Amosando publicacións coa etiqueta polo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta polo. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de outubro de 2026

Nachos de polo

Bo día, bolboreteirxs! Novo xoves, nova receita! Desta volta, partillámosvos unha receita de polo moi fácil, que nos apareceu o outro día por TikTok mais, coma sempre, adaptámola á nosa maneira e cunha salsa totalmente improvisada que resultou ser todo un éxito.  
E, mentres vos deixamos con esta receita, estamos preparando algunha receita samaínica para este mes terrorífico, que nos encanta. Ademais, estamos coa tempada de castañas e cabazas. Este ano, estamos indo todas as semanas en familia recoller castañas e é un plan que estamos gozando moitísimo.  
Aquí vai:



Nachos de polo


Ingredientes:

  • Tortillas de millo
  • Polo
  • Pemento doce       
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Sal

xoves, 22 de maio de 2025

Polo en salsa de cacahuetes

 Ola, bolboreteirxs! Que tal? Aquí estamos unha semana máis cunha nova receita. Desta volta, imos probar a facer unha salsa de cacahuete para acompañar polo e arroz. Como vedes, ímoslle dar unha volta a dous ingredientes que son básicos na nosa cociña e seguro que na de moitos de vós. 

Xa sabedes que nos encanta xogar cos produtos e intentar ser creativos e, xa vos adiantamos, que este prato nos gustou moito. 

Aquí vos deixamos a receita: 


Polo en salsa de cacahuete


Ingredientes: 

  • 2 peitugas de polo
  • 1 bote de leite de coco
  • 4-5 culleradas, grandes, de crema de cacahuete       
  • 5-6 culleradas de salsa de soia
  • O zume dun limón 

venres, 25 de abril de 2025

Baos de polo picante

Ola, bolboreteirxs! Aquí estamos unha semana máis cunha nova receita. Desta volta, o peque tiña antollo de pan bao e decidimos facer baos recheos de polo picante, para el reducimos o a cantidade de picante mais igualmente estaban deliciosos.
A verdade é que estes pans, que son tan sinxelos de facer, son moi versátiles porque podemos xogar cos ingredientes que máis nos gusten ou os que teñamos pola casa. Alén de que se vos gusta a cebola, recomendámovos ter un bote de cebola encurtida, xa que lle vai dar un toque diferencial aos vosos pratos: ensaladas, hamburguesas, pizzas...
Oxalá vos guste, aquí vola deixamos.



Baos de polo picante


Ingredientes:

  • Pan bao
  • Cebola encurtida
  • Leituga
  • Salsa maionesa
  • Polo picante:
    • 100 ml de siracha mayo      
    • 100 ml de auga
    • 1 cullerada de allo en po
    • 1 cullerada de cebola en po
    • 1 cullerada de ourego en po

xoves, 27 de febreiro de 2025

Empandilla de polo rechea

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? 
Estamos aquí un xoves máis cunha nova receita. Esta vez presentámosvos unha forma bastante orixinal de facer empanadillas, xa que en lugar de usar masa imos usar o propio polo! Esta receita estivo viralizada en TikTok e non nos puidemos resistir a non probala. Nós propoñémosvos un recheo, moi sinxelo e saudábel, mais podedes xogar coa vosa imaxinación, ou cos ingredientes que teñades no frigorífico! 

Aquí vos deixamos a receita: 


Empanadilla de polo rechea



Ingredientes: 

  • 2 peitugas de polo
  • 1 tomate
  • Queixo        
  • Espinacas
  • Parmesano en po

xoves, 11 de abril de 2024

Tacos de polo ao curry

Hai uns días os nosos amigxs de Quinteiro doce, dos que somos fans desde hai ben tempo, ensináronnos as súas especias de Quinteiro 13, na que teñen unha gran variedade e sobre todo, unha pintaza incríbel. Propuxéronnos escoller algunhas para traballar con elas e non foi tarefa doada. O noso propósito finalmente foi elaborar unha receita salgada e unha doce e hoxe ímosvos presentar a primeira.



Tacos de polo ao curry





Ingredientes: 

  • Tortillas de millo pequenas
  • 1 aguacate 🥑 
  • 1 lima    

Para o polo ao curry: 
  • 1 peituga de polo
  • 1 bote de leite de coco
  • 1 cullerada de curry de Quinteiro 13
  • 2 dentes de allo 🧄

sábado, 9 de marzo de 2024

Katsu curry

Bo día, bolboreteirxs! Estamos de volta! Como nos tardaba este momento, mais primeiro tiñamos que estabelecer a nosa nova rutina sendo 4 🤭😇☺️, e sacar momentos para cociñar pratos novos non foi doado nun primeiro momento. De feito, un bo consello que vos damos é que as semanas antes fagades comida de máis e conxeledes. Iso salvaravos a vida ao principio. 

Volvemos cunha receita deliciosa, tamén sinxela, que é a nosa versión, ou adaptación, do KATSU CURRY, tamén chamado Katsu Karé, que orixinalmente se fai con porco tonkatsu. Nós decidimos facela con polo e a salsa de curry con boniato e cebola e, a verdade, é que quedou espectacular. Como xa sabedes nós somos amantes do picante, polo que usamos un curry picante, mais iso é totalmente opcional. 
Aquí tedes esta deliciosa receita:


Katsu curry


Ingredientes:

  • Arroz branco      

Para as peitugas: 
  • Filetes de polo 
  • Pan relado 
  • Especias: ourego, allo en po, cebola en po, pementa moída e sal 
Para a salsa de curry:
  • 1 boniato 
  • 1 cebola 
  • 500 ml de auga 

domingo, 28 de febreiro de 2021

Polo ao limón (estilo chinés)

Bolboreteir@s! Aquí andamos unha semana máis con ganas de metervos fame e darvos ideas para matar a mesma. 

Esta fin de semana, aproveitamos para pasear moitísimo porque estamos a ter uns días tremendamente solleiros. Aínda queda para a primavera e xa non digamos para o verán mais canta enerxía dan estas xornadas. Nós, é que logo nos emocionamos tamén, haha. 

Ben, pois, hoxe viaxamos unha vez máis (cada vez está a ser máis frecuente), até Asia. Aínda que é certo que este prato se ten consumido en diferentes países do mundo, popularizouse en Hong Kong e na China, sendo habitual encontralo en diferentes restaurantes destes territorios.

Aínda que soa a combinación estraña, acaba por namorar ese sabor agridoce tan característica desta gastronomía. Adiante!



Polo ao limón (estilo chinés)


Ingredientes: 

  • Peituga de polo
  • 2 dentes de allo
  • 30 ml de soia
  • Xenxibre       
  • 1 ovo
  • Maizena
Para a salsa:
  • 200 ml de auga
  • 1 cullerada de azucre

sábado, 8 de febreiro de 2020

Polo á mostardesa

Ola, bolboreteir@s!! Como vai todo? Por aquí andamos sacando oco para crear novas receitas do tempo que nos deixa o peque.
Hoxe presentamos unha receita ben sinxela que ten como ingrediente principal o polo, talvez un dos alimentos máis utilizados na rutina culinaria dos fogares de todo o país, principalmente por cuestións económicas claro. E é por iso que convén ter alternativas para non o aborrecer. 
Queriamos preparar un prato no que non se fixera seco, pois é un dos defectos que encontramos nalgún dos preparados desta carne. 
Así pois, xa probado isto, podemos dicir que de seco nada de nada. Todo o contrario. Ollade que apetitoso! 


Polo á mostardesa


Ingredientes:

  • 1 peituga de polo
  • 1 cebola
  • 1/2 cabaciña
  • 150 ml de viño branco
  • 50 g de queixo mozzarella
  • 3 culleradas de nata

sábado, 21 de decembro de 2019

Mein de polo e verduras

Boa noite, bolboreteir@s!! Como estades? Aquí hoxe chegamos algo tarde porque cando iamos escribir a receita marchou a luz en Viveiro e coas bromas dúas horas estivemos sen elas. Consecuencias do Fabien este. E claro, agora xa non estamos feitos para botar moito tempo sen luz. Pena dunha cociña de leña no piso, haha.
Ben, falar si mais o caso é papar. Hoxe voltamos de novo á gastronomía asiática cun produto estrela xa na nosa cociña, moi similar á pasta italiana: os noodles. Escollemos esta forma de preparación que encontramos nunha canle oriental de Youtube para comprobar que é moi sinxelo lograr a delicia sempre con estes noodles. Aquí está 





Mein de polo e verduras


Ingredientes:


