Amigos
bolboreteir@s, por aquí non entendemos de festivos nin de procesións (excepto
nas que desfilan os menús de buffet libre, haha). Seguimos pois coas nosas receitas e continuamos tamén co noso percorrido
como youtubeir@s cunha achega especial, chea de recordos e sabor natural.
Desde hoxe, non vos poderedes resistir a probar esta receita de Petit-suisse caseiro (clicade aquí para ver o vídeo) . Que si, que si, que é posíbel e moi moi sinxelo. E moit@s
desconfiarán do resultado parecido xa que este tipo de produtos de mercado
sempre teñen unha mimese complexa. Pois explicámosvos. A textura é idéntica e
ides notar que o sabor é moi parecido mais percíbese perfectamente que hai un
sabor de amorodos moito máis intenso e natural, o que, ao noso
modo de ver, dá un salto de calidade a esta lambetada.
Se xa nos dicían que tiñamos
que para medrar había que comer petit-suisse, como papemos estes deixa a ver se
non chegamos á lúa. Imos entón con esta delicia nostálxica. A por eles!
Petit-suisse caseiros
Ingredientes:
- 500 g de amorodos
- 250 g de queixo crema
- 150 g de azucre
- 100 ml de nata
- 2 culleradas de callada
- Para decorar: boliñas de cores
Utensilios: un cazo grande, unha cunca, un batedor eléctrico e o seu vaso, unha culler de pau e un batedor manual.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de cortar os amorodos e trituralos co batedor eléctrico.
De seguir, reservamos un pouco dos amorodos triturados (2-3 culleradas) e mesturámolos coa callada. Reservamos.
Quentamos o resto dos amorodos e quentamos até que ferva. Logo, Engadimos os amorodos mesturados coa callada e mesturamos moi ben.
Pasados 2 minutos, agregamos o azucre, a nata e o queixo crema e remexemos até que se integren completamente.
Servimos nos vasos e refrixeramos, polo menos, 4-5 horas.
Despois, decoramos ao noso gusto. Nós utilizamos unha pouca de nata e boliñas de cores.
E xa estarían preparados para comer!! Agardamos que vos gusten!!
Xa vedes que a cor e textura
fica idéntica. Claro, para coñecerdes o sabor... só vos queda achegarvos á
horta ou ao super, mercar uns poucos de amorodos e a triturar! De seguro que
ides desfrutar coa preparación e sobre todo coa proba. Iso si, nós tivemos que
resistir moito para que non desaparecesen nun abrir e pechar de ollo, vaia
vicio! E iso, que os cargamos cunha cantidade que case deixaban de ser petit,
haha. Agardamos os vosos comentarios e impresións no blogue, canle de Youtube e
diferentes redes sociais. Moitas grazas por estardes sempre aí. Unha aperta!
Uummmmmmmmmmmm que ricooooooooos nada que ver con los que se compran yo tambien los hago y son vistos y no vistos hay que aprovechar que estamos en temporada de fresas .
ResponderEliminarOs han quedado de relujo y seguro sabian mejor.
Bicos mil wap@s.
Sii, efectivamente! A próxima temos que probar con amorodos e plátano que seguro que tamén están de vicio 😍😍
Eliminar