E xa está aquí a primeira das receitas escollidas para celebrarmos a chegada en Twitter a 500 seguidores/as. Foi Maruxiña Pernas Longas (Facebook) quen nos deu a idea de crearmos unha empanada vexetariana xa que non é un produto que encontremos con moita facilidade no comercio. Cómpre resaltar a galeguidade das empanadas, que aínda que non soubemos exportar igual de ben que fixeron outros países cos seus produtos (véxase Italia coa pizza), é algo que botamos moi en falta cando estamos fóra da Galiza.
Para facermos esta empanada un pouco máis autóctona decidimos engadirlle un dos clásicos da alimentación galega: os grelos. O resultado foi, sen dúbida, marabilloso!! Unha empanada moi moi completa e saudábel. Unha delicia para @s vexetarianos, mais tamén para aqueles que non coman tan a miúdo verdura. Aí vos vai esta receita que se converirá nun fabuloso recurso para a vosa cociña:
Empanada de grelos e cogomelos
Ingredientes:
Para a masa:
- 300 gr de fariña
- 1 vaso de auga, aproximadamente
- 12,5 gr de fermento de panadaría
- 1 culleriña de sal
Para o recheo:
- 200 gr de grelos
- 200 gr de cogomelos
- 1 cebola
- Queixo relado ao gusto (podendo ser, dun queixo galego: Arzúa, San Simón...)
- Un ovo
Elaboración:
Para a masa:
O primeiro paso é quentar un pouco a auga e desolver nela o fermento. A continuación, nunha recipiente non moi pequeno botamos a fariña, a auga co fermento e o sal. Mesturamos os ingredientes até formar unha masa homoxénea e brandiña. Se vos queda a masa moi dura, teredes que engadir unha pouca máis de auga e se, pola contra, queda demasiado branda e pegañenta precisades máis fariña. Non vos preocupedes por iso. Agora tedes que deixar levedar durante 1 hora nun lugar cálido.
Para o recheo:
Lavamos e cortamos os grelos e cocémolos durante 10-15 minutos para que perdan a acedume. Reservamos.
Nunha tixola cunhas gotas de aceite, friximos a cebola e 5 minutos despois engadimos os cogomelos. Cando estean case no seu punto, engadimos os grelos e mesturamos ben.
É a hora de montar a nosa empanada! Nunha superficie enfariñada colocamos a nosa masa e estiramos coa axuda dun rolete. Cortamos coa forma que desexemos para termos a base deixándomos un pouco de masa para posteriormente poñer a parte superior da empanada. Colocamos o recheo no centro da masa e pomos por riba o queixo relado para despois taparmos. Pechamos ben os bordos coa axuda dun garfo para que o recheo non salga durante a cocción. Batimos o ovo e pintamos a nosa empanada para que estea doradiña. Enfornamos durante 30 min a 200º, calor arriba e abaixo. Deixamos arrefriar un pouco e xa está lista para comer!!!
Recoméndovos moi encarecidamente que probedes a elaborala. Non vos arrepentiredes; é un produto moi completo e realmente saboroso alén dun outro xeito de comer grelos, que sempre entran ben :-) Unha empanada da terra coa que desfrutardes da comida e coa que sorprenderdes a calquera convidad@.
Buff ten unha pinta moi boa. Intentarase facer.
ResponderEliminarMoitas grazas! Seguro que non te arrepintes ;)
EliminarUnha aperta!
¡Qué boa!
ResponderEliminarApuntada queda :)
Un bico!
Moitas grazas! A verdade é que queda deliciosa ;)
EliminarBicos!
Había tempo que non vía unha receita tan apetitosa!! Parabens!!!
ResponderEliminarMoitísimas grazas!
EliminarUnha aperta ;)