martes, 6 de marzo de 2018

Espárragos con panko e maionesa de améndoas

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Xa vos diciamos o pasado sábado das nosas ansias de primavera entre outras cousas polas froitas de tempada. E de verduras tamén temos. Así pois, imos hoxe cunha das nosas favoritas, os espárragos, que se xa están bos envasados, aínda máis os naturais.
Non é a primiera vez que os preparamos, aínda recordaredes os espárragos verdes gratinados con mozzarella, mais xa tiñamos antollo dunha nova preparación polo que argallando pola rede fomos recolectando ideas. Ao final, démoslle saída ao panko que nos sobrara doutra receita  e fusionamos todo nun prato que nos fixo perder o sentido, e a fame tamén, claro.
A verdade é que xa papamos uns cantos polo camiño, mais o punto crocante do pan relado xaponés coa intensidade do queixo italiano fan desta unha verdadeira delicia.
Imos por ela!


Espárragos con panko e maionesa de améndoas



Ingredientes:


  • 1 manoxo de espárragos
  • Panko
  • 3-4 culleradas de queixo parmesán
  • 1 ovo
  • Sal
  • Aceite de oliva
Para a maionesa:
  • Maionesa caseira
  • 2 culleradas de améndoa picada

Utensilios: unha vaporeira e unha pota, unha tixola, un prato con papel absorbente.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer os espárragos 10 minutos na vaporeira. Para iso, botamos auga no fondo dunha pota, quentámola e poñemos a vaporeira arriba. 


Mentres tanto, mesturamos o panko co parmesán. Reservamos.


Cando os espárragos estean ben cociñados, pasámolos polo ovo batido. 


E polo panko co parmesán. 


Fritímolos en abundante aceite quente e poñémolos sobre papel absorbente. 


A parte, mesturamos a maionesa coa améndoa e acompañamos os espárragos con ela. E xa estarían listos para comer! 



Resulta apetecíbel, non é? Pois non tedes máis que achegarvos ao super e desfrutar do preparado para ter un prato exquisito para aproveitar como petisco ou, tal e como nós fixemos, como elemento principal para lle dar todo o protagonismo do noso menú. 
Deixámosvos degustar a última creación de Bolboretas no bandullo. Forte aperta!

2 comentarios:

  1. Nunca he comido los esparrago asi y no dudo lo mas minimo que me gustarian ,una pena no estar mas cerca para ir a dar cuenta de ellos uummmmmmm.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Para nós tamén foi a primeira vez e están deliciosos! Telos que probar!
      Un saúdo e grazas por pasarte!

      Eliminar