sábado, 19 de maio de 2018

Sopa máxica, de María Victoria Moreno

Bo día, bolboreteir@s! Pasou o 17 de maio mais permanece o compromiso e amor pola nosa lingua. Hoxe imos pechar a semana das Letras Galegas coa segunda homenaxe a María Victoria Moreno e para iso volvemos partir dos seus textos e da súa paixón culinaria.
Desta volta, fixemos a lectura dunha das súas pezas infantís, "Un cachiño de bica?" na que a imaxinación e o ludismo se encontran arredor dunha mesa onde pasan diferentes pratos e receitas. O protagonismo, alén da comensal, está en Iván, un meniño, e Nica, a súa cadela. Deixámosvos este fragmento no que nos inspiramos para crear esta sopa máxica que cremos representa a dozura da escrita infantil María Victoria Moreno e o efecto constante de sorpresa que nos encontramos na súa obra. Porque si, esta sopa sorprenderavos, e moito!

Pedín un café con leite á camareira e tróuxome unha taza chea de letras.
E unha culler, por se me viña antollo de remexer.

As letras eran doces, eu tiña fame, e decidín comelas, ata fartarme.
Mais tiñan vida, eu achegaba a boca e elas fuxían.

Eran lenes e dondas as máis das letras, sorrían en colores de bolboretas...
E chanceaban: cando eu quería pillalas, elas voaban.

Brincaban ó seu gusto sobre o mantel, xuntándose en palabras que puiden ler:
Amor e pan,
casa, escola e camiños,
Nica e Iván.
[...]

Agora animámosvos a descubrirdes coa lectura, como remata este fantástico relato. E mentres tanto, deixámosvos coa nosa receita-homenaxe:


Sopa máxica, de María Victoria Moreno




Ingredientes:


  • 150 g de chocolate branco
  • 100 ml de nata para cociñar
  • 100 ml de leite
  • 1 iogur grego (opcional)
  • Para decorar: letras de chocolate



Utensilios: un cazo, unha taza e unha culler.



Elaborar:


Para comezarmos, temos de quentar a nata e o leite. 


Cando estean quentes, engadimos o chocolate, cortado en anacos. Mesturamos até que se derreta.


De seguir, retiramos do lume e engadimos o iogur grego, se é que llo queremos botar ;).


Mesturamos moi ben e servimos nunha taza ou nunha cunca. Refrixeramos 4-5 horas, ou mellor unha noite enteira.


Agregamos as letras de chocolate e xa estaría listo para comer! 


Agardamos que vos guste e que a fagades na casa, xa que vos ha sorprender o resultado. Nós de feito, cremos que nada mellor que fusionar a lectura de "Un cachiño de bica" coa degustación desta sopa máxica para lograrmos o máximo pracer lector e culinario. Xa sabedes que gastronomía e literatura van da man con moita máis frecuencia da que pensamos.
Deixámosvos pois con esta última creación, desexando que vos transporte a un modo de soños, lecturas e moito moito sabor, da man de María Victoria Moreno. Aperta forte!


2 comentarios: