sábado, 22 de abril de 2017

Carne strogonoff con tagliatelle

Da China á Rusia, que viaxeiros andamos ultimamente por Bolboretas no bandullo. Estamos en fase de probas e novas experiencias procurando sabores diferentes. Así pois, para facer un achegamento a certas gastronomías, sempre resulta boa opción facelo a través dun clásico. Aínda que, séndomos sinceros, a receita de hoxe provén da Rusia porque así o mostra o nome mais podería pertencer a calquera outro país. Parece ser que a orixe está na creación dun cociñeiro do xeneral da Rusia tzarista,   Pavel Aleksandrevich Stróganov. Iso si, parece que non hai acordo arredor do motivo. Xa for por un concurso de cociña ou pola chegada a última hora dunha importante cantidade, temos na actualidade unha xoia de peso xa na alimentación europea.
De feito, a variación no nome vén dada pola deformación do nome ruso orixinal ao pasar a terras alemás primeiro e francesas despois. A expansión non é casual xa que cando un prato se transmite de xeracións en xeracións e dunhas culturas a outras é por algo. E neste caso descubrimos o motivo. Querédelo coñecer?



Carne strogonoff con tagliatelle



Ingredientes (para 4 persoas):



Para a carne:
  • 700 g de carne para asar
  • 8 champiñóns
  • 30 g de cogomelos secos (opcional)
  • 1 cebola
  • 350 ml de caldo de polo
  • 100 ml de viño branco
  • 200 ml de nata
  • O zume dun limón
  • 1 cullerada de vinagre
  • Allo
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Para a pasta:
  • 400 g de tagliatelle
  • 1 cullerada de manteiga
  • Pementa moída
  • Auga 
  • Sal

Utensilios: unha pota grande, unha tixola, unha ou dúas cuncas, unha culler de pau, unha táboa e un coitelo. 

Elaboración:


Para comezarmos, temos de adobar a carne con allo (picado ou en po), pementa moída e sal, ao gusto. 



Botamos unha cullerada de aceite na pota e douramos a carne até que colla cor. Retirámola a outra cunca e reservamos. 


Na mesma pota, engadimos outra cullerada de aceite e rustrimos a cebola, que debe estar ben picada. 


Cando abrande un pouco, engadimos os champiñóns laminados. Cociñamos 5-6 minutos. 


Aparte, mesturamos os cogomelos secos co viño e machacámolos un pouco.  


Engadímolos á pota coa cebola e os champis e mesturamos moi ben. 


Engadimos o caldo e cociñamos durante 10 minutos, máis ou menos, até que reduza un pouco. 


Pasado ese tempo, engadimos a carne, mesturámola ben coa salsa e deixamos que se cociñe 5-7 minutos máis. 


Mentres tanto, facemos a crema agria mesturando a nata, co zume do limón, o vinagre e un chisco de sal. Mesturamos moi ben e veremos que vai espesar e vai parecer a textura dun iogur. 


Apagamos o lume da carne, e engadimos a crema agria. 






Para facer a pasta, temos que seguir as introducións do paquete. Nós, neste caso, fixemos pasta fresca máis podedes escoller a que máis vos guste. 


Cando estea cocida, derretemos a cullerada de manteiga nunha tixola e salteamos a pasta uns minutos. Sazonamos con sal e unha pouca de pementa moída.


Servimos a pasta coa carne, decoramos cun pouco de ourego ou pirixel e xa estaría listo para comer!!


Agardamos que vos guste e que faigades esta deliciosa receita na vosa casa. Fica claro o éxito mundial deste prato que ten variantes sendo esta a que máis nos convenceu para un primeiro achegamento. Recomendámosvos entón a elaboración ben for con pasta, arroz, quinoa ou o que quixerdes. Da maneira que probedes, percibiredes como esta carne e salsa quedará no maxín para a eternidade.
Enviámosvos unha forte aperta e desexámosvos unha fin de semana chea de alegría e sabor!!!



4 comentarios:

  1. El nombre citó se las trae, pero la vista no engaña,seve delicioso, biquiños

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ten un nome moi chamativo mais está deliciosa!! 😋😋
      Grazas!!

      Eliminar
  2. Pintaza tiene esa carne no deja de decirme comemeeeeeee y no dudo ni un segundo que este de rexupete , como siempre os ha quedado de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, está moi boa e coa pasta fresca aínda está mellor 😘😘
      Grazas por pasarte!!

      Eliminar