  • Noodles de arroz
  • 2-3 filetes de peituga de polo
  • 1 pemento vermello
  • 1/2 cebola
  • Soia fresca
  • 1 cullerada de maizena
  • 1 culleriña de ourego
  • 1/2 culleriña de canela

martes, 15 de xaneiro de 2019

Polo ao estilo hindú

Bo día, bolboreteir@s! Continúan as receitas. Imos hoxe cun prato de moito moito sabor procedente da cociña hindú. Xa sabedes o que nos gusta viaxar a través da gastronomía, de feito, disto mesmo falabamos o outro día no programa de Onda Cero "Galicia Viajera", no que contabamos como non hai mellor forma de descubrir culturas a través da identidade culinaria.
Pois ben, a da India é intensa, sen dúbida. Se gustades das especias e procurades unha receita para darlle sabor ao polo, esta é a vosa. Velaquí fica: 




Polo ao estilo hindú



Ingredientes:

  • 1 peituga enteira
  • 1 berenxena
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 vaso de auga
  • Coantro
Para o adobo:
  • 2 culleriñas de cúrcuma
  • 1/2 culleriña de comiño

martes, 18 de decembro de 2018

Pastel de polo

Boa noite, bolboreteir@s! Como vai a semana. Nerviosos ante a chegada do Nadal? Nós un pouco, que somos como nen@s! Hahaha.
Ben, como sabedes quen nos seguides nas RRSS, esta ponte de decembro viaxamos até Londres, para vivir ese espírito do Nadal tan peculiar e tamén para descubrir unha gastronomía que ten moitos seguidores mais tamén moitos detractores. Ás veces transcende unha imaxe da gastronomía británica un tanto sesgada. Hai moito por descubrir, especialmente nestas datas. Hoxe imos cunha desas "pie" que tanto gustan e que aquí triunfou e mesmo pode formar parte do menú natalicio. Imos alá!



Pastel de polo


Ingredientes:

  • 2 láminas de follado
  • 2 peitugas de polo
  • 3-4 cenorias
  • 2 allos porro
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 2 culleradas de fariña de arroz/maicena
  • 1 culleriña de pemento picante
  • Ourego

martes, 2 de outubro de 2018

Cuscús ao curry con polo e verduriñas

Bo día, bolboreteir@s! Seguimos con acumulación de receitas para o día a día e para a rutina do inicio de curso. Hoxe imos cun ingrediente habitual na nosa alacena e do que tiramos un proveito infinito: o cuscús. De feito, esta receita ten un claro aroma marroquí grazas tamén á intensidade que nos achega o curry.
Esta sémola de trigo dános moitísimo xogo para combinar con carne, peixes ou verduras. De feito, aquí hoxe mesturamos con varios destes produtos. Que prato saboroso ficou!
Se andades na procura dun recurso con moita utilidade, esta é a vosa oportunidade. A por ela!



Cuscús ao curry con polo e verduriñas


Ingredientes:


  • 150 g de cuscús
  • 75 ml de auga
  • 6-7 espárragos
  • 2-3 champiñóns
  • 1 cebola
  • 1/2 pemento vermello
  • 1 dente de allo
  • 2 culleradas de curry

sábado, 28 de xullo de 2018

Salpicón de polo

Bo día, bolboreteir@s! Imos coa penúltima receita da tempada xa que o martes colleremos vacacións até setembro. Aínda que non andaremos completamente desconectados. Algo vos habemos de ir mostrando e contando pois andamos metidos en grandes proxectos, algúns moi próximos no tempo.
Ben, pois para este sábado traemos unha receita bastante novidosa canto aos ingredientes que forman parte deste salpicón e tamén canto á forma de o presentar. 
Non pensedes que por incluír carne xa perde a frescura característica dos salpicóns. Non, non... Segue a ser un prato ideal de verán, tanto para comer na casa como para saír a xantar fóra nos días solleiros (deses dos que case non temos pola Mariña).
A verdade é que o desfrutamos inmensamente e que nos prestou tanto que xa temos listo os ingredientes para o volver a preparar mañá. Imos pois, con este orixinal salpicón!



Salpicón de polo



Ingredientes:

  • 1 peituga de polo
  • 2 tomates
  • 1 cenoria
  • 1/2 cebola
  • Brotes de rábanos
  • Aceite de oliva virxe
  • O zume dun limón
  • Ourego

sábado, 23 de xuño de 2018

Ideas diversas para uns petiscos ben apetecíbeis

Bo día, bolboreteir@s! Por aquí estivemos algo apurados e foi unha semana de cociña moi rápida e mesmo de comida a domicilio. As opos e o final de curso é o que teñen... E como non temos reservas na recámara, aproveitamos para vos prsesentar un artigo que estaba no maxín desde hai tempo. Xa trouxeramos unha selección de receitas favoritas salgadas e doces, mais considerabamos que era preciso unha escolma concreta de petiscos, un elemento necesario nos menús que cada vez van ganando máis peso, especialmente nos eventos.
Así pois, hoxe que é día de festa en media Galiza, traémosvos unhas ideas ben apetitosas para abrirdes os menús.

