sábado, 11 de marzo de 2017

Roliños de pizza mariñeira (Pizza Rolls)

Cantas veces vos diriamos xa canto nos encanta a pizza! Gustamos tantísimo que xa non sabemos de que forma preparala. Con masa de fariña de trigo, calzone, con follado, en rolo... Mimá, que verdadeira delicatessen nos deixou a gastronomía italiana.
Sexa como for, aínda temos moitas versións pendentes e unha desas era a que hoxe vos presentamos. Coñecimos estes pizza rolls a través dalgunha cadea de pizzas hai tempo e tamén o temos visto nalgunha páxinas destas de vídeos tasty que tanto adoramos. Era pois, momento de traermos a idea a Bolboretas no bandullo, coas correspondentes adaptacións e toque da casa.
Somos de probar todo tipo de ingredientes na pizza mais casualmente poucas veces optamos por aqueles chegados do mar. Aproveitamos desta volta uns mexillóns sobrantes, compramos unhas gambas e logramos un prato de luxo e económico que habedes tardar tempo en esquecer.
Se é que... canta marxe nos dá a cociña para a creatividade, que disciplina tan marabillosa! Aí vai unha nova creación.


Roliños de pizza mariñeira (pizza rolls)


Ingredientes:


  • 1 masa de pizza
  • Salsa de tomate
  • Queixo relado ao gusto
  • 1 bóla de mozzarella
  • 12-15 mexillóns cocidos
  • 12-15 gambas
  • 1/2 pemento vermello
  • Ourego
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola apta para o forno (ou unha fonte apta para forno), un pincel e un rolete. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a masa da pizza. Podedes utilizar a que máis vos guste, nós fixémola integral, neste caso. Mais podedes facela de trigo ou de centeo. Despois estirámola, coa axuda dun rolete, dándolle forma rectangular. 


De seguir, estendemos unha capa de salsa de tomate (mellor, caseira), engadimos a mozzarella e un chisco de ourego. 


Botamos os mexillóns cocidos, as gambas crúas e o pemento cortado en tiras. 


Enrolamos a nosa pizza. 


Cortamos en anacos de aproximadamente 2 cm. 


Pintamos a tixola (ou o molde) cun chisco de aceite. 


Colocamos os anacos de pizza. 


Cubrimos co queixo relado. 


E enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante, aproximadamente, 20-25 minutos. 


Servimos no molde para que cadaquén vaia collendo e xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste e que a faigades na casa!!


Nós mantivemos os rolos unidos no molde, xa que a cohesión era potente pola cantidade de queixo mais iso pode ficar ao voso gusto. De igual modo, pensade en como desexades o grosor dos pizza rolls pois para iso deixaredes unha masa máis fina ou máis gorda. Nós optamos por uns rolos potentes mais non hai problema en facérmos isto máis lixeiro :-)
Agardamos que lle tiredes proveito á idea e lle metades o dente máis cedo que tarde. Quedades coa nova receita. Unha fortísima aperta, bolboreteir@s e boa finde!

5 comentarios:

  1. Uau!cómo mola!!!👏👏👏
    La probaremos 😉

    ResponderEliminar
  2. Uau!cómo mola!!!👏👏👏
    La probaremos 😉

    ResponderEliminar
  3. Uummmmmmmmmmmmmmm con lo que nos gusta la pizza en casa estos rollitos seguro que estan de muerte relenta no lo siguiente a las fotos e ingredientes me remito ,os han quedado de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar