sábado, 12 de maio de 2018

Cazoliñas de spaguetti de cabaciña con gambas ao allo

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Agardamos que ben. Supomos que moitos, agardando xa ansiosos a chegada do verán con esta espera de alternativas climáticas que tan ben representa a estación primaveral.
Hoxe estamos ben contentos porque vos imos presentar un dos nosos pratos favoritos, ou canto menos a variante dun dos nosos pratos favoritos. Desde que descubrimos os spaguetti de cabaciña, a nosa cociña non vive sen esta verdura pois é un recurso inmellorábel para xantares e ceas. Rápido e sumamente saudábel.
Ademais, esta versión que hoxe vos traemos é moi especial, aínda que isto entenderédelo algunhas persoas co paso do tempo.  Non vos queremos desvelar a fin destas cazoliñas que fican de luxo en calquera mesa, ben do día a día ou ben para unha xornada do máis especial.
Imos por elas!!




Cazoliñas de spaguetti de cabaciña con gambas ao allo



Ingredientes:


  • 2 cabaciñas
  • 250 g de gambas
  • 1/2 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 chile
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva






Utensilios: unha tixola, un relador/mandolina, un coitelo e unha culler. 


Elaboración:


Para comezarmos,  temos de rustrir en dúas/tres culleradas de aceite o chile e a cebola e o allo, ben picadiños. 




Cando estean ben brandiñas, engadimos as gambas e cociñámolas 5- 6 minutos. 




Mentres tanto, relamos as cabaciñas e, cando pase ese tempo, engadímolas ás tixola. Mesturamos moi ben e deixamos que se cociñen durante 8-10 minutos, segundo nos guste máis ou menos ao dente. 



Pasado ese tempo, servimos nunhas cazoliñas e xa estarían listos para comer!


Agardamos que vos gusten e que fagades esta receita na casa porque, como vedes, é moi fácil, saudábel e deliciosa. 
Ademais, se tedes peques na casa, veredes nestas cazolas unha outra oportunidade de lles incorporar unha verdura tan beneficiosa como a cabaciña xa que un prato moi apetecíbel e que presta degustar a uns e outras.
Sede moi felices e papade á nosa honra. Deixámosvos esta nova idea para vos pór mans á masa! Apertas!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario