sábado, 29 de abril de 2017

Flocos de millo doces

Receita das emotivas e das levaban tempo marcadas na nosa axenda. Os flocos de millo doces son unha das nosas madalenas de Proust, non pola elaboración caseira senón porque recorda a tempos da infancia nos que, as viaxes a Lugo, tiñan como máxima motivación o retorno cun bo caldeiro destes. Si, había unhas tendas de lambetadas que vendían estes flocos de cores en diferentes tamaños e sempre levabamos o grande. Vai festín na viaxe de volta!!
E aínda hoxe devecemos por elas. Obviamente, non son para comer a diario mais o seu sabor de vez en cando supón toda unha ledicia gastronómica. Curiosamente, estes flocos de millo dividen o mundo entre seguidores/as e detractores/as. E nós estamos claramente entre os primeiros. Certo é que teñen uns sabor moi doce e apto só para @s máis lambonciñ@s; ademais deixan lonxe os flocos de millo tradicionais.
Así pois, soñabamos con dar coa súa preparación caseira. Despois dalgún que outro experimento acabamos por dar coa solución e coa receita que logra uns flocos de millo doces tal e como imaxinabamos. Poderiámolos facer cunha cor mais... claro, facíanos ilusión que fosen como os mercados e encher a nosa cociña de cores! Como agora xa temos claro o proceso, queriamos transmitírvolo da forma máis clara e directa, a través do Youtube nunha nova VÍDEO-RECEITA que deixamos AQUÍ. É tempo pois de cociñar, saborear e sobre todo, desfrutar!


Flocos de millo doces



Ingredientes:


  • Flocos de millo
  • 150 ml de auga/ cada cor
  • 120 g de azucre /cada cor
  • Colorantes de cores






Utensilios: unha tixola con tapa (ou microndas), outra tixola pequena, papel vexetal e unha culler de pau.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer os flocos de millo (se temos mazorcas caseiras coma no noso caso, perfecto; senón, podemos encontrar os grans no super). Para iso, quentamos unha tixola, botamos os grans de millo, tapamos e esperamos a que se fagan todos. Teremos que mover a tixola de cando en cando para que non se peguen. Cando estean listas, retiramos do lume e reservamos.









Agora temos que facer o caramelo. Temos que agregar nunha tixola a auga, o azucre e dúas gotas do colorante que máis nos guste. Mesturamos moi ben e quentamos a lume medio até que ao pasar unha culler o caramelo tarde un momento en volver ao sitio. Porén, temos que ter coidado en non deixalo moi espeso para que sexa máis fácil de integrar cos flocos.


De seguir, botamos o caramelo sobre os flocos e mesturamos moi ben.


Estirámolos sobre papel vexetal para que seque o caramelo. Tardará 5-10 minutos.


Pasado ese tempo, xa estarían listas para comer!!! Podédelas facer de cantas cores vos gusten ;)


Esperamos que vos gusten e que as fagades na casa para ver unha peli ou unha serie!! 



Nós con isto xa temos para unha tarde de cinema, dozura e descanso. Canta felicidade! Évos boa verdade que pouco fai falta ás veces :-) Tede coidado co teclado ao visualizardes a vídeo-receita pois babexaredes inmediatamente con ese caramelo que ofrece todo o seu sabor e intensidade aos flocos de millo. Ñam, ñam! A gozar, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Pero que faciles de hacer ,yo las hago con chocolate pero estas de colores me encantan siempre las compramos en las fiestas ,seguro que echas en casa estan mucho mas ricas.
    Os han quedado divnisimaaaaaaas.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Con chocolate nunca as probamos a facer! Mais estas si que están moi boas, mais como somos fanáticos dos flocos de millo, todas nos gustan 😂😂
      Bicos e feliz finde!

      Eliminar