Boas, bolboreteir@s! Como estades? Por aquí aínda relambéndonos e facendo oco no bandullo despois da homenaxe que nos pegamos este pasado sábado. Como fostes seguindo polas redes, celebrouse o #Codidoday, que vén a ser a Festa Internacional do Cocido, un evento gastronómico co obxectivo de gozar deste prato tradicional da nosa terra e de difundilo a través das RRSS en Galiza mais tamén fóra. Procuramos así exaltar a nosa cociña e mostrar Galiza como un paraíso gastronómico, algo do que non queda dúbida.
Un só cocido dá para unha novela (hummm, anotamos idea! ha!) mais tentaremos non estendermos en exceso neste percorrido polo xantar do #cocidoday.

Iniciamos cunha sopa de cocido, un prato que había tempo que non degustabamos e que nos pareceu unha idea xenial para irmos entrando en calor. Riquísima.
E despois pasamos directamente ao prato forte. Chourizos, garavanzos, patacas de Coristanco (isto é importante pois Lois évos de alí..), grelos de Ordes mercados na Praza de Abastos, costela, polo, lacón... Todo no seu punto e sen exceso de sal que é algo do que adoitan pecar algúns cocidos.
Como, que non vos falamos aínda das filloas? Por favor, iso merece mención á parte. Agardabamos encontrar os freixós na sobremesa, tal e como facemos na nosa casa, mais aquí gozamos inmensamente coa versión salgada que ía acompañando este cocido, exquisito!
Xa sabedes que nós sen sobremesa, non somos ninguén. Pois ollo, que na Nave de Vidán non deixan este aspecto sen coidar. Non, non. Orellas (da casa), canas de crema (do Carballiño) e bica de Laza. Non se pode escoller. Unha oda ao doce entroideiro. Marabilla.
E para sobremesa, a que nos agasallou o artista Luis Davila, a quen xa admirabamos inmensamente desde hai anos. Dedicou media horiña, por petición popular, a realizar uns dos seus característicos deseños onde a retranca e a identidade non falta, neste caso con claras referencias á xornada que estabamos a vivir. Vaia crack!
Xa vedes, pasamos un sábado redondo tanto pola xente coa que compartimos mesa como polos pratos ofrecidos pola Nave de Vidán. Pedazo cocido nos papamos.
E antes de pechar... como sempre andamos dicindo cando nos encontramos por librarías, espazos culturais e demais: non pode haber identidade gastronómica sen lingua identitaria. A Nave de Vidán coida moitísimo este aspecto polo que non podemos maís que dar os parabéns e animarvos a visitardes un local de referencia compostelán.
Aperta forte, bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario