sábado, 11 de xaneiro de 2020

Salmón con capa e verduras

Bo día, bolboreteir@s! Como estades? Agardamos que xa recuperados dos excesos do Nadal e adaptados de novo á rutina, canto menos alimenticia. Nós seguimos coa nosa actividade blogueira, presentándovos opcións que nos conquistan a nós previamente.
Ben, o salmón é talvez o noso peixe favorito xunto co peixe-sapo e a verdade é que estamos moi acomodado a facelo na tixola sen máis que unha gota de aceite. Que é ben cómodo para o día a día e tamén unha delicia. Porén, convén non aborrecelo tampouco así que matinamos nesta nova opción, tamén bastante saudábel e con moita novidade no sabor. Ollade!




Salmón con costra e verduras



Ingredientes:

  • 2 toros de salmón
  • 1 cebola
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemento amarelo
  • 3-4 champiñóns
  • 2 galletas mariñeiras
  • 30 g de améndoa crúa
  • 30 g de cereais de millo
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, unha fonte apta para o forno, unha táboa e un coitelo.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de cortar os pementos e a cebola en xuliana e rustrímolos en dúas culleradas de aceite. Sazonámolos ao noso gusto coa pementa, o ourego e o sal. 


Pasados 5 min, agregamos os champis, cortados en catro. Cociñamos 3 min máis.


Despois dese tempo, botamos as verduras na cunca que irá ao forno.


Colocamos o salmón e salgamos ao noso gusto.


Á parte, mesturamos as galletas, os cereais e a améndoa e machacámolos para ter anacos pequenos e cubrimos con eles o salmón.




Enfornamos, co forno prequente a 180ª, calor arriba e abaixo, durante 15 min.


E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste. Vedes que podemos preparar o salmón dun xeito moi novidoso con ben pouco traballo. Resulta ben interesante, especialmente para os fans deste peixe, tal e como somos nós. Agardamos que lle deades proveito. Forte aperta, amig@s!

 

2 comentarios:

  1. Hace años que no como salmón a no ser ahumado y mira que nos gustaba pero nos hizo daño en una cena y desde entonces no lo volvimos a comer.
    Os ha quedado de relujo y no dudo lo más mínimo que esté de muerte relenta no lo siguiente 😋
    Bicos mil para los tres y feliz inicio de semana wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Adoita pasar cando nos senta mal algo... que tardas mil en poder volver comer iso 😢!
      Esta é unha forma diferente de comer o salmón, para non facelo sempre á prancha 🤩😍!

      Eliminar