Bo día, bolboreteir@s! Non vos arrecende xa a primavera? Que ben, que ben 😍😍 Habará que ir sumando pratos algo máis frescos, ensaladas... ñam. Con todo, hoxe aínda non inauguramos ese ciclo.
Unha das nosas paixóns, que seguro compartimos con moit@s de vós, é a de probar novos pratos cando coñecemos algún restaurante mais despois, en caso de gustarmos (o máis habitual) levalo despois á práctica na nosa casa. É unha dinámica que repetimos en innumerábeis ocasións e despois desta viaxe a Portugal, non ía ser menos.
O sábado achegámonos a unha pizzaría que nos recomendaron en Aveiro, chamada Pizzarte (nós tamén vola recomendamos encarecidamente). Alí desfrutamos do típico pan de allo que adoitan facer no país luso, dunha pizza máis común e tradicional e despois dun prato de pasta do que saboreamos até a última pinga. Os spaguetti negros con allada e gambas tiñan que estar aquí si ou si. Porque esa pasta xa ten un sabor moito máis intenso grazas á sepia coa que os fan, e con ese elemento de cohesión a base de allo... mmmm, tórnase irresistíbel.
Difícultade non ten moita, aínda que para que queden exquisitos hai que controlar certos pasos do proceso de elaboración. Aí a tedes.
Spaguetti negros con allada e gambas
Ingredientes (para 2-3 persoas):
- 200 g de spaguetti negros
- 100 g de gambas
- 1 tomate
- 2-3 dentes de allo
- 1 chile
- Pementa moída
- Sal
- Aceite de oliva
- Auga
- Para servir: queixo relado ao gusto e ourego.
Utensilios: unha pota grande, unha tixola, unha picadora, un coitelo e unha culler.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de cocer os spaguetti en abundante auga cun chisco de sal. Témolos que deixar ao dente porque despois irán á tixola (tedes no paquete de pasta os min. precisos para a súa cocción). Cando estean listos, escoámolos e reservamos. Non tiredes toda a auga da cocción da pasta, despois veredes por que.
A continuación, quentamos dúas culleradas de aceite e engadimos o chile e o allo picado.
Cando o allo comece a dourarse, engadimos o tomate triturado, ou picado finamente.
Deixamos cociñar 5 minutos e engadimos as gambas.
Cando as gambas estean feitas, engadimos os spaguetti e unha cullerada da auga de cocción. Mesturamos moi ben.
Rustrimos durante 5 minutos e xa estarían listos para comer! Servimos e engadimos un pouco do voso queixo relado favorito (nós usamos San Simón) e un chisco de ourego e xa estarían preparados para comer!
Agardamos que vos gusten e que os fagades porque vos van encantar 😉😘 Para que queden no seu punto seguide os tempos de cocción e non deixedes a pasta despois moito tempo na pota pois a auga quente segue a facer o seu efecto. A verdade é que este prato de pasta gana moito ao dente aínda que vós sodes quen mellor vos coñecedes á hora de encher o bandullo, hehe. Deixámosvos con esta saborosísima creación que traemos da nosa visita a Aveiro e que agardamos chegue até as vosas cociñas. Unha fortísima aperta, amig@s!!!
En casa nos encanta la pasta pero los espaguetti negros no tuvieron exito con mis chicos la unica vez que los prepare asi que no los he vuelto a comprar , de buena gana me comia ese plato seguro que estarian de muerte relenta no lo siguiente.
ResponderEliminarBicos mil wap@s y feliz inicio de semana.
E a nós que nos encantan!! A verdade é que están moi rico mais teñen un sabor máis forte que os normais, haha!
EliminarUn bico e grazas por pasarte!!