sábado, 18 de febreiro de 2017

As merendas da infancia (Xeración Xabarín)

Sábado de recordos, sábado de retorno dixital a ese locus amoenus encarnado na liberdade, ludismo e soños. Hoxe non traemos unha receita senón que facemos unha viaxe atrás no tempo para lembrarmos as merendas que acompañaban as nosas tardes de infancia e as de varias xeracións nas que o Xabarín Club serviu como fío condutor, como símbolo xeracional.



Hai moito tempo que tiñamos en mente este artigo mais foi agora co salto ao Youtube cando lle vimos todas as posibilidades de execución xa que nel deben facer parte gastronomía, deseño e música. Porque si, así eran as horas após a chegada do colexio. Xogo desmedido e despreocupado, tarefas nunha medida que  permitían seguíndomos ser libres, e... a merenda. Porque esta era a mellor comida do día. Aquela na que nós eramos quen gobernaba, quen decidía, marcando os elementos, os tempos e a compaña. E esta era dese porco bravo que falaba o mesmo idioma ca nós e que guiaba uns debuxos caralludos que tamén así se expresaban. Dragon Ball, Doraemon, Arale, Hattori o Ninja eran entre outros os nosos acompañantes, aínda que despois tamén o serían para demais nen@s Detective Conan, Candy Candy ou Shin Chan.
Todo isto acompañado das cancións que máis nos cativaban da man de Aerolíneas Federales, Os Diplomáticos de Montealto ou Heredeiros da Crus. Convertéronse na BSO de toda unha xeración temas como "Quero xamón", "Estou na lavadora", "Pero que jallo é", "Carmiña Vacaloura", "Prefiro bailar twist", "Socio busco socio" ou calquera das intro e peches das series que aínda hoxe podemos cantar ao pé da letra.
E ademais, quen nos quita a ilusión que nos facía saír na tele con oito, nove ou dez anos o día do noso aniversario? Quen non recorda os nervios de ir a un dos concertos do Xabarín e da Xababanda? Quen esquece a fachenda mostrando o noso carnet de membro do Xabarín?
 
Podemos dicir que a madalena do Proust de toda unha xeración está entre bocadillo de chocolate, pan con nocilla, galletas María, unha cunca de cereais ou demais posibilidades mais a carón dun xabarín galegofalante. 
Desde logo, analizándomos isto co paso do tempo, a melancolía apodérase de nós e o mito agrándase sobre todo polo símil co momento actual. O Xabarín Club foi, para nós, o axente normalizador máis incisivo e decisivo dos 90 e a súa presenza marcou a infancia de milleiros de galegos e galegas.
Así pois, morriamos coas ganas de vos presentar esta recompilación en que a gastronomía ocupa o centro mais que non se podería entender sen ese fío musical acompañante, sen esas imaxes e deseños que facían calquera simple merenda a creación máis saborosa que podía existir. Viva o Xabarín Club e vivan os debuxos animados en galego!
Deixámosvos entón a ligazón para que visitedes este último vídeo cargado de saudades e de lambetadas que seguro volveredes a preparar despois de o visualizar. Non tedes máis que clicar na seguinte ligazón: AS MERENDAS DA INFANCIA
"Somos do clube da galega, por fuciños, por cacheiras!" "E ti, xa es do clube? Afíliate" Unha fortísima aperta, amig@s!

As merendas da infancia (Xeración Xabarín)

2 comentarios:

  1. Un post precioso yo no soy de la generacion de las meriendas viendo el Xabarin pero mi hijo si lo veia le encantaba ver a sin chan aunque se podia ver en castellano en gallego esta mejor doblado y la cancion es mas chula ...os pimentos saben moi mal mira que trompa ... al igual que doraemom ,yo aun me acuerdo de las canciones que habeis puesto en el video jajaja si es que no me perdia un programa tambien ,yo no llegue hacer socio a mi hijo del club pero si recuerdo cuando ponian las fotos de los cumpleañeros .
    Un post y video muy chulo .
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas!! Dunha forma indirecta participas do Xabarín polo teu fillo e tes toda a razón, a dobraxe é mellor en galego 😊😊😘😘

      Eliminar