Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Xa preparados para o Entroido? Para nós, é unha das mellores épocas do ano. Gozamos moito de disfrazarnos, dos Entroidos tradicionais e, sobre todo, da comida. E o cocido está delicioso, mais onde estean unhas boas filloas, para nós freixós, ou unhas roscas pódese quitar o resto ;). Por isto, esta receita é ideal para estes días onde a comida ten unha grande presenza. Esta pizza é saudábel e lixeira para contrarestrarmos os grandes festíns destes días. Ademais de que é moi sinxela de facer, como ides ver a continuación.
Algo que nos encanta das pizza é a infinidade de posibilidades que teñen, tanto para as masas coma para os ingredientes que poñemos sobre ela. Hoxe ímosvos dar dúas opcións, mais animámosvos a que xoguedes co que máis vos guste e que os peques da casa tamén participen do proceso. Agora si, imos coa receita.
Pizza saudábel de quinoa
Ingredientes (para dúas pizzas):
Para a masa:
- 250 g de quinoa
- Auga
- AOVE
- Pementa moída
- Sal
Para a pizza 1:
- Queixos variados (mozzarella e cheddar)
- Heura (ou polo)
- Espárragos
- Champiñóns
- Ourego
Para a pizza 2 (escollidos polo peque):
- Salsa de tomate
- Mozzarella
- Bacon
- Pavo
- Ourego
Utensilios: unha cunca grande, un batedor eléctrico, unha bandexa para o forno cuberta con papel vexetal, unha culler e unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de botar a quinoa nunha cunca e cubrila con auga, aproximadamente 2 cm por enriba. Deixamos repousar 3-4 horas.
De seguir, e cando a quinoa absorba toda a auga, engadimos un par de culleradas de AOVE e salpementamos ao noso gusto. Trituramos moi ben.
Coa axuda dunha culler (ou unha espátula), estendemos a masa sobre a bandexa para o forno cuberta co papel.
Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 10-12 min, até que os bordos comecen a dourarse.
De seguir, botamos os ingredientes: queixo, verduras, heura e ourego para unha; e salsa de tomate, queixo, bacon, pavo e ourego para a outra. A heura é unha alternativa á carne de polo, xa que imita a súa textura e o sabor. Nós non a cociñamos antes porque neste caso non era necesario; porén, se usades polo si deberíades pasala un pouco pola tixola/fritideira de aire...
Así mesmo, as verduras teñen que estar cortadas o máis fino posíbel para que se fagan no forno.
E enfornamos de novo, a 200º calor arriba e abaixo, durante 5-7 minutos, até que se derreta o queixo.
E xa estarían listas para comer!
Como vedes, son moi sinxelas de facer aínda que é un proceso diferente ao da pizza tradicional. A nós encantounos o resultados, e ao peque tamén, e seguro as habemos facer bastante a miúdo. Agardamos que vos guste esta nova proposta e esperamos que a poñades en práctica.
Unha aperta forte e desfrutade do Entroido!
Ningún comentario:
Publicar un comentario