Bo día, bolboreitxs! Que tal? Empezamos mes, empezamos febreiro, un dos mellores meses, o mes do Entroido!! E para comezar ben traémosvos un biscoito chocolateado absolutamente delicioso e saúdabel. No instituto celebramos a semana pasada, a semana saudábel e pedíronnos un biscoito de acordo á ocasión e cando vimos esta receita non tardamos nin 24h en facernos cos ingredientes e probar este doce. Foi un éxito e, na casa, encantounos polo que seguro ha estar presente todas, ou case todas, as semanas. Ademais, é un recurso xenial para mandarlle ao peque ao cole como petisco de media mañá 😉😋.
Biscoito saudábel de chocolate e plátano
Ingredientes:
- 500 g de plátano
- 200 g de fariña de améndoa
- 150 g de fariña de avea
- 60 g de chocolate negro chocolate
- 50 g de cacao puro en po
- 13 g de lévedo
- 13 g de bicarbonato
- 7 ovos
- 2 culleradas de vainilla
- O zume de 1/2 limón
Utensilios: un batedor eléctrico, dúas cuncas, dúas espátulas (ou culleres) e un molde apto para o forno.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de mesturar todos os ingrendientes, menos os chocolates, e trituralos até obtermos unha masa homoxénea.
De seguir, repartimos a masa en dúas cuncas. Nunha delas botamos o cacao puro e mesturamos moi ben.
E, na outra, agregamos o chocolate negro, cortado en anacos. Mesturamos moi ben.
No molde escollido, botamos a metade da masa á que lle botamos o cacao puro. Nós puxemos papel vexetal e engrasamos para que desmoldar fora máis sinxelo.
E, sobre esta capa, agregamos a outra. Coa axuda dunha espátula, mesturámos un pouco para darlle ese efecto marmolado.
A continuación, cortamos dous plátanos e colocámolos por encima da masa. Enfornamos a 180°, calor arriba e abaixo, durante 45-50 min.
Deixamos que repouse uns minutos e xa estaría listo para comer!
Que aproveite! Agardamos que vos guste e que poñades este receitón en práctica.
Como vedes, é unha receita moi sinxela e vistosa. Un biscoito ideal para cumprir eses caprichos doces mais sendo saudábel e con ingredientes sinxelos 🍰🍫🍌. Antollóusevos? 🤤🤩❣️Lémonos! Aperta forte, bolboreteirxs 🥰❤️!
Ningún comentario:
Publicar un comentario