sábado, 21 de outubro de 2017

Mexillóns en salsa

Bo día, bolboreteir@s. Retornamos despois duns día sen moita actividade xa que non estaba o país para moita festa despois dos días nefastos que vivimos, especialmente polo sur.
Sexa como for, a vida sigue e para iso o gastronómico tórnase vital, sexa con máis ou menos virtuosismo. Desta volta preparamos unha receita que non era nova para nós aínda que nunca a preparáramos nós até o momento. Leva anos instalada na nosa casa, especialmente para festexos, ben sexa para mexillóns, ameixas ou berberecheos. Porén, nunca tiveramos que pornos nós con ela e esta semana pasada que estivemos de festa polo Ventorrillo decidimos que era a hora.
Nós somos moi deste molusco porque recolle todo o sabor do mar galego e ademais presenta uns prezos máis accesíbeis ca outros. De todas formas, hai mexillóns e mexillóns e a nós os de Lorbé, por exemplo, vólvennos tolos.
Agardamos que a vós se vos faga auga tamén a boca...



Mexillóns en salsa


Ingredientes:

  • 2 kg de mexillóns
  • 2 tomates grandes
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 chile
  • 1 folla de loureiro
  • 1 cullerada de fariña
  • Pementa moída
  • Sal
  • 1 vaso de viño
  • O zume dun limón
  • Aceite de olive virxe

Utensilios: unha pota grande, un batedor eléctrico, unha táboa e un coitelo. 


Elaboración:

Para comezarmos, quentamos dúas culleradas de aceite e engadimos o chile. 


Engadimos a cebola eo allo ben picados. Tamén botamos un pouco do viño branco. 


De seguir, botamos os mexillóns, ben limpos, a folla de loureiro e esperamos que abran. 


Botamos a cullerada de fariña e mesturamos ben para que non queden bolos.


E agregamos os tomates triturados, o resto do viño e o zume de limón. 






Deixamos que se cociñen uns minutos e xa estarían listos para comer ;)



Agardamos que vos gusten e que poñades en práctica esta receita ;)


Ese mollo ofrece un sabor do máis intenso e natural. Moito teñen que ver tamén os tomates da casa, claro, haha. Nós desta volta non os fixemos moi bravos aínda que o tradicional na nosa casa é non quedar curtos de chile, hahaha.
Ademais, como xa vos contamos en anteriores ocasións, estas salsas son do máis proveitosas para nós porque alén do goce co marisco de turno, deriva nunha sopa de restos... impresionante!! (Receita de sopa mariñeira de ameixas)
Boa fin de semana, amig@s!!

2 comentarios:

  1. Me encantan los mejillones! ayer los hice simplemente al vapor pero la próxima vez irán con esta salsita que tiene una pinta fantástica, biquiños.

    ResponderEliminar
  2. Ummmmmmmmmm que ricos seguro que estan de rexupete , os han quedado de relujo yo tengo un taper de ellos en escabeche que hice el jueves , tomo nota para hacerlos asi un dia de estos.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar