sábado, 3 de marzo de 2018

Sopa de cebola

Comezamos marzo e xa está aí a primavera que tanto nos gusta pola vitalidade que transmite a través do florecemento que dá luz e cor. E froitas. Moitas froitas. E dalgunhas xa temos ganas... Con todo, hoxe non vai a receita de froita, mais si de verdura, cunha receita da que tod@s oístes falar algunha vez mais non sabemos se tod@s probastes. Estamos a falar da sopa de cebola, con ampla tradición en Francia e tamén no Mediterráneo mais que se fixo un oco na cociña dalgúns fogares galegos, e mesmo nalguns locais que comezaron a ofrecelas, xunto coas sopas de allo, para as noites de troula. Ou máis ben para os amenceres de fin de festa!
Sexa como for, nós tiñamos ganas de probala e fomos conquistados polo resultado, intenso mais sen chegar a aborrecer.
Aquí tedes as indicacións para logrardes unha sopa de cebola ben saborosa! Nós inspirámonos nunha receita e Isasaweis. 


Sopa de cebola


Ingredientes:

  • 3 cebolas
  • 3 chalotas
  • 2 dentes de allo
  • 1 l de caldo de polo
  • 1 vaso de viño
  • 1 vaso de auga
  • 1 cullerada de aceite
  • 1 cullerada de manteiga
  • 1 culleriña de tomiño
  • Pementa moída
  • 4 rebandas de pan

Utensilios: unha pota, un cazo de barro (ou unha fonte apta para microndas), unha culler, unha táboa e un coitelo.


Elaboración:


Para comezarmos, botamos o aceite e a manteiga na pota. Tamén as cebolas, as chalotas e o dente de allo cortados en xuliana. Rustrimos durante 30 minutos.


Pasado ese tempo, engadimos o viño e fervémolo durante 3 minutos. 


A continuación, engadimos o caldo e a auga. 


Sazonamos con pementa moída e o tomiño. En principio, non engadimos sal, o caldo xa o ten, mais teredes que probar ;)


Cociñamos durante 50 min-1 h. 


Mentres se acaba de facer a sopa, torramos as rebandas de pan. 


Cando estean torrados, restregamos o dente de allo. 


Botamos a sopa no cazo de barro, colocamos as rebandas de pan. E empoamos o pan co queixo relado. 


Enfornamos co gratinador até que se funda o queixo, aproximadamente 5-7 minutos. 


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste! 


Como vedes, resulta moi apetecíbel. Dubidabamos co pan ao principio porque non lle acababamos de ver a función mais ao probar entendimos que se a receita tradicional o coloca aí, por algo é. De feito, é o punto de solidez que precisa a sopa.
Nós habitualmente comemos máis de prato baixo que alto, mais con receitas coma estas, imos ter que volver aos menús diarios de tres pratos.

Agardamos que gustedes. Fortísima aperta, amig@s!



2 comentarios:

  1. Que rica y que facil de hacer la sopa de cebolla , os ha quedado de relujo ademas de estar de rexupete.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar