sábado, 23 de marzo de 2019

Chile con carne vegano

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Por aquí andamos ben contentos con este día solleiro no que imos para Compostela a gozar do #Cocidoday na Nave de Vidán. Xa vos iremos contando polas redes que tal vai.
Entretanto, traemos aquí unha receita moi diferente. De feito, xa vedes que choca desde o título e talvez moit@s non estean de acordo con estas denominacións de "x vegano". A nós pola contra si nos gusta porque nos encanta xogar coa comida. Ese aspecto lúdico é un criterio diferencial para amarmos a gastronomía e nesa liña, a vegana é unha xoia.
Levamos unha xeira incribelmente gustosa con este tipo de pratos xa que algúns como o da pasta salsa boloñesa vegana e este mesmo póñense ao nivel dos orixinais. Ou canto menos para nós. Ademais, que se fan bastante máis lixeiros. Ollade, opinade e decidide ;-)




Chile con carne vegano



Ingredientes:


  • 400 g de tomate triturado
  • 200 g de soia texturizada
  • 200 g de fabas vermellas cocidas
  • 2 cenorias
  • 1 pemento verde
  • 1 cebola
  • 1 cullerada de comiño
  • 1 cullerada de pemento picante
  • 1 cullerada de ourego
  • 1 cullerada de allo en po
  • Pementa moída
  • Sal
  • Auga
  • Aceite de oliva
Para acompañar: nachos. 

Utensilios: unha tixola grande (ou unha pota), un picadora (ou táboa e coitelo), unha cunca e un prato. 


Elaboración:


Para comezar, hidratamos a soia, para iso, botámola nunha cunca e cubrímola con auga. Mentres tanto, picamos moi ben as verduras (cenorias, pemento e cebola) e rustrímolas con dúas culleradas de aceite. 


10 minutos despois, engadimos a soia escoada e as especias (comiño, ourego, pemento picante, allo, pementa moída e sal) e mesturamos moi ben. Cociñamos 5-7 minutos. 


A continuación, agregamos as fabas e o tomate triturado. Mesturamos moi ben e deixamos cociñar 25-30 minutos, até que se evapore todo o líquido. 




Deixamos repousar 5-10 minutos e servimos acompañados duns nachos (ou arroz, pan...).


Agardamos que vos guste esta nova opción! 



Ñam! Que delicia! Con pouco logramos para varias comidas así que agora aínda temos por gozar deste prato ben orixinal. Ide comprando os nachos que a idea xa a tedes. Fortísima aperta, amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario