martes, 25 de abril de 2017

Salteado de fabas

Bo día, bolboreteir@s! Como levades esta última semana de abril? Agardamos que pasásedes unha boa fin de semana e que desfrutárades do Día do Libro.
Por aquí seguimos igual, argallando novas receitas para nós e para vós. Esta última é do máis recente, fixémola onte á noite. Como era de esperar, non ficaron sobras... Non tiñamos claro que cear, demos unha ollada pola lacena e polo frigorífico e así reunimos os ingredientes para matinar nalgo novo, que non levase moito tempo e claro, que resultase tan apetitoso coma isto. A receita que chegou ao noso maxín foi un salteado. Que bos están os salteados! Gloria eterna para quen tivo a idea de inventalos :-) 
Collimos a tixola e en dez minutiños tiñamos a cea preparada cumprindo con todos os obxectivos. Adoramos estes recursos cos que non se perde tempo agora que andamos algo enleados co estudo das opos. Desde xa, queda a idea con vós:



Salteado de fabas



Ingredientes:

  • 200- 250 g de fabas cocidas
  • 2-3 salchichas frescas
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 cullerada de estragón
  • 1 chile
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, unha táboa, un coitelo e unha culler de pau. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir en dúas culleradas de aceite o chile e os dentes de allo, cortados en láminas. 


Cando o allo empece a dourarse, engadimos a cebola, picada finamente. 


Deixamos que se cociñe 5 minutos e agregamos as salchichas, cortadas en anacos. Cociñamos até que cambien de cor. 


De seguir, botamos as fabas, mesturámolas ben co resto dos ingredientes. As fabas poden ser as que vos sobraron doutra receita, as típicas que xa veñen precocidas (as que usamos nós neste caso) ou se as queredes preparar, tédelas que deixar a remollo a noite antes e despois cocelas en abudante auga até que queden tenras, aproximadamente 45-50 minutos (15-20 na pota rápida). 


Sazonamos coa pementa moída, o estragón e o sal. 


Deixamos que se cociñen e se integren ben os ingredientes durante 4-5 minutos. Servimos e xa estarían listas para comer!!


Agardamos que vos guste a receita e que a fagades na vosa casa! Porque, ademais, as fabas teñen moitísimas propiedas beneficiosas para nós, xa que teñen moita fibra, vitaminas e son baixas en graxas 😉


Se a escolla dos ingredientes é boa pouco máis queda que facer. Xa vedes que ir achegado produtos á tixola e unir para lograr este prato ben saboroso. Obviamente, esta creación ten moita marxe e onde hai salchicha podedes pór chourizo ou no lugar das fabas garavanzos. Con todo, isto foi o que tiñamos na casa e o que acabou por dar esta delicia. 
É tempo da posta en práctica, bolboreteir@s! Xa nos contaredes. Unha aperta e boa semana!

2 comentarios:

  1. Bueno babeando estoy para no variar ,por que no se puede meter la mano que si no ya estaba dando cuenta de un plato , te ha quedado un salteado de relujo.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, Chus!
      Sempre é un pracer que te pases e nos escribas!! 😘

      Eliminar