Bo martes, bolboreteir@s! Como levades a semana? Nós xenial despois da marabillosa experiencia que tivemos onte no Mestrado de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña en que reflexionamos arredor da lingua e a gastronomía, cociñamos e claro, tamén saboreamos, que para iso somos ben lambonciñ@s!
E entretanto, toca continuar con máis receitas. A de hoxe foi un experimento cunha nova adquisición, unha vaporeira xaponesa coa que andamos a argallar. Desde logo, este saíu moi moi ben. O polo é talvez a carne máis recorrente para a nosa alimentación diaria polo que procuramos moi diversas formas de o preparar e así non aborrecelo. Esta vai directa á nova colección pois alcanzou nota moi alta.
O toque de lima e curry danlle moitísima intensidade e xa acompañado dunha das nosas verduras favoritas logramos un prato exquisito. Velaí vai!
Polo con curry e lima ao vapor
Ingredientes:
- 2 peitugas de polo enteiras
- 2 culleradas de curry
- 1 culleriña de allo
- 1 culleriña de ourego
- Pementa moída
- Un chisco de sal
- O zume dunha lima
- Unha cullerada de aceite
Utensilios: vaporeira, unha pota con auga, unha cunca, un prato e papel transparente.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de mesturar o curry, o ourego, a pementa moída e o sal co zume da lima e o aceite.
Adobamos ben as peitugas coa mestura anterior e envolvémolas en papel transparente.
Poñémolas na vaporeira, sobre unha pota con auga, poñemos a lume. medio e cociñamos sobre 25 minutos.
Pasado ese tempo, quitamos o papel transparente. Como podemos ver, soltar moito zume.
Cortamos o polo en lascas e servimos. Podemos aproveitar a vaporeira, tamén, para facer un pouco de brócoli (aliñado con pementa, allo e unha cullerada de aceite) e así facemos un prato de 10.
Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica ;)
Comentábannos onte dúas profes da Facultade de Educación o perigo de visitar Bolboretas no bandullo a certas horas pois o estómago non resiste estas tentacións. Iso é bo sinal porque o obxectivo é abrir o apetito e animarvos a vos atrever na cociña con novas receitas como este polo con curry e lima ao vapor. Delicia!
Boa semana, bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario