrar desde carne a verduras, lácteos e ovos. Unha aposta ben completiña, está claro. 

Canto á dificultade, moi baixa, non dá máis traballo que calquera outro prato no que se deban combinar ingredientes. E veredes que aínda que dese traballo, merecería a pena con este resultado. Aquí o vedes. 



Pastel de carne


Ingredientes:  



  • 1 kg de carne picada 
  • 1 cabaciña
  • 1 pemento vermello       
  • 1 cebola
  • 1 iogur natural
  • 2 ovos
  • Queixo relado
  • Ourego
  • Allo en po

martes, 31 de marzo de 2020

Verduras gratinadas con patacas

Bo día, bolboreteir@s! Como imos? Hoxe traemos un prato moi moi sinxelo e ao tempo tamén moi eficaz para integrarmos verduras con sabor na nosa rutina. Interesante tamén se hai peques na casa para lles ofrecer unha variedade ampla de produtos ben beneficiosos e nutritivos.
Se algo non falta no noso frigorífico, a verdade, son verduras, xa que as aproveitamos para o que sexa. É certo que en moitas ocasións actúa de acompañantes mais en receitas coma estas ocupan o papel de protagonistas principais de luxo!
Ben, aquí vos vai. Parece obvio mais a clave deste prato non está na elaboración xa que non ten compelxidade ningunha e si en contar cuns bos produtos. E se os temos acabados de saír da nosa hortiña xa sería marabilloso. No noso caso non houbo esa sorte aínda que o saboreamos inmensamente de todas formas.




Verduras gratinadas con patacas



Ingredientes:


  • 3-4 patacas
  • 2-3 cenorias
  • 1 cebola
  • 1 pemento
  • 1 tomate
  • Queixo relado (opcional)
  • Allo en po
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal

sábado, 14 de marzo de 2020

Hamburguesa de tofu

Bo día, bolboreteir@s! Imos tentar entretervos un pouco nestes días de confinamento e seguiremos coa nosa rutina blogueira. A fin de contas hai que procurar solucións a estas semanas que se nos veñen e nas que debemos mostrar responsabilidade individual e social. E a cociña para nós é o mellor pasatempo.
Hoxe ademais traemos un deses alimentos que aínda non é ben recibido en moitos fogares e que se converteu en todo un símbolo da alimentación vegana. Aínda que a de hoxe non é receita vegana xa que utilizamos queixo normal.
Pois ben, sempre que sae o do tofu a debate, encontramos un chea de opinións dispares e moitas persoas non gustan nada. Porén, a nós parécenos un recurso de múltiplas posibilidades e unha boa mostra vai ser esta hamburguesa. Adiante!



Hamburguesa de tofu



Ingredientes:

  • 1 lasca de tofu
  • Pan relado
  • 1/4 de culleriña de allo en po
  • 1/4 de culleriña de cebola en po
  • 1/4 de culleriña de ourego

sábado, 8 de febreiro de 2020

Polo á mostardesa

Ola, bolboreteir@s!! Como vai todo? Por aquí andamos sacando oco para crear novas receitas do tempo que nos deixa o peque.
Hoxe presentamos unha receita ben sinxela que ten como ingrediente principal o polo, talvez un dos alimentos máis utilizados na rutina culinaria dos fogares de todo o país, principalmente por cuestións económicas claro. E é por iso que convén ter alternativas para non o aborrecer. 
Queriamos preparar un prato no que non se fixera seco, pois é un dos defectos que encontramos nalgún dos preparados desta carne. 
Así pois, xa probado isto, podemos dicir que de seco nada de nada. Todo o contrario. Ollade que apetitoso! 


Polo á mostardesa


Ingredientes:

  • 1 peituga de polo
  • 1 cebola
  • 1/2 cabaciña
  • 150 ml de viño branco
  • 50 g de queixo mozzarella
  • 3 culleradas de nata

sábado, 25 de xaneiro de 2020

Rigatoni ao forno

Sábado de receita! Hoxe traemos un novo prato para @s que gustades da pasta, que debemos ser a grande maioría da poboación. Destas sempre tentamos acumular varias pois este tipo de pratos son económicos e moi válidos para a rutina. 
Aínda que habitualmente traballamos máis coa pasta pasada pola tixola despois da cocción, desta volta tocou forno e ficamos moi satisfeitos.
Escollemos os rigatoni para variar pois aquí tiramos máis no día a día ao spaguetti tradicional ou aos macarróns mais a verdade é que practicamente todos estes pratos se poden intercambiar pois case todas as pastas recollen moi ben o sabor das salsas. Velaquí está?



Rigatoni ao forno



Ingredientes:


  • 750 ml de caldo de verduras
  • 400 g de macarrón (tipo rigatoni)
  • 400 g de tomate ao natural
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo

martes, 14 de xaneiro de 2020

Crema de espárragos

Bo día, bolboreteir@s. Neve, vente ou chova, aquí seguimos, que comer hai que seguir comendo. Hoxe traémosvos unha receita de poder memorístico, eses pratos que recenden como a madalena de Proust cara atrás no tempo. Obviamente, isto parte de experiencias persoais e neste caso nós temos unha ligazón importante coa crema de espárragos pois era, xunto coa de champiñóns, un recurso do máis frecuente na nosa casa cando eramos pequenos. Mais, sucedeu como tantos outros pratos que van quedando no esquecemento até que nun momento determinado xorde a memoria para nos obrigar á recreación.
Así pois, hoxe presentámosvos con moito orgullo esta primeira vez que preparamos a crema de espárragos. Ben gustosa quedou!




Crema de espárragos


Ingredientes:

  • 400 g de espárragos
  • 1 allo porro
  • 1 pataca
  • 1/2 cebola
  • 1 l de caldo de verduras
  • Allo en po