sábado, 9 de setembro de 2017

Mixtión de quinoa con verduras e gambas

Bolboreteir@s, adiante con máis receitas!!! Falámosvos moitas veces da nosa predilección pola quinoa, que entrou na nosa alimentación xa hai máis dun ano e desde aquela converteuse nun recurso case cotián.
As propiedades son infinitas, as posibilidades de cociñado outro tanto e ademais fica saborosa de calquera forma. Aínda que talvez de ningún modo tan espectacular como na combinación que hoxe vos presentamos, en que absorve os diferentes sabores achegados principalmente a través das especias.
Talvez non sexa este un prato de diario porque leva moitos produtos e entre eles as gambas mais, sen dúbida, é un prato co que conquistar a tod@s @s comensais a que nos enfrontemos xa que sacia e namora.
Velaquí fican os pasos para o lograrmos :-)



Mixtión de quinoa con verduras e gambas



Ingredientes:


  • 200 g de quinoa
  • 600 ml de caldo de verduras
  • 50 ml de viño branco
  • 150 g de gambas
  • 1 tomate
  • 1 cebola pequena
  • 3 dentes de allo
  • 1 culleriña de alfábega
  • 1 culleriña de curry
  • 1 culleriña de pemento doce
  • 1/2 culleriña de pemento picante
  • 1 chile
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite

Utensilios: dúas tixolas, unha culler, táboa e coitelo.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de rustrir a cebola en dúas culleradas de aceite. 



De seguir, engadimos o tomate e o allo. Cociñamos 5-6 minutos.



A continuación, botamos a quinoa e mesturamos moi ben.


Agregamos o caldo e deixamos que se cociñen durante 15 minutos. 



A parte, botamos nunha tixola os pementos, o curry, a alfábega, o sal, a pementa moída e o chile. 



Tamén as gambas e o viño. Cociñamos 7-8 minutos. 


Despois engadimos o rustrido das gambas á quinoa e mesturamos moi ben.


Servimos e xa está lista para comer! Agardamos que vos guste e que probedes a facela así porque vos vai encantar.



A pesar de verdes unha completa listaxe de ingredientes, podedes comprobar como non existe dificultade ningunha nin ningún paso elaborado. É cuestión, coma sempre, de lle pór agarimo á cociña e de, apenas, ir engadindo o preciso.
Para sempre con vós este mixtión de quinoa con verduras e gambas para relamber os dedos. Unha forte aperta, bolboreteir@s!!! 

2 comentarios:

  1. Me encanta la quinoa y esta que habeis preparado con las verduras y las gambas no deja de decirme comemeeeeeeeee ,seguro que esta de rexupete desde ya la voy hacer.
    Como siempre receta y fotos son de 20 Points.
    Bicos mil y feliz semana wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Xa nos contarás que che pareceu, aínda que non hai dúbida que che encantará 😍

      Eliminar