Bo día, bolboreteir@s! Non vos arrecende xa a primavera? Que ben, que ben 😍😍 Habará que ir sumando pratos algo máis frescos, ensaladas... ñam. Con todo, hoxe aínda non inauguramos ese ciclo.
Unha das nosas paixóns, que seguro compartimos con moit@s de vós, é a de probar novos pratos cando coñecemos algún restaurante mais despois, en caso de gustarmos (o máis habitual) levalo despois á práctica na nosa casa. É unha dinámica que repetimos en innumerábeis ocasións e despois desta viaxe a Portugal, non ía ser menos.
O sábado achegámonos a unha pizzaría que nos recomendaron en Aveiro, chamada Pizzarte (nós tamén vola recomendamos encarecidamente). Alí desfrutamos do típico pan de allo que adoitan facer no país luso, dunha pizza máis común e tradicional e despois dun prato de pasta do que saboreamos até a última pinga. Os spaguetti negros con allada e gambas tiñan que estar aquí si ou si. Porque esa pasta xa ten un sabor moito máis intenso grazas á sepia coa que os fan, e con ese elemento de cohesión a base de allo... mmmm, tórnase irresistíbel.
Difícultade non ten moita, aínda que para que queden exquisitos hai que controlar certos pasos do proceso de elaboración. Aí a tedes.