Petiscos variados


Este clásico vexetal, non dá moito traballo e logra colocar a cebola como protagonista, rompendo coa visión secundaria que ten en moitas ocasións na cociña.
É certo que non é un petisco para todos os días, mais de vez en cando desfrútase moito moito. 
Xa sabedes, hai clásicos que convén recuperar!

sábado, 5 de maio de 2018

Hamburguesas de polo, cabaciña e cenoria

Bo día, bolboreteir@s! Como vai ese comezo de maio? Nós seguimos reforzando o noso repertorio de receitas saudábeis e lixeiras, que ademais de necesarias, son cada vez máis apetecíbeis segundo se vai aproximando o bo tempo. Nós no verán viviriamos só con froitas e verduras.
Ben, pois hoxe a receita saudábel incide nun dos prato que se converteu nun clásico en todos os fogares e tamén nun símbolo da comida rápida, asociada en moitas ocasións a unha alimentación deficitaria. É por iso que nós insistimos con certa frecuencia en que a hamburguesa da casa pode ser todo o contrario xa que é un dos alimentos máis manexábeis e adaptábeis para quen procuramos alternativas. E como vós tamén sodes moi amigos dos experimentos, que o sabemos nós, ides gozar destas hamburguesas!



Hamburguesas de polo, cabaciña e cenoria


Ingredientes:

  • 1 peituga de polo
  • 2 cenorias pequenas
  • 1/4 de cabaciña
  • 1 ovo
  • Pementa moída
  • Ourego
  • Allo en po

sábado, 7 de abril de 2018

Albóndegas de polo ao curry

Ola, bolboreteir@s! Como ides? Por aquí seguimos acumulando máis e máis receitas e matinando novas ideas para vos sorprender. De momento, hoxe traemos un dos nosos pratos favoritos, as albóndegas, que xunto coas croquetas representan un clásico da cociña tradicional. Ora ben, estas albóndegas non vos son de todo clásicas. De feito, ollade que salsa! Nós que cada vez gustamos máis do curry e das especias asiáticas ficamos moi orgullosos deste prato. Vaia sabor presentan!
Por certo, deixamos por aquí un recordatorio para os lugueses e luguesas. Este vindeiro luns 9 de abril andaremos pola EOI de Lugo ás 19 para conversarmos arredor de lingua, gastronomía e cultura. Agardámosvos deixando esta delicia como aperitivo. Ñam!



Albóndegas de polo ao curry



Ingredientes:


Para as albóndegas:
  • 500 g de carne picada de polo
  • 100 g de fariña
  • 2 rebandas de pan de molde
  • 2 ovos
  • Leite
  • Unha culleriña de curry
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Aceite

sábado, 25 de novembro de 2017

Polo Tikka Masala

Seguimos! Despois dunha semana de, por sorte,  moito traballo, encaramos a fin de semana con ganas de receitas. E hoxe é bo día para saborear cun prato que non deixa indiferente e que nos cautivará desde o cheiro até o sabor. 
O polo Tikka-Masala é unha receita orixinaria da India que xa se consagrou noutros territorios como Gran Bretaña desde hai anos, por causa da inxente inmigración india que hai neste territorio. De feito, Robin Cook tíñao sinalada como o gran prato británico. Véndense millóns de racións ao ano e adoita ser o plato estrela dos restaurantes hindús espallados polo mundo. De feito, nós degustámolo por primeira vez no que hai en Riazor, por certo, con gran éxito.
Como podedes imaxinar, sobre todo se coñecedes algo desta gastronomía, a intensidade e as especias son a clave deste polo de aí que non deixe indiferente, tal e como comentabamos. Que máis podemos dicir? Nada, ollar, probar e degustar! 


Polo Tikka Masala



Ingredientes:

  • 1 peituga de polo en dados
  • 200 ml de tomate natural triturado (tamizado)
  • 200 ml de leite evaporado
  • 1 iogur natural
  • O zume dun limón
  • 2 dentes de allo
  • 2 culleradas de garam masala
  • 2 culleriñas de xenxibre
  • 2 culleriñas de cúrcuma
  • 2 culleriña de comiño

martes, 24 de outubro de 2017

Polo con curry e lima ao vapor

Bo martes, bolboreteir@s! Como levades a semana? Nós xenial despois da marabillosa experiencia que tivemos onte no Mestrado de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña en que reflexionamos arredor da lingua e a gastronomía, cociñamos e claro, tamén saboreamos, que para iso somos ben lambonciñ@s!
E entretanto, toca continuar con máis receitas. A de hoxe foi un experimento cunha nova adquisición, unha vaporeira xaponesa coa que andamos a argallar. Desde logo, este saíu moi moi ben. O polo é talvez a carne máis recorrente para a nosa alimentación diaria polo que procuramos moi diversas formas de o preparar e así non aborrecelo. Esta vai directa á nova colección pois alcanzou nota moi alta.
O toque de lima e curry danlle moitísima intensidade e xa acompañado dunha das nosas verduras favoritas logramos un prato exquisito. Velaí vai!



Polo con curry e lima ao vapor



Ingredientes:

  • 2 peitugas de polo enteiras
  • 2 culleradas de curry
  • 1 culleriña de allo
  • 1 culleriña de ourego
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal

martes, 21 de marzo de 2017

Enchiladas de polo

Continuamos!!!! Hai culturas que destacan internacionalmente polo seu poder gastronómico. Un dos mellores exemplos é a da nosa Galiza, mais así sucede con Italia, China ou México. Deste último país temos xa varias receitas en Bolboretas no bandullo desfrutando ao máximo cada unha deles por esa marca diferencial que ofrecen, cheos de sabor e intensidade.
Son tan tradicionais na nación azteca que existen máis de 100 variantes sendo tamén tradicionais en países como Guatemala. A súa historia está ligada á das tortillas de millo, xa presentes nas civilización precolombinas aínda que hoxe en día é común encontrármolas feitas tamén de trigo. De feito, nós optamos por estas posto que xa as tiñamos na casa.
Sexa como for, caracterízase por un elemento principal, común a boa parte da gastronomía mexicana e que lle dá sentido (e nome) a este prato: o chile.  Iso si, a cantidade de chile... A gusto de cada un. Nós como tiñamos convidados non arriscamos mais, se tedes valor, cargádelle ao chile, haha! Aí vai:


Enchiladas de polo



Ingredientes:



Para as enchiladas:
  • 12 tortillas de trigo ou millo
  • Queixo relado ao gusto
  • 2 peitugas de polo
  • Millo doce
  • 2 cenorias
  • 1 cebola
  • 1 rama de apio
  • 1 dente de allo
  • Auga

martes, 7 de marzo de 2017

Bágoas de polo enflocadas

Nós xa retornamos da nosa viaxe ao norte de Portugal cunha chea de ideas para o blogue e co bandullo ben cheo pois gozamos inmensamente da gastronomía lusa. Ora ben, aínda temos moitos manxares por vos presentar dos preparados nestas últimas semanas.
Entre eles, escollemos hoxe un ben gorentoso, sinxelo e económico no que ofrecemos outra dimensión ao polo con esa textura crocante que achegan os flocos de millo. Hai temo que vimos vendo como moit@s blogueir@s e cociñeir@s optaban polo millo para o recuberto de diferentes carnes ou peixes e nós tiñamos xa o antollo. Con todo, non tiñamos claro o enfoque até que un día recordando algún dos pratos probados por aí adiante lembramos as "lágrimas de pollo" de Sevilla.
Foi, por tanto, cuestión de unir elementos e darlle execución á idea que pouco tiña de arriscado e si moito de apetitoso.
Por aquí somos uns grandísimos seguidores dos flocos de millo mais até agora non probáramos esta opción que reforza a nosa idea de grandísimo recurso para a cociña. Na nosa lacena sempre hai oco para unha bolsiña deste cereal, que vos recomendamos preparar na tixola e non mercar estes sacos para preparar no micro, que traen uns engadidos non moi saudábeis. Aí vai, nova delicia!



Bágoas de polo enflocadas



Ingredientes (para 2 persoas):



  • 2-3 filetes de peituga de polo
  • 1 cunca de flocos de millo
  • 1 ovo batido
  • 4-5 culleradas de fariña
  • 1/2 culleriña de ourego
  • 1/4 de culleriña de cúrcuma
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite para fritir
  • Salsas (opcional)