martes, 23 de xaneiro de 2018

Peras en salsa de cítricos

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Por aquí seguimos argallando receitas saudábeis aínda que é certo que esta fin de semana pecamos cos ansiados freixós (aí vos queda receita en vídeo, que xa vai tocando). Son a nosa perdición e talvez sexan a nosa lambetada preferida que tamén actúan como símbolo da repostaría galega.
Ben, deixando a xoia do Entroido a un lado, andabamos preocupados porque desde que comezamos con estes pratos sans non presentaramos ningunha sobremesa e non queremos que fiquen desconectados estes dous elementos. Así pois, démoslle unha volta a un dos nosos libros favoritos, "Cocina sana para disfrutar" de Isasaweis e chegamos a esta idea, que collemos prestada para vos presentar.
Gustounos pola asociación da pera cos cítricos xa que adoitan ir por separada. Chamounos a atención e efectivamente comprobamos que o resultado non deixa indiferente. Agora, é a vosa quenda.



Peras en salsa de cítricos



Ingredientes:

  • 3 peras
  • 2 laranxas 
  • 1 limón
  • 1 rama de canela
  • 1 cullerada de vainilla
  • 1 cullerada de mel



Utensilios: un cazo con tapa, un pelador, un relador e un exprimidor.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de pelar as peras. cortamos unha fina capa da base para que se aguanten de pe. Colocámolas no cazo.



Engadimos a canela e a vainilla.


Botamos a reladura dunha laranxa e do limón.


De seguir, exprimimos as dúas laranxas e agregamos o zume mesturado coa cullerada de mel.









Cociñamos a lume baixo 25-30 minutos coa tapa posta, ou até que as peras estean cocidas.


E xa estarían listas para comer! Están deliciosas quentes, frías ou mornas 😉


Boa pinta, verdade? Pois agora é cuestión de lle darmos saída ás peras que teñamos na casa. Unha froita moi doce que se vai prestar ao contraste achegado polo limón. Idóneo para o corpus de receitas saudábeis a ter en conta. Pasade unha semana ben feliz. Forte aperta!

2 comentarios:

  1. Encántame...co viño están ben, mais este combinado paréceme moi interesante..
    Moitas grazas

    ResponderEliminar