Boa noite, bolboreteir@s! Como vai todo? Nós aínda chegamos agora á casa que estivemos de noreo así que a publicación de hoxe vai case que nocturna.
Imos con todo un experimento dese mundo que nós adoramos como o da cociña vegana. Parécenos unha das mellores opcións para procurarmos creatividade e introducirmos produtos novos na nosa alimentación. De feito, desta volta coñecemos o lévedo nutricional, que é o que achega o sabor similar ao do queixo e botamos man da cabaza que tampouco é moi frecuente nesta cociña nosa. Ollade que ideaza!
"Mac and cheese" veganos
Ingredientes:
- 400 g de macarróns
- 400 g de cabaza
- 200 g de leite de avea
- 3-4 culleradas de lévedo nutricional
- 2 culleradas de aceite de oliva
- O zume de medio limón
- Cebola en po
- Allo en po
- Pementa moída
- Sal
- Para decorar: alfábega
Utensilios: unha bandexa de forno e papel vexetal, unha pota, unha cunca, un batedor eléctrico e unha culler de pau.
Elaboración:
Para comezarmos, cocemos a pasta e reservamos. Nós escollemos os macarróns do tipo "tiburón", xa que non encontramos os típicos dos "mac and cheese".
Menres tanto, temos de pelar e cortar a cabaza para asala no forno, a 200º, calor arriba e abaixo, aproximadamente, 30 minutos.
Nunha cunca, botamos a cabaza, o leite, o lévedo, o zume e o aceite e sazonamos, ao noso gusto, coa cebola, o allo, a pementa moída e o sal.
Trituramos moi ben co batedor eléctrico.
Na mesma pota en que cociñamos os macarróns, mesturámolos coa salsa e cociñamos 2-3 minutos para que collan todo o sabor.
Servimos e botamos un chisco de alfábega para decorar.
E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos gusten! Aquí foron recibidos con moito entusiasmo e marcharon con rapidez, claro. Aperta forte, bolboreteir@s!
Uuuuumm no me importaría dar cuenta de un plato de esos macarrones seguro que están de rexupete con la calabaza 😋
ResponderEliminarBicos mil para los tres y feliz semana wap@s 😘
Sii, hai que buscar solucións saudábeis para compensar!
EliminarUnha aperta grande e grazas por pasarte!