domingo, 8 de xaneiro de 2017

Pasteliños de patacas e nabizas

Bolboreteir@s, chegou o día da estrea!! Neste domingo de despedida de Nadal hai motivo de ledicia pois ábrese, por fin, unha canle de receitas en galego, cunha primeira videorreceita da que aquí vos queda a explicación e desenvolvemento escrito. Démoslle varias voltas á idea mais finalmente decidímonos por estes novidosos pasteliños de patacas e nabizas pois queriamos que a primeira receita fose sorprendente e ao tempo con identidade propia.
Agardamos agora impacientes os vosos comentarios, gústame e subscricións en Youtube pois queremos saber o que vos parece esta primeira creación en vídeo que preparamos con tanta ilusións para vós. Este vai ser un proceso de aprendizaxe en conxunto, ao igual que o do blogue, no que agardamos ir comezando con novas cousas pouco a pouco e traermos receitas ben gorentosas desas que tanto gustades.




Nun primeiro momento imos tentar seguir un ritmo de publicación de dúas videorreceitas ao mes, que irán en sábado, a excepción desta primeira. Así que os martes e sábados seguirán sendo días de nova receita e algúns deses sábados complementarase co contido visual. Con todo, tentaremos traer ao Youtube algunhas das receitas que mellor acollida tiveron no blogue e que talvez queirades ter tamén en formato audiovisual.
Sexa como for, aquí fica todo anotado nesta primeira videorreceita.


Pasteliños de patacas e nabizas



Ingredientes:

  • 5-6 patacas
  • 300 g d enabizas
  • 4 lagostinos
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 2 culleradas de aceite
  • 1 cullerada de manteiga
  • 1/2 cullerada de noz moscada
  • Pementa moída
  • Sal

Utensilios: unha tixola, unha pota, unha cunca, unha culler de pau, un garfo e moldes para madalenas.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de cocer as patacas en abundante auga con sal até que abrande. Mentres tranto, preparamos o recheo. 


Na tixola, rustrimos os dentes de allo e a cebola ben picadiños en dúas culleradas de aceite. 



De seguir, engadimos os lagostinos e as nabizas, tamén cortados finamente. Sazonamos con sal, pementa e deixamos cociñar durante 5 minutos. Reservamos.


Cando as patacas estean cocidas, escoámolas. Agregamos a noz moscada,  a pementa moída e a manteiga e comezamos a esmagalas co garfo até ter un puré. 


Despois, pintamos con aceite os moldes para madalenas e empoámolos cun pouco de pan relado. Cubrímolos cunha capa de puré e reenchémolos co rustrido de nabizas e lagostinos. Tapamos con máis puré. 



Enfornamos a 170º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos. Deixamos que se atemperen un pouco para desmoldalos con moito coidado. 


E xa estarían preparados para comer! Agardamos que vos gusten! 


Puxemos o maxín a andar e a verdade é que ficamos moi contentos pois ese núcleo cheo de intensidade e substancia fai destes pasteliños un manxar que honrar e que ter moi en conta para calquera día que teñamos uns minutiños para experimentar na cociña.
Aquí para a próxima faremos o dobre pois gustaron a tod@s e ao final, apenas chegaron a nada, haha. Deixámosvos pois que gocedes deste domingo xa acompañado dos pasteliños de patacas e nabizas. Unha forte aperta!

2 comentarios:

  1. Buenísimo!!!
    Enhorabuena por la videoreceta.
    Una observación : la traducción escrita...no se si es optativa o la genera directamente el canal - no es textual. Sólo para informarme y saberlo para las próximas recetas por venir :)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola, Gabriela. Moitísimas grazas polo teu comentario, alegrámonos moitos que che gustase. E moitas grazas tamén pola observación pois nós non nos fixaramos nos subtítulos. Estamos argallando para os modificar para que aparezan ben ou non aparezan pois así parece un idioma moi estraño, hahaha.
      Unha forte aperta!

      Eliminar