martes, 3 de xaneiro de 2017

Entrecosto en salsa de champiñóns ao viño tinto

Xa adaptad@s ao novo ano? Ou precisades uns días mais? Nós continuamos coa rutina para non vos sintades estraños neste 2017 e comezamos forte cun prato estrela para calquera menu pois xa só a carne atrae só con escoitar o seu nome. Estamos a falar do entrecosto, peza que ocupa un lugar privilexiado no maxín de tod@s @s amantes da boa carne.
Evidentemente non é unha receita para todos os días pois nin debemos inxerir acotío produtos cárnicos nin o noso peto o acepta de boa gana pois non é un alimento especialmente económico. Mais o que si ten é sabor. 
Ademais, cando pedimos un entrecosto en calquera restaurante manexamos apenas dúas opcións, ou a que conta con sala de viño Porto ou a que vén sen mollo. Así que na casa preparamos unha versión da primeira aínda que modificando o viño pois non era ese o que tiñamos a man.
O resultado podía ser bo ou moi bo e claro, foi mellor aínda pois a carne quedou tal e como queriamos e a salsa, aínda non sendo como a do Porto, si ofreceu esa humidade intensa que agradecemos ás veces para este tipo de pratos. En resumo, unha xoia gastronómica!!


Entrecosto en salsa de champiñóns ao viño tinto


Ingredientes (para 2 persoas):


  • 2 entrecostos de tenreira
  • 7-8 champiñóns
  • 1 cebola morada
  • 2 dentes de allo
  • 1 vaso de viño tinto
  • 2 culleradas de aceite
  • Pementa moída
  • Sal


Utensilios: unha tixola, unha prancha, unha culler e un coitelo.

Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a salsa de champiñóns ao viño. Rustrimos a cebola e o allo ben picados en dúas culleradas de aceite. 


Cando abranden, engadimos os champiñóns cortados en láminas. Sazonamos con pementa e sal ao gusto.


Cando estean cociñados, engadimos un vaso de viño tinto. Nós, neste caso, utilizamos un Rioxa, mais podedes utilizar o que máis vos guste. Deixamos que ferva para que se evapore o alcol, aproximadamente 5 minutos. 


Cando teñamos o mollo feito é o momento de facemos a carne, que se recomenda que estea a temperatura ambiente. 


Quentamos ben a prancha e poñemos a carne, recordade que non se debe apertar para que fique máis saborosa. Ademais tampouco se debe pór máis dunha vez por cada lado nin cortala na prancha para que non se rompa o circuíto da calor. Recoméndase cociñala de 3 a 5 minutos de cada lado, mais o punto de cocción será a gusto de cadaquén, nós fixemos un ao punto e outro ben pasadiño.


Servímolo rapidamente, para que non arrefríe, engadímoslle unhas pedras de sal e acompañámolo da salsa de champiñóns ao viño tinto.  E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste! 



Xa vedes que dificultade ningunha. A clave está en ter motivo para vos dar unha pequena homenaxe e un pouco de tempo para gozar tranquilamente do entrecosto. Deixámosvos a opción de o facer con este saboroso mollo ou simplemente só, dándolle todo o protagonismo á carne.
Sexa como for, vai ser todo un festín o que vos ides dar así que... a desfrutar con este entrecosto ao viño! Unha forte aperta!

4 comentarios: