martes, 19 de xuño de 2018

Flatbraud (pan plano islandés)

Bolboreteir@s! Parece que chegou o verán, ou canto menos os días solleiros! Non era sen tempo, haha! 
Con todo, nós imos tirar hoxe para terras que non se caracterizan precisamente polas súas altas temperaturas. Viaxamos até Islandia a través dun dos seus pratos máis típicos, o flatbraud, tamén coñecido como flaikaka, e que coñecemos a través do repositorio de receitas Saladmaster. E por que unha receita islandesa? Pois recordade que iniciamos o martes pasado unha xeira de receitas mundialistas, aproveitando a competición futbolística de Rusia. E un dos países e seleccións que están causando sensación, e non só polo que sucede no terreo de xogo, é precisamente Islandia. Tod@s amamos este país nórdico así que quixemos dar a coñecer algo máis del, neste caso, obviamente, a través dos seus sabores.
Imos pois con este pan ben curioso e diferente.



Flatbraud (pan plano islandés)



Ingredientes:


  • 250 g de fariña de centeo
  • 125 g de fariña de trigo integral
  • 200 ml de auga
  • 8 g de lévedo 
  • Un chisco de sal




Utensilios: unha cunca, unha prancha, un rolete e unha culler.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar as fariñas, o lévedo e o sal. 


De seguir, quentamos a auga e engadímola á mestura das fariñas. 


Amasamos, agora mellor coas mans, até conseguir unha masa homoxénea.


Dividimos a masa en seis porcións e deixamos que repousen 10 minutos. 


Estiramos a masa cun rolete e dámoslle forma redondeada. 


Agora temos dúas opcións: facelas na vaporera, aínda que vos vai levar moito máis tempo. 

Ou na tixola, volta e volta. 











Unha opción para comelo é dividir as tortillas en 4 porcións e, en cada unha desas partes, poñemos: salmón afumado, cogombro, queixo de cabra e o noso queixo preferido, o noso, San Simón. 


Agardamos que vos guste e que poñades en práctica esta marabillosa receita. 


Unha cea para petiscar ben diferente e con sabor nórdico coa que sorprenderes a convidad@s e... tamén a vós mesmos, vaia! Obviamente, nós quixemos manter a esencia da receita islandesa mais podedes partir da base e a partir de aí botardes man dos ingredientes que máis vos prazan. Quedan para o voso goce xa estes flatbraud. Forte aperta, amig@s!

4 comentarios:

  1. Faime graza que os islandeses lle chaman "kaka" aos pasteis.

    ResponderEliminar
  2. Ese pan Islandes tiene que estar de muerte relenta no lo siguiente de buena gana daba cuenta de un trozo uummmmmmm, os ha quedado de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar