domingo, 20 de xuño de 2021

Pan brioche

Boa noite, bolboreteir@s. Como estades? Os que sodes pouco amigos da calor, estaredes coma reis, non? Haha. Nós levamos mal a choiva nestes meses, a verdade, pero como sempre, non hai mal do que non se tire proveito. Así pois, sempre que hai días sen saír, aproveitamos para a cociña e desta volta rendiunos para tres receitas novas, unha das cales presentamos xa hoxe. 

Optamos por un pan que non ten moita tradición na gastronomía galega pero que si é habitual encontralo en moitas pastelarías. Falamos do pan brioche, un pan doce xa a camiño do biscoito con orixe francesa. Parece ser, que provén concretamente das terras de Normandía, onde os pobos vikingos traballan a miúdo coa manteiga, coas calorías que iso lles ofrecía. Aparece documentada por primeira vez co nome de brioche no século XV mais, como dicimos, sábese da súa elaboración bastante antes. 

Hoxe en día, falamos dun pan doce moi popular en varios territorios de Europa, moi proveitoso para diferentes momentos do día. 


Pan brioche


Ingredientes:

  • 525 g de fariña
  • 100 g de manteiga
  • 90 ml de leite        
  • 25 g de azucre
  • 15 g de lévedo seco
  • 4 ovos (máis un para pintar)
  • Un chisco de sal





Utensilios: unha pota, unha cunca grande, un batedor eléctrico e unha espátula.


Elaboración: 


Para comezarmos, temos de temperar o leite. Nós facémolo directamente no robot, mais na pota queda exactamente igual. 


Botamos o lévedo e mesturamos moi ben. 


Pasamos a mestura a unha cunca grande e agregamos os ovos. Batemos co batedor eléctrico. 


De seguir, a manteiga, a temperatura ambiente, a fariña, o azucre e o sal e amasamos de novo. 


Até obter unha masa homoxénea. 


Deixamos repousar unha hora. Quitamos o aire, facemos boliñas e colocámolas no molde. Non é necesario engrasalo, mais nós puxemos un papel no fondo para desmoldalo máis facilmente. 


Deixamos repousar, outra vez, até que duplique o seu tamaño e pintamos co ovo batido.





Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos. 


Deixamos que enfríe un pouco e xa estaría listo para comer! 



Servimos un bo anaco e a comer!! Pouco durou a pesar de que fixemos para unha familia de 12 e non de 2, haha. Forte aperta, bolboreteir@s!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario