Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Aquí preparados para nos meter xa de cheo na semana das Letras Galegas sumándonos humildemente ás iniciativas levadas a cabo en todo o país arredor da figura homenaxeada neste 2018, María Victoria Moreno.
Como xa sabedes, un dos obxectivos de Bolboretas do bandullo consiste en levar da man gastronomía e cultura polo que tentamos xerar algún que outro pequeno proxecto en que participen estes ámbitos. María Victoria Moreno, a que estamos a coñecer con maior profunidade nestes meses, danos moitísimo xogo neste aspecto, pois era unha tremenda apaixonada da gastronomía pola que ten confesado moitas horas de dedicación. E claro, ás veces esa vocación culinaria, inseríase na súa proxección literaria.
Estas pasadas semanas estivemos relendo a que consideramos a súa obra mestra, Anagnórise, e aínda que a cociña non é o tema central da peza si xorde en ocasións como contexto propicio para intensas conversas entre os protagonistas, mesmo dando lugar a reflexións do máis curiosas como cando Xulia recomenda a Aris non perder atención de nada do que sucede ao seu redor, percibindo así, por exemplo, como as polbeiras pasaban o prato do polbo pola propia auga na que se cocera antes de servir as racións.
Mesmo nunha pasaxe da obra, na que paran a xantar nun restaurante e o protagonista nos presenta unha acumulación de pratos do máis apetisosos e que veñen a demostrar o interese e coñecementos culinarios da autora. Deixámosvos este fragmento para que vexades onde nos inspiramos para levar a cabo esta saborosísima receita:
Eu comezo a ler na carta, pero os nomes dos pratos que se ofrecen non me fan pensar en comida. Pescada á primavera, pescada á romana, rabada á galega, coche vermello con litro e medio de cilindrada, robaliza á prancha, ollos negros que me fitan, costeleta de xovenca, ragú á provenzal, trescentos quilómetros percorridos, año de Castela, cabrito ao forno, sorbete de kiwi, Natalia ten ollos azuis, xeados variados, copa da casa, hai outra mesa posta a esa hora... A trescentos quilómetros deste restaurante hai unha mesa posta cun prato para min. ¿Cando, cando exactamente comezarán a comer? ¿Cando, cando exactamente comprenderán que non vou chegar?
Levanto os ollos da carta e atópome cos ollos dela, que teñen agora un mirar solermiño.
Tacos de ragú á provenzal (Anagnórise)
Ingredientes:
- Tortillas de trigo/millo
- 1 peituga grande
- 2 tomates
- 1 cebola grande
- 2-3 dentes de allo
- 1/2 vaso de viño branco
- 1 folla de loureiro
- Herbas provenzais:
- 1/2 culleriña de ourego
- 1/2 culleriña de alfábega
- 1/2 culleriña de pirixel
- 1/4 culleriña de romeu
- 1/4 culleriña de tomiño
- 1/4 culleriña de coantro
- Un chisco de eneldo
- Pementa moída
- Sal
- Aceite de oliva
Utensilios: táboa e coitelo, unha culler, unha tixola e unha prancha.
Elaboración:
Para comezarmos, cortamos a peituga en cadradiños e rustrímola nunha cullerada de aceite.
Engadimos a cebola e o allo, picados.
Cando as verduras estean un pouco rustridas, engadimos a folla de loureiro.
E o viño. Cociñamos 5 minutos.
Pasado ese tempo, picamos os tomates en cadradiños e engadímolos á tixola. Cociñamos 5-6 minutos.
De seguir, botamos a mestura das herbas provenzais, a pementa moída e o sal, ao gusto. Mesturamos moi ben e cociñamos uns minutos máis.
Mentres tanto, quentamos as tortillas nunha prancha/tixola.
Montamos os tacos. Colocamos unha tortilla na man e engadimos o recheo.
Como vedes, escollemos unha variante dunha das opcións que nos menciona Nicolau Aris en Anagnórise. Poderiamos optar por eses outros pratos que tan ben representan as reflexións dos personaxes como "eses ollos negros que me fitan" ou "Natalia ten ollos azuis" aínda que vimos máis realista esta opción tan apetecíbel.
Porén, o que máis vos podemos recomendar é a lectura da obra de María Victoria Moreno, que garantimos vos alimentará de moi diferentes formas, tamén para vos recoñecer a vós mesmos, logrando tamén a vosa propia anagnórise.
Hoxe é sempre, coa nosa lingua, coa nosa literatura e coa nosa cultura. Forte aperta, bolboreteir@s!
Os han quedado unos tacos de relujo y seguro que estaban de muerte relenta , por que no puedo que si no metia la mano y daba cuenta de ellos uummmmmm.
ResponderEliminarBicos mil y feliz finde wap@s.
Grazas mil, Chus 😊!
Eliminar