martes, 18 de abril de 2017

Arroz 3 delicias

Sabedes cal é unhas mellores formas de viaxar sen vos mover da casa? Facelo a través dos pratos e dos sabores característicos de diferentes países. Neles adoita encontrarse moito de identidade, da esencia de cada país.
Pois desta volta achegámonos a Asia cun dos seus grandes símbolos culinarios, o arroz, feito dun xeito que ben merece esa denominación de "delicias". O arroz, protagonista, vese acompañado duns xeniais actores secundarios que logran unha combinación saborosísima. Este prato poderédelo encontrar en calquera dos restaurantes chineses que hai nas vilas ou cidades galegas pois adoita ser unha das estrelas da carta. Con todo, resulta ben sinxelo de preparar na casa e bastante económico, pois a maioría son ingredientes accesíbeis. 
Deixámosvos pois coa nova creación, que vén con forza desde a China para se incorporar ao noso corpus de receitas máis recorrentes. 


Arroz 3 delicias


Ingredientes:

  • 200 g de arroz
  • 100 g de chícharos
  • 4 cenorias
  • 2-3 lascas de pavo
  • 12-15 gambas
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 ovo
  • 4 culleradas de aceite
  • 2 culleradas de soia
  • Pementa moída
  • Sal
  • Auga
Utensilios: 1-2 tixolas, un coitelo, unha culler de pau e unha fonte para presentar. 


Elaboración:


Para comezarmos temos de preparar o arroz. Botamos dúas culleradas de aceite nunha tixola e rustrimos os allos ben picadiños. 


Cando o allo estea dourado, engadimos o arroz e fritímolo un pouco. Estes dous pasos son ben interesantes para que nos quede un arroz máis saboroso, nós facémolos sempre que preparamos arroz 😉


De seguir, engadimos a auga e deixamos cociñar o tempo que vos indice o paquete. Nós botamos dúas partes de auga por unha de arroz, mais iso xa vos vén indicado tamén no paquete. Reservamos.


Mentres se atempera o arroz, preparamos o resto dos ingredientes. Noutras dúas culleradas de aceite, rustrimos a cenoria ben picada. 


Cando se empece a facer, engadimos os chícharos, naturais ou conxelados.


Cociñamos durante 2-3 minutos e agregamos o pavo cortado en dados e as gambas e deixamos que se rustra. Retiramos do lume e reservamos. 



Nesa mesma tixola, rustrimos un pouco o arroz. 


Botámoslle o ovo, lixeiramente batido, e meturamos moi ben. 


Engadimos o rustrido, a soia e integramos todos os ingredientes. 


Servimos! 

E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que o preparedes na casa!! 


Escribimos isto e marchamos correndo para a cociña pois vendo estas fotos estamos recordando o pracer de cada bocado e xa babexamos... Canto xogo nos dá o arroz e canto partido lle podemos tirar aquí e na China Popular. Apetece un 炒饭?
Pois se procurades un prato con múltiplas propiedades e sobre todo, moito moito sabor, aquí fica unha xenial opción. Adiante con ela, bolboreteir@s! Apertas!

2 comentarios:

  1. Ains madre como me estais tentado con este arroz tres delicias por que no se puede que si no ya mismo estaba dando cuenta de un plato seguro estaba de muerte relenta no lo siguiente.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar