sábado, 30 de outubro de 2021

Brownie de cabaza

Xa case estamos na noite de Samaín ou no Día de Defuntos, dous festexos moi similares con diferente aparencia e no que as almas, os mortos, os nosos ancestros… están en posición de honra. Para nós estes días non faltan castañas, cabazas e en xeral, gañas de sobremesas, como sempre, así que escollemos un dos nosos doces de referencia, o brownie. Mais claro, o toque samaínico vén na integración da cabaza, que lle dá unha suavidade e cremosidade que fai que a súa achega sexa moito máis que un simple motivo destas datas.

Ollo porque é unha sobremesa orixinal e moi saborosa para crear o noso menú de Defuntos. E ides ver ademais que non vos vai quitar apenas tempo. Sinxela e rápida!


Brownie de cabaza


Ingredientes: 

Para o brownie:
  • 200 g de chocolate 
  • 175 g de manteiga     
  • 150 g de panela
  • 85 g de fariña de avea
  • 4 ovos
Para a crema de cabaza: 
  • 250 g de puré de cabaza
  • 25 g de fariña de avea
  • 25 g de panela
  • 2 ovos

Utensilios: 3 cuncas, dous batedores manuais, dúas espátulas, papel vexetal e un molde apto para o forno (o noso é de 30x20).

Elaboración: 

Para comezarmos, temos de derreter o chocolate coa manteiga no microondas. 



Noutra cunca, mesturamos os ovos co azucre.



Agregamos a fariña.



E o chocolate derretido. Mesturamos moi ben e reservamos. 














Para facermos a crema de cabaza, temos de mesturar o puré de cabaza (cortamos a cabaza en anacos pequenos, poñémola nunha cunca e tapámolo con papel transparente e cocémola no microondas durante 15 min, trituramos e listo!)  cos ovos e a panela.


De seguir, agregamos a fariña. Reservamos. 



Cubrimos o molde co papel vexetal e vertemos a mestura do chocolate. 


Logo, botamos a crema de cabaza.



Cun coitelo, ou un escarvadentes, mesturamos as dúas cremas para que queden na superficie as dúas cores.



Enfornamos a 200°, calor arriba e abaixo, durante 30 min.



Cando arrefríe, desmoldamos e xa estaría listo para comer! Como vedes aquí tivemos un axudante marabilloso tanto coa decoración como coa propia receita. Vai collendo maneiras! Aperta forte, bolboreteir@s e sede bos coas almas do Alén!

1 comentario: